Camiños de arte e historia (I) : Dos dolmens aos castros


Clodio González Pérez

En adiante empeza o tempo axeitado para dar algunhas camiñadas e organizar viaxes, moi aconsellables para neutralizar os efectos nocivos das horas que botamos sentados na cadeira do traballo ou tombados no sofá diante do televisor. Os nosos devanceiros, ademais de comer menos e pasar moitas horas traballando, movíanse de cote, sen outro medio de transporte que as súas pernas nos máis dos casos. Esta curta serie de artigos que titulo “Camiños de arte e historia”, pretende conxugar o lecer, coa arte e o exercicio físico.

O monumento é o pretexto para pasar unha excelente xornada gozando da natureza e da arte, se antes se fai unha boa programación da contorna, consultando na internet as entradas dos concellos por onde se vai pasar ou coa axuda dalgunha guía, entre as que aconsello Galicia enteira de Xosé Luís Laredo Verdejo, pois malia que se editasen entre 1980 e 1989, aínda agora constitúe unha eficaz axuda para organizar itinerarios, saídas, etc.

Este primeiro artigo abrangue dende a Cultura Megalítica ata a Castrexa, representadas por seis monumentos senlleiros.

O dolmen de Dombate (Cabana de Bergantiños) 

Dolme de Cabana

Comezamos por unha das nosas construcións máis antigas, que os arqueólogos datan contra a primeira metade do IV milenio a. C. Polo de agora é o único dos nosos monumentos megalíticos protexido por unha construción de madeira e vidro que protexe o dolmen pero permite contemplalo todo arredor. De camiño pódese visitar o castro de Borneiro, a Pedra da Serpe (Gondomil – Corme), os batáns de Mosquetín (Vimianzo), o castelo de Vimianzo, as torres de Allo (Zas) convertidas en museo, Fisterra, Laxe, Malpica, Muxía…

Outra construción funeraria tamén moi coñecida é o dolmen de Axeitos ou Pedra do Mouro, preto de Ribeira. Neste caso o percorrido será pola península do Barbanza: o castro de Baroña, a vila de Noia (cemiterio e museo de Santa María a Nova, igrexa gótica de San Martiño, casas medievais…), Porto do Son, Ribeira, Boiro, A Proba do Caramiñal, Rianxo… Exclusivos destas terras son os cruceiros de capela, con exemplares tan magníficos como o da Virxe de Belén – Moldes e As Xunqueiras (A Proba do Caramiñal) ou os de Loreto e Pedrafura no concello do Porto do Son. Non se esquecer da parada no Parque Natural de Corrubedo e as lagoas de Carragal e Vixán.

Pedra da Serpe (Campo Lameiro)

O Centro de Interpretación da Arte Rupestre, Campo Lameiro

Foi inaugurado non hai moito tempo e xa constitúe unha visita obrigada para saber un chisco da vida dos nosos devanceiros prehistóricos. Hai petróglifos en moitas partes, pero o conxunto do concello pontevedrés de Campo Lameiro é, sen dúbida, o máis importante entre todos os europeos, declarado monumento histórico-artístico en 1974, parte datados no Neolítico e outros na Idade do Bronce. Pódese pasar ben unha xornada no Centro, pero tampouco queda tan lonxe Pontevedra, con notables construcións como as igrexas de Santa María, San Domingos, San Francisco e Santa Clara, a capela da Peregrina, e o Museo Provincial ateigado de obras de arte. Como colofón presta unha camiñada de vagar á noitiña pola cidade vella.

Castros e citanias

Temos tres acrópoles que non se poden deixar de coñecer: Baroña, Santa Trega e Las. As tres son diferentes polo que atinxe á disposición das construcións, como tamén polos extraordinarios lugares onde se achan.

O castro de Baroña aséntase nunha pequena península ben protexido polo mar, agás pola praia, onde quedan os restos da muralla. De pequenas dimensións se se compara cos outros dous, pero de grande interese para tirar unha idea de como era estes poboados de beiramar. Polo que atinxe á contorna, vale o que queda dito para o dolmen de Axeitos.

A citania de Santa Trega sobresae polas incomparables vistas panorámicas sobre o Atlántico e as terras de ambas as dúas marxes da foz do Miño. O resto do día pódese pasar en Portugal (Caminha, Valença, Monção…) ou na monumental cidade episcopal de Tui, unha das sete capitais históricas de Galicia. Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen.

Citania de Santa Trega (A Guarda).

Sta. Tegra

A terceira acrópole é a de Las ou San Cibrao de Las, no concello ourensán de Santo Amaro, no lindeiro das terras vitivinícolas do Ribeiro e de pan do Carballiño. Atópase en proceso de escavación pero xa se sabe que é a máis grande de todas, centro durante séculos da explotación aurífera da comarca por parte dos romanos. O Centro de Interpretación está rematado, pero polo de agora permanece pechado. Ademais das vistas que se gozan dende a parte máis alta, tamén é aconsellable subir ata a ermida de San Trocado, onde houbo un templo romano, dende onde se divisa boa parte do Ribeiro do Miño é das terras do Carballiño. Unha visita obrigada é a vila de Ribadavia (igrexas románicas de Santiago, San Xoán e San María da Oliveira; gótica de San Domingos…, restos da muralla, o barrio xudeu, etc.)

A xornada pode rematar cuns reconfortantes baños nalgunha das varias caldas que hai na orela do Miño: Laias (eran as termas da cidade de Las), Pexegueiro, Berán, Arnoia… Non lonxe queda o mosteiro de San Clodio do Ribeiro (convertido en hotel de luxo), e no Carballiño érguese a igrexa da Veracruz, obra senlleira do arquitecto Antonio Palacios.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Para saber, andar ou ler coas etiquetas , , , , , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s