A tesela da Illa Couto


Daniel López

Hai dúas maneiras básicas de vivir – e, logo, de gobernar- Galicia. Despois hai máis diferenzas, matices e axustes finos, pero en principio, hai dúas. A primeira considera que Galicia é unha realidade de seu, algo substantivo, que se ten en pé e ten natureza propia, algo con personalidade, que pre-existe a outras unións e composicións, unha tesela única dun universal mosaico multicolor. Quen vive así e ten responsabilidade ou influencia no gobernar desta terra pode despois, no seu libre pensar, ser máis autonomista ou máis independentista, federalista ou antifronteiras, europeísta ou africanista. Iso vén logo, pero do primeiro, de Galicia, non se dubida. Nesa clave movéronse os grandes relatores da nosa identidade, con moi diferentes tonalidades: de Brañas a Castelao, de Rosalía a Cunqueiro.

Ese levar Galicia dentro foi a característica de homes que, como Xaime Illa, a quen enterramos estes días atrás, fixeron de ponte entre a xeración Nós e os estudantes daquel franquismo tardío e gris, grisísimo, abofé. Xaime, fundador das Mocidades Galeguistas en 1934, era un apaixonado da súa terra, defensor do cooperativismo e do comunitarismo, un Mounier á galega, católico “bovediano”, demócrata progresista e publicamente comprometido coa cultura e a lingua galegas: Galaxia, a revista Grial, a Revista de Economía de Galicia, a promoción da liturxia en galego no postconcilio, o Partido Popular Galego, federado cos democristiáns progresistas de Ruíz Giménez.

A don Xaime, por certo, imploraría Fraga anos despois permiso para “pisar” as siglas rexistradas -e xa enferruxadas por varias derrotas- dun proxecto tan necesario en Galicia como, ao parecer, imposible: un centro radicalmente galeguista. Se cadra sería polo impacto da nobreza de espírito de Xaime e demais compañeiros, que cando Fraga arriba ao poder galego ten a habilidade política e responsabilidade institucional como para entender que representaba a unha Galicia “autocentrada” que era o seu fin de traxecto.

O problema son os de agora. Estes rapaciños de club privado e señoritas posmodernas que nos mandan. Representan a “outra maneira” de non-vivir Galicia. Galicia é un “acento”, algo adxectivo e prescindible. A Xunta, un simple trampolín para chegar a Madrid, a realidade real, a ansiada terra de Esperanza. Viven intimamente o plan Galicia-cero, noroeste de ningures, plan que avanza como a couza, calado e efectivo. Que o Deus de Xaime nos acolla.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s