Conversa con Xoán Bascuas, secretario xeral de Máis Galiza


Redacción

O pasado 11 de marzo, Máis Galiza tomou unha decisión difícil, pero participada por unha ampla maioría: abandonar a súa militancia no Bloque Nacionalista Galego e converterse en partido político cun proxecto propio e autónomo. A partir de aí fixo un chamamento o pasado 31 de marzo ao Encontro Irmandiño e a Acción Galega para iniciar conversas de cara á configuración dunha proposta política e electoral de cara aos vindeiros comicios autonómicos. Con posterioridade sumáronse os Ecogaleguistas. E nesa andaina están.

Hoxe conversamos co seu secretario xeral sobre o novo proxecto nacionalista que está xermolando no noso país

Para empezar e en poucas palabras, que está nacendo? Que estades preparando? Quen ten sitio nese proxecto?

Empregar poucas palabras para explicar o que se está  a construír non é doado. De forma resumida, direi que se está  a configurar un novo espazo político, de amplo espectro ideolóxico, con novas formas de facer e dicir, que pretende poñer o país por diante. Estamos a crear unha nova forza política chamada a asumir a hexemonía social e política de Galicia, con vontade de transformación da nosa sociedade, desde a formulación de solucións e non desde as ensoñacións ideoloxicistas.

Afirmar a identidade nacional de Galicia; defender os nosos sinais de identidade nacional; a posta en valor do noso idioma; a defensa do Estado do benestar, e a conxugación da acción política institucional coa social son argumentos caracterizadores do que debe ser o novo referente político.

Hai “espazo” político? E se o hai, hai espazo electoral? Vai servir para sumar ou para restar enerxía política para unha Galicia necesitada de forzas propias?

A evidencia da perda de votos das forzas de esquerdas do parlamento galego así o demostra, eu teño o convencemento de que o nacionalismo sumará máis votos que até o de agora que só había unha única opción electoral real. Agora quen non queira votar por unha candidatura nacionalista poderá optar a apoiar a outra con opcións, algo que até hai pouco non podía acontecer. De igual modo, cómpre tamén considerar o importante volume de abstencionistas que hai no país e que poderían atopar na nova oferta nacionalista unha porta aberta de saída desa situación.

Cal é o modelo organizativo que aspiran a crear? Fálase dun partido do século XXI, partido 2.0, partido de “abaixo-arriba”, de listas abertas para escoller candidatos… Como se vai encaixar todo iso? E máis en concreto, pode convivir o pragmatismo duns co asemblearismo doutros? Podería convivir a esquerda independentista (FPG ou Causa Galiza) co centro galeguista de Táboas ou Cuíña? Pódese crear un espazo habitable para esa diversidade?

Existe un certo grao de consenso á hora de entender que a nova forza política debe ser de adscrición individual, libre e voluntaria. Xa que logo, o que se pretende é unha fórmula organizativa unitaria. Desde logo, non ten sentido ningún un modelo de Fronte (nin de frontismo sen fronte) conxugado cun asemblearismo que se mostra como un instrumento básico de participación democrática. Agora ben, a nosa é unha época na que os acontecementos transitan a velocidades de vertixe, polo que as respostas políticas deben ser tamén veloces, eficientes e eficaces.

De igual modo, nos tempos que nos tocou vivir, nos que a informática e internet nos ofertan múltiples posibilidades, son variadas as ferramentas que nos permitirían a participación política de moitas persoas, tanto para o debate como para a toma efectiva de decisións.

Asistimos a unha demanda crecente da cidadanía por verse realmente implicada na toma de decisións. Velaí que haxa que abrir as portas partidarias á cidadanía, asumindo que un partido político non debe, nin pode, ser patrimonio só da súa militancia. Nesta reflexión encaixa a proposta de eleccións primarias abertas á cidadanía para a elección do candidato ou candidata á Presidencia da Xunta.

