Pasou día


O galego debe explotarse como trampolín a un plurilingüismo internacional.

E volvemos ao plurilingüismo, falaz, que vén despois da romaría.

En Galicia somos plurilingües de vello. Pero pensamos que non. No íntimo, as persoas do país de sempre, as que viven e expresan os prexuízos sen complexos, seguen convencidas de que falan español –ou castelán- mesmo cando falan galego, xa que este idioma de noso sería unha variedade local da lingua importante e internacional. Nin vinte anos de autonomía e “lingua propia”, nin “día das letras”, nin normalización. O galego, polo si ou polo non, ten que estar defendendo continuamente o seu status de lingua moderna e viable.

Non pode haber impulso do plurilingüismo que non comece por explotar ao máximo as posibilidades da propia contorna. Falamos ou coñecemos o galego que nos abre ao portugués de Saramago e Chico Buarque e sabemos e falamos castelán que nos abre a Machado e Sábato.

O veleno estivo na práctica real, na utilización do plurilingüismo como coartada contra o galego. Agora que as augas baixan máis mansas debe facerse unha reflexión crítica sobre a utilización electoral dos prexuízos contra o galego polo PP, a chegada ao poder, a necesidade de compracer a sectores de votantes –minoritarios, pero decisivos– e o invento dun plurilingüismo improvisado, como coartada para rebaixar a presenza do galego nas aulas e na vida.

O resultado, por exemplo, foi pasar en moitos centros dunha práctica consolidada, de impartir a materia de Coñecemento do medio en galego, en bo galego, a un impartir esa materia nun suposto inglés penoso, pobrísimo, mal pronunciado, infestado de erros, incapaz de matices,… un entroido.

A penetración do inglés, francés ou alemán nas aulas é un avance. Sempre que sexan esas linguas, faladas con total mestría e naturalidade. Non fantochadas montadas para que o galego teña menos espazo. Ademais, hai outras posibilidades: plástica, seminarios transversais, educación física.

O propio galego debe explotarse polo seu potencial como trampolín a un plurilingüismo internacional. Xa é hora de deixarse de debates estériles e planificar en serio unha parte da materia de galego nas etapas avanzadas con módulos didácticos que axuden a conectar o galego coa lingua portuguesa, que traballen as diferenzas fonéticas e sintácticas: ao portugués desde o galego. Un privilexio e unha oportunidade.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Editorial coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s