Notificatio non petita aclamatio manifesta


 Daniel López

Á vista do acontecer non era de esperar, certamente, pero estes bispos das nosas penumbras entronizaron definitivamente e por sorpresa a Torres Queiruga. Os espíritos católicos inquedos –colectivo en preocupante devalo-, a xente intelectualmente honesta –que hai máis da que parece-, a de boa vontade –que son os que realmente importan-, as editoras diversas, a lingua galega e a parroquia de Aguiño, entre outras, agradecen este empurrón inesperado a don Andrés, agradecen este avivecer o lume, o interese, a lectura e o debate sobre unhas materias e uns textos que son menciña para moitos e moitas, e interrogante e estímulo para calquera que queira vivir na luz do día. Son uns artistas estes vellotes romanos, un bocadiño cavernosos, pero uns artistas.

Efectivamente, a revirada estratexia de mercadotecnia é insuperable, porque sinalando cun dedo aparentemente condenador –pero de efecto divulgador- todo o que na reflexión de Andrés se aparta da Gran Penumbra, acaban de facer unha magnífica síntese dos aspectos máis luminosos das propostas dun galego universal.  Hai quen pagaría unha pasta por estar no seu lugar.

O descrédito do acusador é a honra do acusado. Por iso tanta xente que o ignoraba -tamén galega-, vai descubrir que é posible “outra maneira” –non a única, pero unha posible- de ser crente e de ser Igrexa non dogmática, fóra desa escuridade, co nordés no rostro, nun medio ambiente pluralista, laico, igualitarista, democrático. E que hai que facer festa desde esa fe pola consolidación dunha cultura emancipada da vella igrexa, igual que se debe celebrar e agradecer todo avance da humanización e, xa que logo, da manifestación dun Deus que quere a felicidade da xente, non a súa perpetua dominación. Non son as únicas posibles, nin a máis rompedoras, pero as categorías de Queiruga axudan a que moita xente se siga recoñecendo como crente sen ter que aceptar ser un súbdito medieval.

Aparentemente a Rouco e colegas gústanlle os eventos masivos “tipo Cibeles”, cos kikos mobilizados e os do Opus na lista de agarda do seguinte baño de masas. Aparentemente teñen nostalxia infinita da Igrexa con poderío, da Cidade de Deus imposta a todos. Aparentemente devecen polo incontable rabaño berrando Benedictus ra,ra,ra!, Benedictus, be,be,be!, á espreita do milagre prêt-à-porter, cegamente convencidos de que fóra do curro romano non hai salvación nin ovella que te criou. Aparencias, simples aparencias.

Secretamente, vailles Queiruga. Por iso acaban de facerlle a mellor das propagandas. Son xeniais.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s