Camiños de arte e historia (III)


Clodio González Pérez

As primeiras construcións cristiás

O cristianismo chega a Galicia cos romanos, sendo polo de agora o monumento máis antigo que se conserva o sarcófago da igrexa de Temes (Carballedo, Lugo), decorado coa Adoración dos Magos, Adán e Eva e os feitos de Xonás, de contra o ano 325. A dúbida xorde en saber se se labrou aquí, se o trouxeron daquela ou se foi importado posteriormente, como ocorre co do Conde Santo de Lourenzá, paleocristián traído da Aquitania no s. X. Pola contra, unha peza tan senlleira coma o crismón de Quiroga, agora no museo da catedral de Lugo, de finais do s. IV ou comezos do V, amosa o desenvolvemento dos nosos escultores da época por ser de mármore local. Entre as construcións está o problema non resolto de se a capela subterránea de Bóveda empezou ou non sendo cristiá.

Polo que atinxe ás laudas funerarias, a máis antiga é a descuberta na parroquia dos Baños (Bande), agora depositada no Museo Arqueolóxico de Ourense, na que consta que o defunto, Alepio, finou en Cristo aos 19 anos o 545.

Os restos que perduran da época sueva e visigoda cínguese aos relevos de Saamasas (Lugo), datados no s. VI, e pouco máis. Non sabemos, por exemplo, como sería a catedral de Lugo na que se celebrou o concilio do ano 567, no que se toma o acordo do reparto do territorio da Gallaecia entre varias dioceses, coñecido por Parochiale suevorum ou Divisio Theodomiri.

Santa Comba de Bande

A construción cristiá máis antiga é a igrexa de Santa Comba de Bande, datada na

segunda metade do s. VII, con engadidos posteriores, sendo tamén contemporánea a de Panxón (Nigrán, Pontevedra), da que non queda máis que o arco triunfal.

Entre as posteriores á invasión árabe sobresaen as tres que hoxe imos visitar: Francelos, Celanova e Samos. Pero non son as únicas, senón as mellor conservadas, xa que da época son, entre outras, a de Santo Adrao de Amiadoso, San Pedro de Rochas, Santa Eufemia de Ambía, Santa María de Mixós e San Martiño de Pazó.


Santa Comba de Bande

Este monumento excepcional, construído na segunda metade do s. VII, orixinariamente era deplanta de cruz grega, cos catro brazos iguais. O aspecto exterior é pobre e o interior moi austero, cuberto con bóveda de canón os brazos e de arestas o ciborio, toda ela de ladrillo. O acceso á capela maior efectúase por un arco triunfal de ferradura, soportado por un par de columnas de época tardorromana, anteriores á actual obra. A igrexa de San Trocado de Santa Comba, a denominación oficial da freguesía, declarouse Monumento Nacional en 1921.

O sobrante do día é doado de pasar: unha visita ao campamento e mansión Aqvis Qverqvennis da Vía XVIII, do Itinerario de Antonino Pío; ir ata o dolmen da Casiña da Moura no encoro de Maus de Salas (Muíños); botar unha boa sesta na área de lecer da capela da Nosa Señora do Viso de Lobeira, estudada por Xaquín Lorenzo (“O Xocas”); tomar un relaxante baño na vila termal de Lobios; achegarse ata o Xurés – Gerês; percorrer parte da Vía Nova e, na fronteira con Portugal, admirar o conxunto de miliarios romanos da Portela de Home.

Francelos: pormenor da porta e celosía.

San Xes de Francelos

Agora é freguesía de seu, pero antes dependía de Ribadavia, sendo por tanto territorio da diocese tudense ato o Concordado de 1953, no que, por aquilo do nacionalcatolicismo, acordouse axustar os lindeiros dos bispados aos das provincias civís. A capital do Ribeiro contou ata comezos do século XX con catro parroquias, dependendo o lugar de Francelos da de Santa María Magdalena, agora sen culto, situada no barrio xudeu, a poucos metros da casa onde estivo a “torá” ou sinagoga.