Ao respecto da convivencia política desde a diversidade ideolóxica é máis que posíbel. Diferentes forzas políticas noutras latitudes xa o teñen demostrado. É perfectamente posíbel desde a vontade de acentuar o común e minimizar a diferenza. É perfectamente posíbel desde a configuración política dun discurso común e polisémico no que todo o mundo se sinta recoñecido. Iso si, só unha aceptación ou connivencia coa violencia como modo de expresión política debe ser o linde do non aceptábel.

Hai algunha mensaxe clara, un contido mínimo convocante, formulado xa en positivo? Que é o esencial dun posible documento de mínimos para un acordo?

A día de hoxe xa existe un acordo de mínimos entre tres das catro forzas políticas até o de agora mencionadas. Acción Galega, Máis Galiza e Ecogaleguistas asinaron o pasado 15 de maio un guión programático baixo o epígrafe “Compromiso por Galicia”. Nese documento poden atoparse os argumentos mínimos que nos suman a estas tres forzas: rexeneración democrática, compromiso ético e participación republicana da cidadanía. A partir da segunda semana do mes de xuño haberá unha serie de actos públicos, abertos e participados. De igual modo, tamén se poden localizar os nosos documentos na rede, onde xa estamos a recibir suxestións e propostas para a mellora dos mesmos.

Neste momento de crise no que a xente busca os extremos (en Grecia a esquerda esquerda e os neonazis de Novo amencer, en Francia o auxe de LePen…) hai sitio na política galega para un proxecto “centrado”?

O que están a demostrar as diferentes eleccións que se celebraron en Europa é que é o momento para a irrupción de novas forzas políticas. Vostede menciona dous casos de forzas políticas de ultradereita que a propia socioloxía electoral advirte da súa aparición en momentos de crise como os actuais. Pero tamén poderíamos falar da irrupción de Syriza en Grecia, do partido Pirata en Alemaña, ou do acontecido en Dinamarca (principalmente coa irrupción do proxecto de Johanne Schmidt-Nielsen), forzas políticas dun claro discurso de esquerdas, e orientado á maioría social dos seus respectivos países e cunha clara vontade de cambio. A nosa é unha proposta tamén dirixido á conxunto da cidadanía, co centro de gravidade na esquerda.

Non é contraditorio que se fale de crear unha forza política nova e que ao mesmo tempo haxa algún dos grupos que se están constituíndo como partido? (caso de Ecogaleguistas)?

Non son eu quen de falar en nome dos ecogaleguistas, pero é pública e manifesta a súa vontade de sumar e participar nun proxecto máis amplo. Son un grupo de persoas que teñen por ambición o ben común e a socialización do seu corpo de pensamento. A súa constitución partidaria responde máis ben á finalización dun proceso iniciado hai case un ano e non a outra cousa.

Chegarase a tempo?

Chegarase. E terá que ser en perfecto estado de operatividade. A responsabilidade para co país non permite outra.

As enquisas que saíron son, en xeral, optimistas co novo proxecto… Tedes algún dato? Hai posibilidades capaces de superar o 5% que fixa a lei electoral? Se non se conseguise escano sería viable o proxecto?

Superar o 5% dos votos válidos emitidos para cada unha das circunscricións tense amosado como unha barreira real para o debuxo dos mapa partidario galego. Foi unha das grandes vitorias de Manuel Fraga. Para gañar en pluralidade e en democracia é necesaria modificar ese limiar electoral, tal e como propón o documento de “Compromiso por Galicia”. E para gañar en pluralidade e en democracia é  importante ampliar o arco parlamentario e partidario galego.

Non contemplo outro escenario que non sexa ter representación nas vindeiras eleccións autonómicas, pero nunca se debe asociar a viabilidade dun proxecto á súa presenza nunha cámara.

E se ao remate non se sumase o Encontro irmandiño, manteríanse a mesma folla de ruta e as mesmas expectativas?

Non é que o Encontro Irmandiño teña que sumarse. Será o que todos construamos en común. O país non nos perdoaría nunca a perda dunha oportunidade coma esta, polo que o sentido da responsabilidade debería estar presente en todos os que debemos construír esa nova opción para darlla ao País.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais, Política coas etiquetas , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s