“A devoción de meu pai por Galicia rozaba a obsesión”


Entrevista con Afonso Paz-Andrade Rodríguez

Aldegunde Quiñones

Alfonso Paz Andrade, durante a nosa entrevista

Afonso Paz-Andrade, durante a nosa entrevista

Todas as voces que se escoitaron a raíz da elección de Valentín Paz Andrade para ser homenaxeado o Día das Letras Galegas de 2012 foron para gabar esta escolla e non moitas veces un persoeiro concitou tal unanimidade. Estamos perante un home no que sobresae, antes de nada, o seu carácter polifacético, cun labor destacado en todos os campos aos que lle dedicou atención: economía, xustiza, política, literatura, xornalismo… Para facérmonos unha idea abonda dicir que foi un dos fundadores da multinacional Pescanova ou que representou a Galicia nos acordos políticos durante a transición á democracia, continuación do labor político que xa levara a cabo nos anos 20 e 30 e que conduciron ao Estatuto de 1936. De todas estas facetas tivemos ocasión de falar co seu fillo Afonso, empresario e continuador do labor de seu pai en Pescanova e na publicación Industrias Pesqueras, que amablemente nos atendeu no que fora o prestixioso despacho profesional de seu pai, na rúa Policarpo Sanz de Vigo.

Un home proxectado ao exterior

Que sentiu cando soubo que a Real Academia Galega decidira recoñecer a figura de seu pai?

Unha grande satisfacción, gratitude e alegría, porque o fai, ademais, unha Real Academia renovada, con xente moito máis dinámica e que ten unha visión distinta á doutras etapas desta institución. Aínda que me é difícil dicilo, en canto fillo do homenaxeado, penso que acertaron, porque este ano danse unha serie de coincidencias, neste tempo dramaticamente austero, de sobriedade, unha cualidade que se lle pode aplicar a meu pai. Foi un home sobrio, que estudou e se preocupou pola economía e tamén foi moi austero na súa vida e na súa forma de ser, un home moi comedido. Así, hai unha morea de circunstancias ambientais e substanciais que xustifican esta distintinción e que a nós nos aleda moito.

Valentín Paz Andrade pasou media vida viaxando e isto notaríase na súa forma de ser.

Si, creo que meu pai foi un adiantado ao seu tempo, de profundas crenzas e profundo compromiso coa terra: Galicia foi para el unha devoción que rozaba a obsesión. Todo o condicionaba ao noso país e todo o que tiña que ver Galicia quería magnificalo, sempre dende unha actitude moi plural, moi internacional. El non tiña nada de parroquial, era dun pensamento aberto, que lía a cotío os xornais de moitos outros países, que estaba en contacto coa literatura brasileira -como se demostra no estudo da obra de Guimarães Rosa. Era un home proxectado cara ao exterior. Dende moi novo decatouse de que partindo da raíz galega había que proxectarse ao exterior e había que convivir e competir nese contexto. Iso hoxe enténdese moi ben, pero alá polos anos 40 ou 50 non era así, porque o réxime político que se padecía ía na dirección contraria, en contra da apertura, da liberdade e do pluralismo.

Unha vertente literaria e outra política

En seu pai non resulta díficil ver, cando menos, dúas vertentes: a literaria e a política.

Efectivamente. Meu pai nacera en Lérez, no burgo pontevedrés, nun fogar modesto de clase media-baixa -meu avó vivía das terras e miña avoa morreu cando el era pequeno, así que foi orfo de nai. Medrou cos seus curmáns, ao carón dun home de grande sensibilidade como era Xoán Bautista Andrade, o poeta, que era un home ilustrado, elegante -espiritual e esteticamente. Foi a persoa que levou a meu pai pola vía da cultura e da literatura e o que lle transmitiu as inquedanzas literarias. Xoán Bautista Andrade preséntalle, de moi novo, a Castelao de quen, despois, na época de estudante en Santiago, chegaría a ser íntimo camarada. A vea política vénlle doutro tío, Roque, un republicano convencido.

