UNHA TEOLOXÍA BEN NECESARIA.


Xabier Blanco

No ano 1999 o dominico Juan Bosch editou un libro no que lle daba a palabra a 35 teólogas e teólogos do Estado para que expuxeran o seu “itinerario teolóxico”.

Andrés confesa alí os dous trazos máis definitorios da súa teoloxía: 1) Deus como amor e salvación, só e exclusivamente como amor e salvación; 2) a Fe en Deus como camiño da máis auténtica, íntima e plena realización humana.

Probablemente os que cuestionan a reflexión teolóxica de Andrés están, no nivel teórico, de acordo con estas dúas premisas da teoloxía do autor. Onde está, daquela, o “problema” de Queiruga? Penso que está en que Andrés trata de se manter ao longo de toda a súa reflexión totalmente coherente con estas súas conviccións máis profundas, mentres que os que “censuran” a súa reflexión “asústanse” das consecuencias de tal coherencia.

Abonde cun exemplo: se estamos convencidos de que Deus se manifesta só e exclusivamente como amor e salvación qué facemos cun linguaxe relixioso-litúrxico onde tratamos a Deus como alguén que nos pode facer dano ou mesmo ante quen temos que “facer méritos” para gañarnos a súa benevolencia?

Tomarse en serio a reflexión teolóxica de Andrés supón apostar por un Cristianismo que reformula as súas grandes verbas que chegaron a nós forxadas pola Patrística e a Escolástica medieval. Son conceptos que, se non nos atrevemos a reformular, na súa materialidade deixan de ser “boa nova” para a Humanidade porque, repito, da súa materialidade o que xorde é unha imaxe de Deus como inimigo da felicidade e da plenitude humana e, polo tanto, unha imaxe da relixión como unha carga.

De aí que sexa moita xente a que loa o esforzo de Andrés por tomar os grandes conceptos do Cristianismo (Revelación, Salvación, Creación, Resurrección…) e facer un enorme esforzo para que tales conceptos sexan intelixibles para as mulleres e os homes do século XXI e para que non digan nada do que non queren dicir: Deus como inimigo, relixión como carga senón o que orixinariamente querían dicir: Deus como potenciador do mellor de nós mesmos, a relixión coma experiencia liberadora.

O “problema” de Queiruga é que se tomou moi en serio contribuír a que a Igrexa sexa “intelectualmente habitable” e por iso reformula o Cristianismo tendo en conta que o cambio cultural producido pola entrada da Modernidade “conmoveu ata os alicerces” a nosa comprensión da fe.

En tal intento non hai máis que fidelidade ao Concilio cando pide que unha “exposición inadecuada da doutrina” non constitúa “parte non pequena” do ateísmo ou cando pide que a fe precisa hoxe ser consecuente co feito incontrovertible  de que o respecto á “autonomía da realidade terrea” constitúe unha esixencia “absolutamente lexítima”.

Semella que algúns “censores” de Andrés falan cun ser humano xa inexistente, mentres que o autor dialoga coa xente de hoxe e, nese diálogo honesto, é onde lle pode formular cuestións relixiosamente fundamentais como a seguinte: O Deus cristián, é, de verdade, unha ameaza para a felicidade humana?

“Analicemos quen era Deus para Xesús e despois digamos se ese Deus é unha ameaza para o ser humano. Porque en Cristo o que atopamos é xustamente a súa afirmación máxima: non fixo outra cousa ca defender ao ser humano; sobre todo defender a aquel que os outros negaban. Esa foi a súa asombrosa novidade”.

Velaí unha reflexión teolóxica que está axudando a moita xente a ser “adulta na Fe” . E elaborada dende a nosa Compostela para todo o Mundo! Máis católica, imposible!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s