Cortesía e outros usos


Daniel López

É mágoa que non se aproveite esta crise para facer un varrido de hábitos e mentalidades penosamente consolidados na nosa imaxinación. Arremétese contra principios e conquistas longamente pelexadas, como ter unha certa estabilidade no emprego, pero ándase con moito miramento cando se trata doutros “dogmas”.

Un deses é o da “cortesía debida ao alto cargo”. Ser respectuosos con aqueles aos que o destino puxo nunha posición de responsabilidade no servizo público é ben diferente á situación que retrata a viñeta de Castelao, na que o caciquiño lle lembra ao labrego, cun xamón na man, que os porcos non son coxos. O goberno prepara unha lei de transparencia, pero –se cadra aínda coas emocións pola absolución de Camps, “o elegante”- disque borrador desa lei permite os agasallos a altos cargos se non superan “os límites dos usos sociais ou de cortesía”. O dos usos sociais non é, precisamente, un concepto xurídico ben delimitado, así que, vista a recente xurisprudencia, pode ser que haxa quen se permita escoller se o uso social vai ser de  “Versace” ou de “Louis Vuitton”, incluso, unha vez aprobada a norma, poderían facerse, como nas vodas, listaxes de “cortesías para altos cargos acordes aos usos sociais”, para que a xente non se repita nas súas cortesías.

Outro dogma é o do “merecemento ilimitado do executivo empresarial”. É un mito moi burgués. Consiste en tragarse o conto de que un xerente executivo dunha gran empresa ten que gañar cantidades que tenden ao infinito. Literalmente. Acaba de saberse que César Alierta, o da privatizada telefónica, gañou o pasado ano, en plena crise 10,2 millóns de euros. Ten que ser un aburrimento iso de meterse no peto 850.000€ cada mes, pero, ademais, é un aburrimento imposible de xustificar: non pode haber razón para que un cara lavada gañe cen veces ao mes có presidente do goberno. Sobre todo se, como é o caso, non fai máis que perder clientes

E o terceiro dogma por hoxe é o do “dereito á escuridade” no uso dos fondos públicos pola Sagradas Institucións: A Coroa e A Xudicatura. Todos pasan pola pedra da transparencia, menos os Intocables. Así, no Consello Xeral do Poder Xudicial, houbo quen recente e inxenuamente, formulou a necesidade de que os seus membros xustificasen as viaxes e desprazamentos pagados con fondos públicos. Seica algúns conselleiros que viven fóra de Madrid viaxan de xoves a martes ás súas casas en clase preferente e a conta dos contribuíntes. A proposta, vaiche boa, non prosperou.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s