XXXV Romaxe
Xosé María Gómez Vilabella

Ora et labora foi o lema monástico dos frades dominicos, pero no noso condado é evidente que esta vocación nos vén de atrás, se cadra da propia Cova da Valiña. Non sería aventurado opinar que comezaron os druídas dos nosos castros, tantos que temos, os castros, e druídas igual queda algún, aínda que medio esquecidos uns e outros.
A nosa particular idiosincrasia tamén ten algo, ou moito!, de priscilianista, pois adoramos a natureza, o verde, que así os entregos bautizaron o noso castro, o principal, o central, a cabeceira do que logo sería Condado de Flammoso. Pero xa foramos discípulos do apóstolo Santiago, ou de onde veñen os padroados de Santiago de Castroverde, da Meda, de Miranda, de Adai…, anteriores ao século IX e, por tanto, anteriores ao Camiño, anteriores ao Afonso II?
Nesta vocación seguimos facendo camiño! Seguimos, estamos, preparándonos para o gran evento anual. Cal é? Cal será? A XXXV Romaxe de Crentes Galegos!
Isto non precisa retórica para a súa evidencia, para a súa demostración, pois chega e basta con deternos ante os pórticos das igrexas deste condado, comezando, se acaso, por Soutomerille. Por riquezas que atesourase a Igrexa, século a século, sería posible levantar os monumentos que aínda conservamos, cruceiros, petos de ánimas, capelas, igrexas, conventos…, a cal máis traballado, sen unha fe arraigada e transcendente nas sucesivas xeracións do noso país? É un orgullo e unha satisfacción inmensa vir de onde vimos, ser de onde somos, e seguir exemplarizando coas nosas celebracións. Miúdo patrimonio o da nosa herdanza!