Carta de Pascua


 Xabier Blanco

Amigo Xulio:

Estaba seguro de que cando dende Irimia me pedisen unha carta de Pascua ía pensar en ti. Primeiro para che dicir que te botamos de menos en Galicia, en Madrid, en Bolivia e en todos os recunchos onde te fixeches presente coa túa palabra profunda, cos teus xestos amigables. Canto precisa a Igrexa e a sociedade de xente co teu talante, no nunca se percibía o menor afán de protagonismo, de concesións fáciles ao propio ego senón busca do ben común! Canto precisamos de xente que, coma ti, faga do diálogo non unha estratexia senón un estilo de vida! E ti querías dialogar con todos e de todo, e loitabas porque na Igrexa, da que nunca te avergonzaches de pertencer, o diálogo se convertese na “marca da casa”. E dialogabas escoitando, non ocultando nunca o que pensabas pero procurando sempre nin insultar, nin ferir, nin descualificar.

O segundo motivo é porque ti, coa túa coherencia, cos teus densos escritos e coa túa vida entregada es o mellor argumento para contrapoñer aos que nos acusan, quizais moitas veces con razón, de que a xente cristiá cremos na outra vida para evadirnos desta. Quen se achegue á túa vida e aos teus escritos con honestidade seguro que tira unha conclusión ben contraria: a este home crer na Resurrección lévao a vivir apaixonadamente o día a día e dende a mirada posta nas xentes que o teñen máis difícil.

Dende aí que ben soan verbas escritas por ti, como as seguintes: “ Crentes actuais, podemos e debemos experimentar a presenza viva nas nosas vidas, na nosa historia, do Xesús vivo, resucitado de entre os mortos.Vivir hoxe o acontecemento pascual supón seguir o Crucificado dende o horizonte de esperanza que xera a fe no Resucitado. Como vivir hoxe a resurrección de Xesús? Vivindo coma resucitados no seguimento de Xesús, sendo fieis á memoria do Crucificado no seo do horizonte de esperanza de vida plena en que se sitúa a memoria fiel do Resucitado. Dado que o Resucitado é o Crucificado, toda vida informada pola fe na resurrección ten que achegar memoria da cruz e, en consecuencia, memoria de todas as persoas que foron e son crucificadas. Toda vida informada pola fe na resurrección ten que achegar esperanza, liberdade e gozo neste mundo”.

Grazas mil, Xulio, por encheres as nosas vidas de esperanza, liberdade e gozo.

Chegou a Pascua que remove das nosas vidas as lousas da soidade, do odio, da desesperación, do egoísmo. Chegou a Pascua, que é o final dos pesadelos, o comezo da luz, a primavera das novas relacións. Chegou a Pascua que nos recorda aquilo que maxistralmente escribiu hai moitos anos un amigo teu:

“O Resucitado está connosco disipando as angurias do noso corazón e recordándonos que Deus é alguén próximo a cada un de nós. Xesús Resucitado está aí para que non nos deixemos dominar nunca polo mal, pola desesperación ou a tristura. El infunde no máis íntimo do noso ser a certeza de que non é a violencia ou a crueldade, senón o amor, a enerxía suprema que fai vivir as xentes alén da morte. Xesús Resucitado contáxianos a seguridade de que ningunha dor é irrevogable, ningún fracaso é absoluto, ningún pecado é imperdoable, ningún desgusto é eterno. En Xesús temos a total seguridade de que o amor sempre acaba triunfando”.

Inesquecible Xulio, nesa Fe recibe unha fonda e eterna aperta e grazas, sempre grazas.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Noso taboleiro coas etiquetas , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s