Camiños de arte e historia (II)


Clodio González Pérez

As pegadas de Roma

Os fitos da romanización de Galicia son: ano 137 a.C., Décimo Xunio Bruto, coñecido dende entón polo “Galaico”, pasa o río Limia (Lethes ou do esquecemento); 94 a.C., expedición marítima de Publio Crasona procura das lendarias illas Cassitérides ou do estaño, aínda non identificadas; 61 a.C., expedición tamén marítima de Xulio César ata Brigantium (Betanzos, A Coruña…?); 29 ao 19 a.C., guerras astur-cántabras, nas que entra Galicia, que rematan co asedio e xesta do Monte Medulio, non localizado.

Dúas das 85 torres con grandes fiestras que tiña a muralla de Lugo (Gravado de mediados do s. XIX).

Dende a última data, a Gallaecia pasa a formar parte do Imperio Romano, converténdose en provincia o ano 298, coa reforma administrativa e militar de Diocleciano, con tres conventos xurídicos: lucensis (Lugo), bracarensis (Braga) e asturicensis (Astorga). Posteriormente, a partir de finais do século IV, abrangue boa parte do norte da Península, dependendo ademais da devandita provincia, Cantabria e Campus Gallaeciae (a actual Tierra de Campos leonesa e castelá).

O imperio desintégrase coas invasións bárbaras, chegando aquí os suevos cara o ano 409, que forman reino de seu ata que son vencidos polo rei visigodo Leovixildo, o 585.

As construcións romanas máis populares son as pontes, non obstante que a inmensa maioría datan de época posterior ou sufriron grandes reformas, como a de Ourense. A que mellor se conserva é a do Bibei sobre o río do mesmo nome, no concello ourensán da Pobra de Trives, do s. II, unha das mellores da Hispania e ademais tamén a máis alta (24 m).

LUCUS AUGUSTI

O ano 25 a.C. un corpo expedicionario ao mando de Caius Antistus Vetus, establece o campamento nun bosque posiblemente consagrado á divindade céltica Lugh, que pasa dende entón a denominarse Lucus Augusti, é dicir, bosque sagrado de Augusto.

Así naceu Lugo, a cidade galega que conserva máis restos da romanización, comezando pola muralla considerada única por manter todo o perímetro de máis de dous km., declarada Patrimonio da Humanidade o ano 2000. Non se pode deixar de dar unha volta completa polo “camiño de ronda”, amplo como un paseo –entre 4 e 7 m-, despreocupados dos vehículos e do barullo cotián. A principal subida atópase fronte á fachada da catedral, e dende ela vaise contemplado por unha banda a cidade vella e pola outra a nova: a catedral (románica, barroca e neoclásica, co privilexio da exposición continua, orixe do brasón de Galicia e do lema Hic hoc mysterivm fidei firmiter profitemvr), a casa do concello (proxectada en 1738 por L. Ferro Caaveiro), igrexas e outras construcións de interese.

Pormenor das pinturas de Bóveda: galos, galiñas, perdices, faisáns, pombas…

Da época romana son as termas, dentro do Hotel Balneario á beira do Miño, pero de visita pública, cun manancial de augas sulfurado-sódicas e carbonatadas que deita a 44⁰; a ponte con reformas posteriores, e non moi lonxe –para facer en coche- a enigmática Bóveda, construción subterránea con pinturas e unha piscina no medio. Non se debe deixar de visitar o Museo Provincial e o Centro de Interpretación da Muralla.

Unha xornada non abonda para percorrer a cidade Lugo e os arredores. Cómpre dedicarlle varias para andar de vagar, pasear pola muralla e baixar ata o Miño, a bañarse no mesmo lugar que o fixeronos romanos dende o ano 15 a.C., e que non se abandonou ata os nosos días.

AQVIS QVERQVENNIS

Restos do campamento e mansión de Aqvis Qverqvennis (ao fondo o encoro das Conchas).

O campamento e mansión Aqvis Qverqvennis da Vía XVIII do Itinerario de Antoninoou Vía Nova de Bracara Augusta a Asturica Augusta, atópasena orela do río Limia a curta distancia de Bande, en parte asolagado polo encoro das Conchas. Os restos amosan a súa magnitude, contando ata con termas (unha das debilidades dos romanos eran as augas quentes). Hai letreiros que sinalan as diferentes estancias, así como tamén un Centro de Interpretación ao que se debe acudir antes de comezar a visita.

A xornada complétase ben: antes, Celanova (capela mozárabe de San Miguel e igrexa e mosteiro barrocos, casa de Curros Enríquez…), a curta distancia do campamento fica a igrexa prerrománica de Santa Comba de Bande, e logo pódese seguir cara ao noso Xurése o seu Gerês, decimados os últimos anos polo lume. No camiño quedan os restos da Vía Nova (en parte restaurada) e, xa na fronteira con Portugal, o conxunto de miliarios da Portela de Home.

O CAMPAMENTO DA CIDADELLA

Tamén se coñece por Cidadela, Ciudadela e Ciadella; o último corresponde á denominación da parroquia onde se atopa, pertencente ao concello de Sobrado dos Monxes. Non se sabe o nome do campamento, nin se corresponde a algunha mansión dunha vía romana, aínda que, consonte coas distancias, algúns investigadores coidan que ata pode ser a Brigantium da Vía XX de Antonino ou “per locamaritima”, que se vén situando na costa, entre Betanzos e A Coruña.

O mesmo que ocorre con Aqvis Qverqvennis, aínda que aquí falta máis por escavar, o visitante queda sorprendido polo que foi o campamento e tamén pola muralla, que conserva en sitios máis de dous metros de altura. Malia non coñecer o seu nome, ben paga a pena visitar os restos deste importante xacemento, en parte protexido por unha cuberta.

Muralla do campamento romano da Cidadella.

A xornada pódese completar cunha visita á espléndida igrexa románica de Mezonzo (Vilasantar), patria de San Pedro de Mezonzo segundo a lenda autor da Salve; ao mosteiro de Sobrado, e unhas horas de lecer na lagoa do mesmo nome, construída polos monxes coa fin de dispor de peixe fresco todo o ano, pero que por unha desas sorpresas da natureza de non doada explicación, agora é a única da Península onde vive a alga “Nitella flexilis”.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Para saber, andar ou ler coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s