Valentín Paz Andrade no seu despacho

Valentín Paz Andrade no seu despacho

Unha das cualidades que se destacan en Valentín é a de orador, non si?

Sen dúbida, algo que, naquela época, non era infrecuente, porque Galicia non volveu ter oradores coma o propio Castelao, coma don Ramón Otero Pedrayo, que era un torrente de oratoria, ou coma meu pai. Houbo un acto electoral, celebrado en Vigo, no que falaron os tres. Eses tres discursos, recollidos nun libro, reflicten moi ben o que era Galicia, o que eles pensaban e querían para o noso país, e conservan aínda unha sorprendente actualidade. Nese acto don Ramón representa o barroco puro, desborda coa súa oratoria improvisada e emocional; Castelao pon a ironía, a denuncia política; finalmente meu pai pon o pragmatismo, a preocupación económica. El dixo que o que os seus compañeiros acababan de expoñer era moi importante para facer unha nación, pero a nación antes de nada ten que ter estrutura industrial e social, ten que haber unha redención dos labregos e dos mariñeiros, que atravesaban grandes dificultades, unhas infraestruturas -xa daquela falaba das comunicacións e da importancia que tiñan, e do mar coma nexo para Galicia. Penso que hai un paralelismo plutarquiano entre esas figuras.

Paz Andrade tamén foi xornalista, xa fose colaborando ou mesmo dirixindo proxectos.

Meu pai empezou a escribir moi novo guiado por Xoán Bautista Andrade, en Pontevedra, cando tiña arredor dos 18 anos, nun semanario que facían un grupo de amigos e que se titulaba algo así como Alma Galaica. Despois, de estudante compostelán, xa pasou a colaborar con El Noroeste, que se editaba na Coruña e no que colaboraban moitos dos seus amigos, como é o caso de Vilar Ponte. Meu pai cría que había que informar a xente, crear un estado de opinión, formar unha conciencia galeguista e considerar o noso país como ser unitario. Para iso, nos tempos nos que non había radio, nin televisión nin se podía soñar con internet, o único medio era o xornal. Meu pai tivo unha grande vocación xornalística. Cando lle ofreceron forman un xornal en Vigo, pediu que se chamase Galicia. El foi quen incorporou á redacción a Castelao, a Xoán Bautista Andrade, a Otero Pedrayo, a Lustres Rivas e Blanco Torres. O xornal foi un fito na vida xornalística daquela época, nos anos en que en España había a ditadura de Primo de Rivera. Finalmente, polo incisivo que era o xornal, logo de moitas multas e persecucións acabárono pechando. Para meu pai foi unha gran pena, unha verdadeira amargura que levou consigo toda a vida.

Supervivente da represión

A súa actitude comprometida case lle custa a vida en varias ocasións.

Pois si. El foi un home ben dotado intelectualmente, que tiña moi fácil abrazar calquera das súas facetas, porque era un home poliédrico, como avogado ou como tecnólogo pesqueiro, como economista… En calquera delas puido ter unha existencia confortable, pero a súa devoción por Galicia levouno a seguir loitando non polo seu propio beneficio, que nunca o perseguiu, senón polos seus ideais. A súa executoria vital foi unha pura peripecia. En plena rúa do Principe, a máis comercial de Vigo, uns pistoleiros a soldo pegáronlle cinco tiros: un na cabeza, outro no ombreiro -que non lle puideron extraer e que levou toda a vida- e o resto polo corpo adiante. Xa na posguerra desterrárono a Verín, onde se fixo amigo do mestre da escola. Unha noite un grupo que se dedicaba a “pasear” xente localizárono no Casino, onde estaba nun faladoiro cuns amigos. O grupo empezou a preparar as armas e a dicir que por fin atoparan a Paz Andrade. O mestre subiu ao piso de arriba a avisar a xente que estaba xogando a partida e a dicirlles que ían matar a meu pai. Baixaron e metéronse no medio o xusto para que meu pai puidese saír por unha ventá mentres os falanxistas empezaban a tiros. Felizmente non o feriron, pero quedaron os buratos na galería do Casino e sempre que iamos en coche camiño de Madrid, era parada obrigada ver aqueles buratos.

