“Foi sen querer”


Os cargos públicos responden diante da cidadanía e das institucións ás que representan, antes de responder perante o xuíz. Non é que careza de importancia que Conde Roa, o (ex-)alcalde do PP de Santiago de Compostela, sexa declarado finalmente delincuente fiscal pola Xustiza ou, con sorte e bos avogados, simple pícaro, home de fráxil memoria, ou un moroso máis da facenda pública. É importante o sentido da sentencia, pero o máis decisivo desde o punto de vista da política e da ética públicas é a imprescindible exemplaridade en certos asuntos. E aí o dano está feito.

Esa exemplaridade debe ser meticulosa co tema fiscal. Cando Conde Roa gana as eleccións por unha ducia de votos era consciente da “contía” dos seus problemas coa Facenda Pública, unha contía que, calquera letrado coma el debería saber, converte a simple falta en delito. Seica quen non o sabía era a dirección do seu partido, onde non contaba, xa de partida, con excesivas simpatías. Cobrar IVE aos clientes e non pagalo ao fisco está feo. Ocultar ao propio partido que hai unha bomba de tempo chamada inspección fiscal que vai estoupar na metade de mandato, non é moito mellor: é ilustrativo da idea que o personaxe ten sobre conceptos como transparencia, verdade e lealdade. Aquilo de “foi sen querer”, resulta algo insuficiente.

Conde Roa, que se permite continuamente pontificar sobre o que é aceptable ou non cultural, moral e civicamente, acosando a grupos minoritarios e culturalmente críticos, debe saber que en toda Europa a evasión fiscal é un dos máis graves “pecados” para un gobernante, que é un “pecado mortal” nunha materia na que non hai faltas leves. O que o sexo é para o Opus Dei, é o fisco para un político europeo. Conde Roa debería sabelo.

Ademais, como aditamento, a gravidade do asunto agrándase polo momento especialmente crítico das finanzas públicas, a sensación de que a dereita, que el representa como poucos, está desmantelando o Estado Social e de que a desigualdade segue medrando precisamente porque hai moitas rendas altas que evaden impostos. Nesa situación, a percepción da xente, por fin, é de que a picardía e a fraude contra a Facenda, xa non é tan aceptable, “normal” e defendible.

E por iso, por toda esa hipocrisía, a xente pode anoxarse moito e poden pasar cousas.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s