Conversa con Tucho Calvo


Letras galegas 2012

Aldegunde Quiñones

Paz Andrade foi un visionario preocupado pola modernización de Galicia”

Tucho na entrevista

Tucho na entrevista

 Tucho Calvo, xornalista e editor, é unha das persoas que máis e mellor pode falar sobre Valentín Paz Andrade. Foi a el a quen o polifacético autor pontevedrés lle confiou a súa biografía, que leva por título Valentín Paz Andrade, a memoria do século XX. Neste volume, baixo a forma de entrevista, van desgraendo entre os dous os episodios máis destacados da vida de Valentín, o que equivale a dicir a vida de Galicia no século pasado. Algúns deles son os que comparte Tucho Calvo con Irimia.

Que destaca en Paz Andrade como homenaxeado o Día das Letras?

Á parte dos méritos culturais que poidan valorarse, penso que foi un acerto a escolla da Academia porque nel pódense ver identificados o mundo da xustiza, do empresariado e da política, o que lle confire á celebración un aspecto máis amplo. Isto é importante porque, ás veces, para o común da xente, resulta difícil entender por que se valora tanto o labor dunha persoa cun reducido número de poemas. Con Valentín, porén, ninguén pode discutir que hai moitos eidos nos que salientou e fixo un gran traballo.

E un deles foi o xornalismo

Efectivamente, dende moi novo manifestou un grande interese polo xornalismo. Cando vai á guerra de Marrocos xa fai as súas primeiras colaboracións como correspondente e cando lle xorde a oportunidade de dirixir o Galicia non o pensou. O seu é un xornalismo de fondo, reflexivo, no que amosa unha forma de ser que destaca pola firmeza para levar adiante as súas iniciativas á marxe dos riscos. O Galicia foi un xornal moi crítico coa ditadura de Primo de Rivera, que o acabou pechando.

UNHA VIDA DE PELÍCULA

A súa vida está marcada por acontecementos que parecen sacados dunha película de acción

Algo especial debía ter. Parece un personaxe marcado polo destino, que está no lugar oportuno e no momento adecuado: non colle un avión en África e resulta que é o que cae, sofre un atentado por parte dos anarquistas no que recibe cinco tiros e consegue seguir adiante, perségueno os falanxistas a tiros por Verín e que non o dan matado, atropélao un coche machucándoo todo e consegue saír dela… E aínda hai uns telegramas arrepiantes das autoridades da época nos que din, sen rubor ningún, que foi o único que se lles escapou.

Paz Andrade sempre tiña en mente a modernización de Galicia

 

Foi un visionario. Nun momento en que España está pechada el é un home que viaxa por todo o mundo, que fala coa xente máis avanzada do momento e iso ábrelle os ollos a outras realidades. El era o suficientemente espelido como para poder trasladalas aquí e facer propostas, moitas veces contracorrente. Xa nos anos 20 a idea del eran as comunicacións: ter saída en tren cara Europa polo norte e facer de Galicia cabeza de ponte para América. Se iso se levase a cabo daquela, suporía un cambio fundamental no noso futuro. El é un galeguista convencido e aberto ao mundo que busca situar a Galicia nun plano internacional e de modernidade.

Cal foi o seu papel na creación de Pescanova?

Púxoa en marcha con José Fernández, un dos seus grandes amigos. Non foi o empresario dos cartos, pero si o motor da idea partindo do amplo coñecemento que tiña do mundo pesqueiro e dos recursos. Ese foi o seu mérito, ver o que pasa no mundo, aplicalo aquí e xestionar a posta en marcha desas potencialidades.

Tamén foi unha das pontes entre a Galicia interior e o exilio

Nas súas numerosas viaxes tivo moito contacto cos exiliados de Sudamérica, que se mantiveron ata a transición e mesmo participou na volta dalgún exiliado ilustre. O feito de ser técnico da FAO facilitáballe poder viaxar nos anos máis duros da ditadura.

Nos anos 70 vese unha actitude crítica con respecto á forma en que se lle daba remate á ditadura

Si, é bastante crítico coa forma en que se desenvolveu a transición en Galicia, sobre todo co partido galeguista. Pensa que hai un grupo que controla o partido e que mantén á marxe parte dos seus valores históricos. Na transición tamén critica o acceso aos cargos de xente que vén da ditadura e doutros que el cualifica como mediocres.

EXILIO E TRANSICIÓN

 

E esa crítica estendíase ao grupo Galaxia liderado por Ramón Piñeiro

Con respecto á xeración da editorial Galaxia hai un parágrafo que resume moi ben o que pensaba e di así: “Podíase facer doutro xeito. Por que non se había continuar a tradición seguida até 1936? Por que os elementos do naufraxio non podían permanecer unidos? Porque, precisamente ata a incorporación de Sabell […], aquí había unha compenetración. Cando morreu Castelao, ao primeiro que apelaron foi a min para que fixese o artigo necrolóxico que ninguén se atreveu a facer. Tiven que escribilo e exporme ás consecuencias. Fíxeno con moito gusto. Até ese momento non pasaba nada, aquí todo o mundo era unha soa persoa. Mais morre ese home, publícase o artigo e non sei que pasou que esta xente comezou a evolucionar en círculo pechado e só se lembraban dun para pedir cartos. E non foi só comigo, pasoulle a Maside o mesmo. Todos os que tiñan certa capacidade crítica foron excluídos, e claro, aí está o malo, porque iso converteuse nun vertedoiro de mediocridade e non se fixeron as cousas como se deberían facer. Moitos dos libros que leva editado Galaxia deberían manterse no anonimato. A desaparición do Partido Galeguista é unha derivación desa actitude que adoptaron. Eles non quixeron falar de reconstituílo. Non sei o porqué. Vaites, eu seino, mais claro, non podo falar diso.”

Pois moito máis claro non podía falar

Eu admito que entre eles se poidan criticar pero nós debemos ter un respecto exquisito por todos os que fixeron algo, porque naquelas circunstancias calquera, por un artigo no xornal podía perder a vida ou ir ao cárcere. Cada un sabía de si e era lóxico que as tensións fosen moi fortes, pero temos que ter coidado coas valoracións.

Tamén importante foi o seu papel nas comisións negociadoras da oposición durante a transición

Que o elixan entre todos como representante de Galicia nas negociacións co Estado durante ese período histórico dá o nivel do personaxe. Foi unha figura clave que pola súa formación, a súa visión do mundo e os seus contactos históricos, podía tratar de ti a ti a calquera dos que estaban naquelas reunións.

Da súa obra literaria que idea subliñaría?

Á parte da súa obra poética e xornalística, salienta no campo ensaístico. Valentín fixo un traballo importante co idioma, de achegamento ao mundo lusófono, que era unha das súas teimas. Como estivo en contacto con intelectuais destes países, tanto en África coma en América, enriquece a lingua con moitas das expresións dos idiomas irmáns. O estudo de Guimarães Rosa dálle argumentos para seguir traballando nesa liña. Noutros campos destacan os ensaios Castelao na luz e na sombra ou Galicia como tarea.

Como foi a súa relación con el?

Comigo foi sempre un home encantador e agradézolle a confianza que puxo en min ao confiarme a súa autobiografía. O Valentín que eu coñecín era unha persoa dialogante, amena e ao que resultaba doado achegarse. Era un home cordial co que podías estar falando horas porque lle sobraba de que falar.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Actualidade, As festas do ano, Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s