Plurilingüismo, pero que clase de plurilingüismo exactamente?


A pregunta

Esta sección é a primeira vez que a colgamos no blog. Trátase dunha pregunta que se fai a 4 persoas diferentes, relacionadas co tema, para que nos dean a súa opinión ao respecto.

Neste caso responden:

Ana Castro

Ana Castro. Profesora da ESO e nai dunha filla escolarizada nun centro plurilingüe.

Paco Díaz

Paco Díaz, profesor de lingua e asesor de formación do profesorado.

Valentín García

Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística

José Manuel Vez

José Manuel Vez, catedrático da Univesidade de Santiago e director do Observatorio Atrium Linguarum: ensinanza, aprendizaxe, avaliación das linguas.

Ana Castro

Ana Castro. Profesora da ESO e nai dunha filla escolarizada nun centro plurilingüe.

Ana Castro. Profesora da ESO e nai dunha filla escolarizada nun centro plurilingüe.

Como profesora e como nai estou a favor da introdución e consolidación do ensino plurilingüe sempre, e cando se faga de forma axeitada.

Os nosos fillos e fillas deben ter capacidade para desenvolverse en varias linguas e así conseguir comunicarse con persoas doutros ámbitos xeográficos e culturais.

Na actualidade estase aplicando un modelo que non favorece o coñecemento de varias linguas a un mesmo nivel, só se potencia unha lingua considerada de maior estatus con respecto ás outras e impide que o alumnado aprenda a lingua propia.

A lingua estranxeira implántase a unha idade demasiado temperá, nun momento no que os nenos e nenas están asentando o proceso de lectoescritura nas linguas que o rodean.

O actual modelo de plurilingüismo tamén falla na metodoloxía, xa que non favorece a coordinación entre o profesorado de diferentes áreas. Os contidos das materias impartidas en lingua estranxeira nos centros plurilingües non son asimilados nas linguas ambientais do alumnado e, polo tanto, non son aprendidos. Ademais de non aprender varias linguas, descende o nivel académico.

O modelo de plurilingüismo que se necesita debería partir das linguas ambientais, para aprender, pouco a pouco, outras. Isto permitiría comunicar calquera contido en calquera lingua. Ademais fomentaríase o respecto por todas as linguas e valoraríase a lingua propia.


Paco Díaz, profesor de lingua e asesor de formación do profesorado.

Paco Díaz, profesor de lingua e asesor de formación do profesorado.

O plurilingüismo é unha cuestión persoal. Significa isto que é cousa de escolla ou de interese individual? Non. O plurilingüismo é propio das persoas, e non doutros seres (animados ou non), porque atinxe á capacidade de comunicarse e de respectar e valorar a diversidade da cultura humana. Aplicado a outros seres –poñamos por caso os centros educativos– constitúe unha prosopopea, un recurso retórico moi habitual nos contos, e no eido educativo hoxe en día non estamos para moitos contos!

No entanto, este concepto –ben entendido– podería resultar unha magnífica ferramenta para un cambio esencial na didáctica das linguas. Podería levarnos a un tratamento integrado da didáctica das linguas centrado no alumnado, no desenvolvemento da súa competencia comunicativa (común a todas as linguas que cadaquén coñece), firmemente apoiada na lingua materna, aberta a diversos graos de dominio e baseada no respecto e na curiosidade cultural.

Exactamente ese é o plurilingüismo que queremos! Cando menos eu! E coido que na lexislación lingüística, nas recomendacións internacionais ao respecto (MCERL) e na lexislación educativa vixente en Galicia as indicacións van no mesmo sentido, e estes xa non vos son contos!


Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística

Valentín García

Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística

Gústame a definición do Marco común europeo de referencia para as linguas, que o entende como a competencia para comunicarse grazas a todas as experiencias e coñecementos lingüísticos do individuo interactuando e relacionándose entre si. É algo, pois, máis complexo e máis aberto ca o dominio de varios idiomas e, dende logo, é máis ca saber inglés. Implica o seguinte:

  • Todos os coñecementos lingüísticos que adquirimos son importantes. A competencia plurilingüe constrúese con saberes de diferente profundidade e de diferentes idiomas, teñan moitos ou poucos falantes. Dende o dominio da nosa lingua materna ata, por exemplo, a capacidade que temos para comprender o portugués grazas ao galego.

  • O plurilingüismo non é só unha cuestión de competencia, senón tamén de actitude. Require o interese e apertura a todas as linguas, que é a que nos facilita que, ao longo da vida, poidamos ir profundando naquelas que necesitemos en cada circunstancia.

  • A competencia plurilingüe, para ser tal, vai sempre acompañada da competencia pluricultural, porque lingua e cultura están fondamente relacionadas.

Por todo isto, en Galicia non se pode entender un plurilingüismo que non inclúa o galego. É máis, o galego debe ser a base sobre a que nosoutros construamos a nosa competencia plurilingüe; entendelo doutro xeito é desaproveitar unha bagaxe fundamental que temos ao alcance da man, renunciar ao idioma que nos identifica, no que mellor expresamos a propia cultura e no que, polo tanto, máis eficaz é a comunicación no noso contorno inmediato.


José Manuel Vez, catedrático da Univesidade de Santiago e director do

José Manuel Vez

José Manuel Vez, catedrático da Univesidade de Santiago e director do Observatorio Atrium Linguarum: ensinanza, aprendizaxe, avaliación das linguas.

Observatorio Atrium Linguarum: ensinanza, aprendizaxe, avaliación das linguas.

A finalidade do plurilingüismo non é outra ca a ‘equidade’ e a ‘cohesión social’. Non se dá sen elas. Por iso apostamos por un plurilingüismo que evite as asimetrías e a fractura social que poida derivarse do peso hexemónico da lingua franca única. Que cómpre ter en conta para promocionar un plurilingüismo inclusivo e coherente?

  1. O plurilingüismo non é algo estraño ao ser humano. A capacidade de alternancia e mestura de linguas é o máis normal no mundo desde sempre. É máis recente o feito de estudar linguas estranxeiras. E plurilingüismo non é ensinar e estudar varias linguas estranxeiras.
  2. O plurilingüe tende a ser un individuo con boas actitudes e competencias interculturais. A competencia comunicativa intercultural complementa a competencia plurilingüe dos individuos. O plurilingüe ten mellores opcións para ser un cidadán intercultural, tolerante e flexible, aberto ao diálogo entre culturas.
  3. O bilingue natural, a diferenza do bi/plurilingüe global, enfróntase a un problema singular de estima da lingua de seu: un andaluz bilingüe é usuario de dúas linguas de alto valor global (español, inglés); un alumno galego é usuario de dúas linguas de alto valor global (español, inglés) e unha (galego) cuxa utilidade global se pon ás veces en cuestión, como revelan as investigacións sociolingüísticas. O plurilingüismo, en contextos onde se produce asimetría entre a estima de linguas de maior e menor alcance global, debe aportar solucións de equidade e cohesión social para os usuarios de linguas minoritarias.
Advertisements
Esta entrada foi publicada en A pregunta. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s