A inquisición actual e as relixiosas norteamericanas


Por Ivone Gebara                                                          

“ Ata cando teremos que sufrir debaixo do seu xugo?”

“Estas relixiosas son mulleres de reflexión e acción cun longo historial de servizos non só no seu país, senón que en moitos outros. Actualmente están baixo sospeita e baixo a tutela do Vaticano. Son criticadas por estaren en desacordo cos bispos, considerados “Os auténticos mestres da fe e a moral”.

55.000 relixiosas baixo sospeita

Unha vez máis, vimos horrorizadas “a avaliación doutrinal” da Congregación da Doutrina da Fe, contra quen, segundo ela, sae fóra da observancia da correcta doutrina católica. Só que nesta ocasión o dedo acusador non sinala unha única persoa, senón unha institución que agrupa e representa máis de 55.000 relixiosas de Estados Unidos.

Trátase da Conferencia Nacional das Relixiosas (LRWC).  Estas relixiosas, ao longo da súa historia, desenvolveron e aínda desenvolven unha ampla misión educativa pola dignidade de moitas persoas e grupos, dentro e fóra dos Estados Unidos. A maioría destas mulleres pertencentes a diferentes congregacións nacionais e internacionais, ademais da súa formación humanista cristiá, son intelectuais e profesionais en diferentes campos do coñecemento. Son escritoras, filósofas, biólogas, teólogas e sociólogas, avogadas; teñen un amplo currículo e competencia recoñecida nacional e internacionalmente. Tamén son educadoras, catequistas e promoven a práctica dos dereitos humanos.

En moitas situacións foron capaces de expoñer a súa vida en favor de persoas vítimas de inxustizas ou opuxéronse ás condutas gravemente inxustas e opresivas asumidas polo goberno dos Estados Unidos. Tiven a honra de coñecer algunhas delas, que foron detidas porque se puxeron na primeira fila nas manifestacións que demandaban o peche da Escola das Américas, institución do Goberno estadounidense que prepara militares latinoamericanos para actuar nos seus respectivos países de forma cruel e represiva.

 Feminismo

Estas relixiosas son mulleres de reflexión e acción cun longo historial de servizos non só no seu país, senón que en moitos outros. Agora están sendo acusadas de seren partidarias dun feminismo radical, de desviacións da doutrina católica romana, de complicidade na aprobación das unións homosexuais e outras acusacións que nos chegan a espantar polo seu anacronismo. Moitas mulleres relixiosas nos Estados Unidos e noutros países son herdeiras, mestras e discípulas dunha das expresións máis interesantes do feminismo mundial, particularmente do feminismo teolóxico que se desenvolveu nos Estados Unidos dende finais da década dos sesenta. As súas ideas orixinais, críticas e posturas libertarias levaron a unha nova lectura teolóxica, que lles posibilitou acompañar os movementos de emancipación da muller.

Desta maneira puideron contribuír a repensar a nosa tradición relixiosa cristiá no rumbo de superar a invisibilización e a opresión das mulleres. Crearon tamén espazos alternativos de formación e textos teolóxicos e de celebración.

Que actitudes tomar ante ese anacronismo e contra a violencia simbólica dos órganos curiais e administrativos da Igrexa Católica Romana? Que pensar do seu marco de referencia filosófico ríxido que asimila o mellor do ser humano ao masculino? Que pensar deste tratamento administrativo punitivo a partir do cal se nomea un arcebispo para revisar, orientar e aprobar as decisións tomadas pola Conferencia de Relixiosas como se fósemos incapaces de discernimento e lucidez? Onde queda a liberdade, a caridade, a creatividade histórica, o amor sororal e fraternal?

 Indignación

Ao mesmo tempo ca a indignación, invádenos un sentimento de fidelidade á nosa dignidade de muller e o Evanxeo anunciado aos pobres e marxinados invítanos a reaccionar ante este acto repugnante de inxustiza. Non é de agora que os prelados e os funcionarios da Igrexa actúan con dúas medidas. Por un lado, foron capaces de acoller novamente no seu seo grupos de extrema dereita que teñen unha historia nociva, principalmente para mozos e nenos, e amplamente coñecida. Penso especialmente nos Lexionarios de Cristo, de Marcial Maciel (México) ou nos relixiosos de Monseñor Lefèvre (Suíza) cuxa desobediencia ao papa e os seus métodos coercitivos é testemuñada por moitos.

Esta mesma igrexa institucional acolle e recibe homes que lle interesan polo seu poder e repudia ás mulleres, que desexan mantelas submisas. Coa súa actitude exponas a críticas ridículas difundidas incluso por medios de comunicación católicos de mala fe. Nestas mulleres os prelados parecen recoñecer formalmente certo mérito cando as súas accións se centran naquelas tarefas tradicionalmente exercidas polas relixiosas nas escolas e nos hospitais. Pero somos só iso? Somos conscientes de que en ningún momento nos Estados Unidos xurdiu a máis mínima posibilidade de que estas relixiosas violasen mozos, adolescentes, nenos e anciáns. Ningunha denuncia pública manchou a súa imaxe. Delas non se di que se aliasen cos grandes bancos internacionais para o seu propio beneficio. Ningunha denuncia de tráfico de influencias, intercambio de favores para manter o silencio da impunidade. E aínda con toda esa traxectoria ningunha delas foi canonizada nin beatificada polas autoridades eclesiásticas, como si o fixeron en casos de homes con poder.

O recoñecemento desas mulleres vén das moitas comunidades e grupos cristiáns ou non, que comparten con elas vida e traballos. E estes grupos, certamente, non calarán ante esa “avaliación doutrinal” inxusta que tamén os afecta directamente. Plaxiando a Xesús no seu Evanxeo, atrévome a dicir: “Teño pena destes homes” que non coñecen de cerca as contradicións e as belezas da vida, que non lles permiten aos seus corazóns vibrar abertamente coas alegrías  e os sufrimentos das persoas, que non aman o tempo presente, que prefiren a estrita lei á festa da vida.

Tal vez pensan que Deus os aproba e se somete a eles e ás súas elucubracións tan afastadas dos que teñen fame de pan e xustiza, dos famentos, os abandonados, das prostituídas, das violadas e esquecidas. Ata cando teremos que sufrir debaixo do seu xugo? Ás queridas irmás estadounidenses da LWRC, o meu agradecemento, cariño e solidariedade.

Se vostedes están sendo perseguidas polo ben que fan, probablemente o seu traballo producirá abundantes e bos froitos. Saiban que, unidas a vostedes, mulleres relixiosas doutros continentes non permitiremos que silencien a vosa voz. Pero se calasen por un decreto do papel, nós faremos dese decreto unha razón máis para seguir loitando pola dignidade humana e a liberdade que nos constitúe. Continuaremos de moitas maneiras, anunciando o amor ao próximo como clave de comuñón humana e cósmica presente na tradición de Xesús de Nazaret e en moitas outras, aínda que de diferentes maneiras.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Horizonte universal. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s