A capela de San Xes, que sufriu múltiples reformas, para uns data de entre os s. VIII e IX, e para outros do IX e X. Agora sobresae a portada, quizais o primitivo arco triunfal, cos fustes decorados con vides ateigadas de acios (as primeiras cepas do Ribeiro), e a preciosa ventá con celosía.

Na contorna hai ben onde botar o resto da xornada: Ribadavia (tres igrexas románicas e unha gótica, castelo, barrio xudeu…); mosteiro de Melón, en ruínas, cun maxestoso templo cisterciense, mutilado sen a nave; e o de San Clodio, no corazón do Ribeiro. E para lecer, os baños ou caldas de Laias, Pexegueiro, Arnoia, Cortegada e Berán, e a área de descanso e sendeirismo de Pena Corneira (Leiro): orografía abrupta e natureza exuberante, impresionantes igrexas románicas (Lebosende -só a portada-, Serantes e Lamas), interesante cruceiro, paisaxe, sombra, auga, mesas…

San Miguel de Celanova

San Miguel de Celanova

A construción desta diminuta e fermosísima igrexiña sitúase entre os anos 940- 942, sendo o único resto que chegou ata os nosos días do mosteiro erixido por San Rosendo a partir do 936. A súa función non está clara, pero quizais fose a capela destinada aos forasteiros. O que máis chama atención son as dimensións, de non máis de 9 m de longo, repartidos entre a nave, o cruceiro e a ábsida.

Cómpre pasar o día en Celanova: visitar o monumental mosteiro e igrexa que se erguen a poucos metros de San Miguel; coñecer a casa natal de Curros Enríquez; achegarse ata o santuario da Virxe do Cristal (cantado polo bardo celanovés), e dende el subir ata o conxunto arquitectónico de Vilanova dos Infantes, dominado pola torre do castelo, e, non lonxe, o xacemento castrexo de Castromao. Nos concellos lindeiros: o templo monástico de Ramirás, San Munio da Veiga (da orde de Santiago), a igrexa románica da Mezquita (Monumental Nacional dende 1931), etc.

San Salvador de Samos

Todos sabemos onde queda o mosteiro de Samos, da súa igrexa barroca de curiosa fachada, carente de frontón e do corpo das torres, como se non estivese rematada, e dos dous claustros: o grande ou do P. Feijoo (s. XVII – XVIII) e o das Nereidas, do derradeiro gótico, con reformas de comezos do s. XVIII, que foi cando se labrou a fonte que agora lle dá nome, entre 1713 e 1717. Que farán catro sereas lucindo os peitos no medio dun claustro monacal? Estes seres míticos das augas salgadas camparían nunha praza pública –de onde nalgún tempo non moi arredado ata quizais serían retiradas por indecentes-, pero o curioso é velas ao agarimo dun claustro, escoitando dende hai séculos cantos gregorianos e silandeiras salmodias.

Fóra do recinto monástico perdura a construción máis antiga do cenobio: a igrexiña mozárabe de San Salvador ou “do alcipreste”, por unha árbore varias veces centenaria que medra achegada á parede. A obra sitúase entre finais do s. IX e comezos do X, e consta dunha pequena planta de menos de 12 metros, repartida entre a nave e a cabeceira, toda cuberta con lousa. Salientan os arcos de ferradura (da porta e o triunfal) e a altura da nave fronte a cativa anchura, aínda non 5 m.

Outras visitas recomendadas para esta xornada, ademais do mosteiro: a Casa Grande de Lusío (albergue de peregrinos); Sarria (templo románico de San Salvador, igrexa e claustro dos mercedarios, restos do castelo…); O Incio (igrexa de San Pedro Fiz do Hospital)….

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Para saber, andar ou ler coas etiquetas , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s