Crónica da XXX Asemblea de Crentes Galeg@s


O sábado 14 de abril celebrouse en Santiago de Compostela a XXX Asemblea de Crentes Galeg@s. A Asemblea é a xuntanza anual que convoca a todas as persoas que están nos grupos e comunidades coordinadas na Coordinadora de Crentes Galeg@s. O lema da asemblea foi: Como construír a Paz dende a rebeldía.

I.- A primeira parte da mañá dedicouse á exposición de Moisés Lozano: partiu da evolución dos datos da pobreza e mais do paro en Galicia e no Estado. Pasou despois a unha exposición da ideoloxía neoliberal, resaltando como cada unha das súas características se van implantando implacablemente nesta Europa de gobernos de dereitas. Ideoloxía neoliberal, que rexeita o papel do Estado na sociedade e vai parella co pensamento único (pretensión universalizadora do capital financeiro internacional), coa creación dun mercado mundial sen barreiras para o capital financeiro, comercial e produtivo (globalización) que produce máis e máis desemprego, pobreza e desigualdade económica (hoxe en día o 14% da poboación é máis rica, fronte a un 86% que é máis pobre). Existen alternativas: é urxente pór en práctica políticas adecuadas para endereitar as presentes tendencias en cinco áreas: multilateralismo, seguridade, identidade, valores democráticos e economía, citando a Mayor Zaragoza. Para isto é necesaria a cultura do pensamento crítico fronte ao pensamento único e tamén unha cultura da paz.

II.- No coloquio que veu a continuación, aparte doutras intervencións, expúxose con detalle a loita levada a cabo por unha das nosas compañeiras, dependente, denunciando o recorte na asistencia domiciliaria a xente que o necesita, por parte do concello da Coruña. Este exemplo de loita concreta deu pé a varias comunicacións por parte de persoas de entre nós que coñecen de primeira man os recortes que están a sufrir os servizos sociais, así como a necesidade de facer loitas concretas que as veces teñen máis repercusión do que un pensa ou pode prever. Coincidimos no grave da situación, na inxustiza crecente e no esnaquizamento do estado social ao que nos está a levar o neoliberalismo, con repercusións máis graves entre os máis débiles. Concordábase tamén na necesidade de seguir estando presente alí onde a xente se mobilice en plataformas pola sanidade, polo ensino, polos servizos sociais, pola lingua…

III.- Despois do xantar compartido dedicámoslle un tempo a reflexións e conclusións. Sentímonos urxidos a continuar a resistencia na radicalidade; sen medo polo número de xente que poidamos ser; sen ocultar a nosa identidade, e facéndonos presentes como Coordinadora cando conveña, sen propaganda nin vergoña. Quedouse en enviar un comunicado á prensa, así como a seguir traballando nalgún autocolante relativo ao momento presente.

IV.- Rematamos o día cunha eucaristía. No marco dela fixemos plegaria tamén das propostas de Cáritas ante os retos da situación actual, referentes á protección social e aos servizos sociais, ao acceso a unha vivenda digna, sobre o emprego, sobre a inmigración e sobre cooperación para o desenvolvemento e financiamento. A sensación do conxunto das persoas que estivemos na xornada foi de agradecemento polo día, de confirmación na loita, e de esperanza de que “é tarde, pero é a nosa hora” ,en palabras de Casaldáliga.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Noso taboleiro. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s