Carta de Pentecoste


Xabier Blanco

Benquerido don Tonino:

Sabe vostede que estamos a vivir tempos difíciles e que a Sociedade e a Igrexa precisan xentes que, deixándose levar polo Materno Espírito, denuncien todo atentado contra a dignidade dos máis débiles e sexan quen de anunciar que outra maneira de resolver as cousas ten que ser posible.

Vostede foi desa xente “profundamente espiritual”, pois, tocada polo Materno Espírito, encheu o seu servizo episcopal de xestos “profundamente espirituais”: organizou a marcha de Saraxevo con 500 obxectores de conciencia para encontrarse con todas as partes enfrontadas na primeira guerra dos Balcáns e tratar, así, de compartir e axudar a curar a dolor de todas as vítimas; converteu o seu pazo episcopal nun albergue para transeúntes onde as mulleres prostituídas atopaban unha palabra amiga, auga quente e un lugar para repousar; pediu participar na asemblea de traballadores das ferrovías en plena crise na cidade e acompañou os detidos á comisaría e díxolle ao xefe de policías: “detéñame a min e déixeos ir a eles”….

E todos estes xestos espirituais xurdían dun intenso cultivo da oración. Escribía vostede unhas cartas fermosísimas dende a mesma capeliña onde rezaba. Hoxe, que moitos dos que tiñan que falar están calados, quero poñer aquí algúns parágrafos da súa carta a traballadores despedidos nos estaleiros da cidade de Giovinazzo, na súa diocese:

“Neste momento particularmente dramático para vós, para as vosas familias e mesmo para toda a cidade, quero facervos chegar esta mensaxe para asegurarvos, con toda contundencia, que estou con vós e estou da vosa parte.

“Estar con vós” significa, en primeiro lugar, compartir o voso sufrimento. Está en xogo a vosa dignidade, a vosa saúde, o voso equilibrio interior, o voso dereito a cultivar relacións interpersoais gratificantes.

Significa tamén compartir os nosos bens. Benqueridos traballadores, debemos admitilo, nós os crentes construímos moitos ídolos: o diñeiro, o poder, o consumo, a tendencia a vivir por enriba das nosas posibilidades. Axudádenos vós a romper coas nosas contradicións. Axudádenos a saír do baleiro das fermosas palabras para facernos comprender, por exemplo, que a frase de Lucas “Quen ten dúas túnicas, que lle dea unha a quen non ten” podería traducirse hoxe así: “Quen ten dúas fontes de ganancia, que lle dea unha a quen non ten ningunha”!

Estar da vosa parte significa compartir a vosa protesta. Protesta contra as corrupcións e tamén as opcións tomadas superficialmente e que fixeron moi pesada e difícil a situación. Protesta contra unha política que non salvagardou os niveis ocupacionais a través das necesarias reconversións e reestruturacións.

Estar con vós, da vosa parte, significa convidarvos a compartir as nosas esperanzas. A situación é moi difícil, sen dúbida, pero temos que axudarnos a vivir esta situación de crise con lucidez e coraxe. Xuntos conseguiremos que veñan tempos mellores para vós e para os vosos fillos e fillas. Deus acompaña a vosa loita, que é tamén a nosa”.

Admirado don Tonino: oxalá o Materno Espírito, vencendo as nosas resistencias, nos poida seguir regalando persoas, mesmo bispos, da súa calidade humana e evanxélica, xente espiritual.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Actualidade, O Noso taboleiro, Utopía. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s