Pero ese foi só un dos moitos lugares onde estivo desterrado.

Si, porque de Verín mándano a Requeixo de Queixa, un lugar onde praticamente había neve perpetua. Naquela aldea, onde non había máis ca uns pastores, tivo que se quedar a vivir nunha casoupa onde vivía a xente e as vacas, cousa frecuente naquela época. De cando en vez baixaba ata unha casa grande, o pazo de San Lourenzo, onde vivía Jesús Prada Losada, un home que quixen moito, tío da miña nai, unha especie de fidalgo ilustrado do que se fixo moi amigo. Nesa relación presentoulle un día a súa sobriña, que foi a miña nai. Así que, desa circunstancia dolorosa e punitiva que foi o desterro na serra da Queixa, xurdiu outra distinta e agradable como foi atopar a muller que o ía acompañar o resto da súa vida.

A represión do réxime franquista puxo en situacións díficiles en máis ocasións e mesmo chegaban a dicir sen pudor como fora posible que se lles escapara vivo Paz Andrade.

As persecucións non foron só as da guerra. Cando eu me examinaba de reválida de 6º, en Ourense, sendo un mociño, meu pai estaba na cadea na rúa do Príncipe. Eu, que estudei nos Escolapios de Monforte era o único da clase que tiña o pai no cárcere. Con esa calma que el tiña, estando na cadea seguía traballando e defendendo mesmo os casos doutros que estaban presos con el. Hai centos de anécdotas coma esta, porque a súa vida foi moi longa e intensa.

A súa muller debeuno pasar mal.

Si, pero iso compensábao coa súa grande dimensión, xenerosidade e intensidade vital. Era moi gratificante noutros aspectos.

O labor literario

Entre as múltiples actividades ás que se dedicou tamén tivo tempo para a literatura.

pranto matricialCertamente, meu pai foi un home polifacético que fixo política, literatura, poesía, economía, que se dedicou a actividades empresariais e que exerceu a avogacía -con traballos moi importantes no ámbito da xustiza e cun despacho de avogados moi considerado e de moita sona-. A faceta poética é tamén meritoria. A del é unha poesía moi condensada, moi conceptual. Meu pai, que non escribía dun xeito moi requintado, tiña unha virtude que a min sempre me sorprendeu: os seus textos estaban comprimidos, condensados. E logo ten unha ampla obra ensaística, cunha prosa moi moi densa, era capaz de dicir moitas cousas en poucas palabras. Non é un autor ao que se poida ler ás présas, hai que afondar, fai pensar. En fin, que no medio de todas as súas dedicacións tamén tiña algo de poeta, o suficiente para producir catro ou cinco libros, entre eles Pranto matricial, que xurdiu en resposta ao pasamento de Castelao, morto no exilio de Bos Aires.

Calquera alusión á súa faceta política fora prohibida polo réxime franquista.

Castelao con Valentín Paz Andrade, 1922

Castelao con Valentín Paz Andrade, na estación de Pontevedra, 1922

Así foi, e os xornais non se puideron facer eco. Unicamente Borobó, que era o director de La Noche, un periódico vespertino de Santiago, intentou que alguén fixese un artigo falando do pasamento de Castelao. Debeu chamar algunha xente porque quería dúas ou tres colaboracións e ninguén se animou por medo ás represalias. Deste xeito, meu pai foi o que escribiu o primeiro artigo despois da morte de Castelao, que se publicou precisamente en La Noche e aumentou a tensión sobre el. Posteriormente, a dor que lle producira, non só a morte de seu amigo, senón que o fixese fóra de Galicia, fixo xurdir o Pranto matricial, un poemario adicado a Castelao e que reflicte moi ben o sentimento e a amizade que había entre os dous e a dimensión que naquela altura meu pai lle reservaba xa a Castelao.

