Historias exemplares


Daniel López

Tremendo iso de ir de católicos pola vida pública! Especialmente cando a verborrea e o sacramentalismo ostentoso se ven desmentidos por unha maneira de comportarse que ofende a conciencia elemental, instintiva e laica da xente, da mesma que loita cada día por sobrevivir, por non perder o emprego, coidar fillos e vellos e tocar algo de felicidade cos dedos.

Despois do Concilio houbo un cambio de conciencia na catolicidade, cambio fortalecido polos exemplos que se daban en comunidades de América, África, en parroquias das barriadas europeas. Era unha nova perspectiva: o que importa son os feitos –“polos feitos os coñeceredes”-, non o que se di. Ortopraxe antes que ortodoxia. Toda unha xeración de persoas perseguidas, asasinadas, non por predicar a ortodoxia, que diso non se morre, senón por vivir a carón dos oprimidos, enfrontándose aos ditadores, a corazón descuberto. Eses mesmos ditadores ían de católicos e recibían a comuñón do Papa, sen censuras nin recriminacións, do mesmo papa que reprendía en público a un Ernesto Cardenal axeonllado. Aquela imaxe era a fin dunha época. A Igrexa xerárquica sacudiu a mala conciencia e volveu apostar, sen rubor, pola gran hipocrisía antievanxélica: a de valorar máis a aparencia do catolicismo de fachenda que os feitos de quen –confese o que confese- fai avanzar a honestidade e axustiza. A operación, para ser completa, debería “descanonizar” e retirar das escrituras certos parágrafos incómodos, por exemplo aquel que di claramente: “non o que diga ‘señor, señor’ senón o que …” Mais todo se andará.

Ver aí atrás a Camps, o hipercatólico, papista, peregrino xacobeo, exemplo para rouquistas e bispiños en xeral, sentado no banco dos acusados, provocando a indignación pola frivolidade no uso das influencias, do poder e dos fondos públicos…dá…o que dá. E, agora, outro católico bocagrande, o Dívar, xefe dos xuíces españois, que concede entrevistas a Mundo Cristiano, dicindo que Ya Pío XII, hace muchos años dijo eso de que lo peor que nos ha podido pasar es perder la conciencia del pecado”.

Pois iso, que irse a Marbella e cargar os gastos ao erario público, é o que un católico exemplar se pode permitir, polos exemplos prestados.

A Igrexa fíxose unha cousa enorme que agacha o que debería ensinar ao mundo. É como un inmenso ferrado posto enriba dunha lámpada, para que non alumee. E o ferrado son ritos, dogmas, censuras, xerarcas, católicos exemplares e moita soberbia.

Pero a luz, estar, está. O caso é dar con ela.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s