Non é un problema de demanda!


Pedro Pedrouzo Devesa

Non me gustan os orzamentos austeros, igual que non me gusta un salario baixo nin andar escaso de diñeiro. Normal. Os recortes non gustan a ninguén. Todos sabemos que canto máis se recorte, máis contraídas van estar as nosas economías.

Precisamente, se estamos así é porque unha gran parte da nosa economía baseouse no consumo. Durante moitos anos a economía ecolóxica avisounos de que ese non era (e non é) un modelo sostible. Basear o benestar dunha sociedade na continua excitación do consumo (da demanda) levábanos a unha calexa sen saída. Pero.., con eses créditos tan baixos era difícil resistirse. Caemos na trampa.

O noso problema económico é de oferta, de produción ou de produtividade, como queiramos chamalo. Estabamos especializados en producir bens que nós mesmos comprabamos. Tampouco fomos unha sociedade que valorase especialmente o medio ambiente (salvo para construír atrocidades nel), nin a cultura (salvo na súa vertente máis social), nin a investigación e tecnoloxía (salvo no eido das comunicacións), e da comida non diremos nada, porque desde o momento no que nos puxemos a mercar espárragos cultivados en China..! Onde quero ir parar? Pois a que a nosa demanda interior tampouco axudou a crear, en moitos mercados, unha industria competitiva e de calidade que poida saír hoxe con garantías ao exterior, agora que nós somos incapaces de seguir co ritmo consumidor do que faciamos gala hai uns anos.

Temos que repensar a nosa forma de crear riqueza. E malia haberen varios millóns de persoas especializadas na construción, que dependen e dependerán de por vida de que esta se recupere (algo que non pasará ata que os bancos se liberen de toda a millonada que teñen  investida en ladrillo), son moitos os outros millóns os que lles temos que abrir novas vías de crear riqueza.

Porén, se observamos as decisións económicas de moitos dos nosos gobernantes locais, provinciais, autonómicos e estatais, a depresión pode ser grande, vendo como seguimos preferindo financiar a elite do baloncesto antes que a dos laboratorios; preferimos tirar millóns de euros asfaltando vías para que os coches circulen, en vez de apostar por unha mobilidade que non sexa tan escrava do petróleo; preferimos mirar pola empresa amiga, próxima e agradecida antes que pola competente.

Necesitamos mentalizarnos da nosa responsabilidade en todo isto: de que educamos para que as futuras xeracións sexan mellores, non para que simplemente aproben en xuño. Necesitamos mentalizarnos de que traballamos para ofrecer algo de calidade á sociedade (ao mercado), non só para cobrar a fin de mes. Necesitamos un xiro ético na nosa forma de entender as relacións laborais, para escapar do comercio no que se maltrata os empregados con xornadas infames. Os maiores problemas que temos agora son a nosa estupidez e a nosa comodidade . O maior problema que teremos no futuro será a pobreza.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Economía, Política coas etiquetas , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s