Banca pública? Que banca pública?


O debate está aberto. Unha vez nacionalizadas a maior parte das antigas caixas de aforros (Novacaixagalicia entre elas), a pregunta que nos facemos é que toca facer agora. Unha vez demostrada a falta de pericia dos xestores de practicamente toda a banca española e a incapacidade do Banco de España de regular a diarrea crediticia que provocou a morosidade que os está sepultando, podémonos honestamente preguntar se a solución é cambiar os xestores privados polos públicos; se ese cambio satisfará as necesidades crediticias dos galegos.

A dialéctica público/privado ten un enorme encanto ideolóxico. Podémola transladar ao sistema sanitario, ao sistema educativo, á mobilidade urbana, aos servizos sociais ou a calquera eido susceptible de satisfacer algunha necesidade humana. No sistema financeiro, que é mellor? A banca pública ou a privada?

A resposta depende do que queiramos e de como entendamos a cuestión. Non debemos obviar que os desastres das caixas valencianas e madrileñas non son alleos á súa dependencia dunha clase política que pode non gustarnos, pero representaba os seus cidadáns. Non só eran decisións de xestores privados, tamén o eran de representantes públicos.

De aí que o importante sexa centrarnos nos tres maiores problemas crediticios e financeiros que ata agora non son quen de resolver os nosos gobernantes.

En primeiro lugar, na actual situación económica na que as persoas non teñen traballo por cuestións moi alleas a si mesmas, non se debe aceptar ningún desafiuzamento. Ningunha familia pode ver arrebatada a súa vivenda por non poder pagar a súa hipoteca. Os poderes públicos deben avalar a renegociación que fagan os hipotecados coa entidade. Ese debe ser o quid pro quo que os bancos deberán acatar se queren ser salvados. Que un banco estea nacionalizado pola súa incapacidade de facer fronte ás súas débedas e porén pretenda botar da súa casa a unha familia que lle debe varias mensualidades, ten delito.

En segundo lugar, todas as empresas e autónomos deben ter acceso inmediato a financiamento por parte dos poderes públicos, que os deben avalar nas mesmas condicións que había hai uns anos. Esganar o crédito ás empresas está facendo que esta afogue os seus traballadores, vía aplicación da reforma laboral. É evidente a intención de facer “limpeza empresarial” (se houbo intrusismo en anos anteriores, esa non é forma de depurar o sistema empresarial). De tanta depuración provocada, o noso panorama industrial vai ficar ermo. Posiblemente a banca pública galega non teña a mesma urxencia para financiar o consumo privado que para dinamizar o noso tecido produtivo. Efectivamente é unha prioridade unha institución galega potente de crédito, o suficientemente potente para que devolva o pulso financeiro ás empresas que necesitan alimentarse de inmediato. Como sigamos así, a anorexia crediticia forzada á que están sendo sometidas as empresas galegas, vai imposibilitar a súa recuperación cando o diñeiro volva fluír. A estrutura dunha empresa é como a do corpo humano: non pasa da anorexia á saúde simplemente con darlle comida, …se esta vén demasiado tarde.

Por último, a banca ten que librarse dos seus activos tóxicos, solo e vivenda, de forma ordenada e continua. A absorción ideal sería a través dos xestores públicos de solo, que garantirían a futura dispoñibilidade deste sen que caese en mans de fondos internacionais, que xa están prestos a facerse a prezo de saldo co que atesoura a nosa banca. Se isto se materializa, a especulación que se aveciña con ese solo pode ser tan feroz como foi no pasado.

Deixar un comentario