Que lle contaba seu pai sobre Castelao?

Hoxe Castelao é, felizmente, moi aceptado e coñecido, aínda que non sexa en profundidade -tamén hai xente que trata de patrimonializalo e non debe ser así- pero cando eu era mozo ninguén sabía quen era Castelao. Hai cousas que eu escoitei repetidamente na miña casa, que daquela non entendía, pero que logo foron tomando forma. Ao pouco de morrer Castelao -a primeira vez que vin chorar a meu pai- el dicíame: “Vaste dar conta de que ha chegar un momento en que ha estar no altar de cada unha das casas galegas”. Obviamente, referíase a un altar laico, a un respeto social. E iso ocorreu, porque hoxe Castelao está popularizado.

El sempre mantivo contacto co exilio.

Si, xa antes de se constituír Pescanova meu pai empezou a traballar na ONU, para a FAO. Daquela non o deixaban saír porque ao réxime non lle gustaba que meu pai tomase contacto coa galeguidade do exterior e a cousa púxose tan dura que lle retiraron o pasaporte. Entón a ONU deulle un pasaporte internacional, que daquela existía precisamente por motivos políticos, e co que podía entrar e saír de España. Así que estivo sempre en contacto co exterior, porque traballou en Cuba, Colombia, Chile, Bos Aires ou Roma por razóns pesqueiras.

Cal foi o traballo de Valentín en Industrias Pesqueras?

Debe ser hoxe a revista pesqueira máis antiga do mundo, naceu o 15 de abril de 1927 durante a ditadura de Primo de Rivera. Dende esa data, de forma ininterrompida, pasou por esa ditadura, pola II República, a Guerra Civil, a ditadura franquista e ata hoxe saíndo cada 15 días. Meu pai empezou a colaborar dende o primeiro número e uns quince anos despois xa se fixo cargo da dirección, que daquela significaba facerse cargo de todo.

Como era seu pai na vida cotiá?

Era un home moi traballador -que ao mellor chegaba no tren de Madrid e ía para o despacho sen pasar pola casa-, con sentido do humor aínda que non moi expresivo cando non había confianza ou intimidade. Non bebía moito pero se lle ofrecían un viño de calidade era quen de aprecialo. Sempre lle gustou a beleza, admirou a beleza feminina, a amizade. Era unha persoa moi tenra e alegre.

Aldegunde Quiñones

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , , , , . Ligazón permanente.

2 Responses to “A devoción de meu pai por Galicia rozaba a obsesión”

  1. Pingback: Valentín Paz Andrade | Aí falaches!

  2. Estiven a comenzo dos oitenta dous días na aldea de Requeixo de Chandrexa de Queixa, cando percorrín aquela serra en compaña de A.P.Alberti e M. Carballo. Os de Requeixo xa non tiñan fato na serra pero non lle facía graza que os de Entrecinsa, que aínda o tiñan, paceran nos seus termos aló polo Casarello, sobre os cantís deixados polo glaciarismo cara a Ribeira Grande do Invernadoiro. Unha mulle, cuios fillos marcharan para Barcelona e vivía na casa dunha veciña, prestounos a súa para durmir, algo insólito que mostra a bondade daquela xente. Lembrarei sempre o impoñente e rústico camiño que cruza aquelas serras en dirección a Camba, que sae no mapa de Fontán como “Camino de Camba a Requejo”, as magníficas vistas cara As Forcadas e as fríaldade das fontes e regueiros. Ata moitos anos despois non souben que naquela aldea perdida estivera Paz Andrade.
    Os meus mellores desexos para todos os habitantes daquelas montañas.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s