Entrevista a Paco Fernández


Xan Guillén

Paco, nun momento da entrevista

Paco, nun momento da entrevista

Na pasada Romaxe do monte Xiabre tivemos unha persoa que actuou de motor para sacar adiante moitas cousas. Trátase de Francisco Xesús Fernández Rodríguez, pero por ese nome tan serio non o coñece case ninguén. Todos o coñecemos como Paco. Paco é o director de Cáritas Interparroquial de Arousa. Este militar na reserva, de 58 anos, está a facer desta Cáritas un referente da solidariedade e da fraternidade na comarca da Arousa. Un exemplo da loita por un mundo máis xusto.Por que comezaches a colaborar con Cáritas?

Eu estaba destinado na Comandancia de Mariña de Vilagarcía e de cando en vez abordábanme os rapaces que se acordaban de min de cando a “mili” e a maioría deles me pedían para un bocadillo e eu dicíalles que tiñan sorte, xa que en Vilagarcía había un comedor. Un día aparece unha notiña de prensa dicindo que precisaban voluntarios. Eu pensei que os mandaba sempre a Cáritas e eu non ía. Entón apunteime voluntario. Salvador, que era daquela o director, animoume a facerme secretario. Eu daquela non sabía ben o que era Cáritas. Na secretaría empecei a coñecela. Entón Salvador caeu enfermo e automaticamente o secretario pasa a ser presidente provisional.

Por que es voluntario en Cáritas?

Eu recibo máis do que dou porque canto máis dás máis tes. Porque o sorriso da persoa á que estás axudando compensa moitas cousas. Eu trato de facer todos os meus traballos con ledicia. Xa dende que traballei no exército tratei de facer cousas a favor da xustiza.

Cales son as principais actividades que se fan en Cáritas de Arousa?

Cáritas de Arousa é coñecida polo comedor social. Agora estamos acollendo a máis de setenta persoas. Damos almorzo, xantar e cea os 365 días do ano. Outro programa que puxemos a andar e que para min é unha marabilla é o comedor sobre rodas. Pretendemos non só darlle comida á xente senón tamén darlle acompañamento. A comida é unha desculpa. Sempre tendemos a que alguén estea un tempo e que esa persoa estea atendida. O peor da vida é a soidade e son persoas que están moi limitadas, son xente maior. A traxedia do comedor sobre rodas é que todos rematan igual: ou ben ingresan nun centro ou ben falecen. Outro proxecto é a casa de San Cibrán. Fai un labor moi bo, que é dar reinserción ás persoas que están deixando as adicións nas que están e complementamos  con terreos no igrexario de Sobradelo e un invernadoiro. O restos dos servizos son os comúns que se tiveron sempre: lavandería, hixiene, roupeiro…

Como se notou aquí a crise?

No ano 2007 había unhas 25-30 persoas no comedor e chegaron ata 70, que dixen antes. Agora ben, cambiou tamén moito o usuario debido á cantidade de transeúntes. O outro día no comedor había unha persoa de Hellín, outra de Mieres, outro de Tudela, de Ciudad Real…, todos máis ben maiores. O transeuntismo é moi malo para eles porque non teñen unha boa atención, xa que están aquí tres ou catro días, teñen o comedor, o albergue da Cruz Vermella, e así van de lugar en lugar. Non se lles pode facer un seguimento por parte das traballadoras sociais para que teñan a RISGA ou outro tipo de axudas ou de formación. Sanitariamente tamén están mal atendidos porque non teñen médico de cabeceira, aínda que vaian a urxencias. Esa xente normalmente ten unha adición, sobre todo o alcohol. Antes traballaban, ían para a casa, ceaban, durmían e non pasaba nada. Agora na casa, ao entrar no paro, xa non se toleran. Empeza a separación. A casa vai para a muller e dálle vergoña estar no lugar de orixe, polo cal escapa do seu pobo. Isto é unha traxedia moi  grande. Estes usuarios o que fan é pasar o tempo bebendo o seu cartón de viño para ir levando a súa soidade porque a rúa é moi dura. Antes os drogadictos eran os principais usuarios, pero agora están en terceiro ou cuarto lugar, xa que o colectivo de transeúntes é maior. Sen dúbida cambiou o perfil de usuario. Agora hai gran cantidade de parados que remataron a súa prestación e seguen a pagar a súa vivenda. Moitos aínda se acordan de ir traballar e pasar diante de Cáritas e o desprezo que sentían  cara aos usuarios que había daquela.

Por que naceu o comedor?

O comedor montouse hai uns  trinta anos pensando nos afectados pola droga e logo veu o problema da SIDA. Axiña se viu que a xente que se alimentaba mellor vivía uns dez anos máis. Isto foi un drama terrible. Tamén dende sempre se dan paquetes de comida, sobre todo naquelas familias que aínda teñen fogar para que non  rache a unidade familiar. Moitos destes alimentos que van ao comedor ou aos paquetes de comida veñen do invernadoiro do que xa che falei. Nós o que  colleitamos  aí vai á cooperativa Horsal,  agás aqueles produtos que non cumpren coas condicións, con eses quedamos.

Que tal vai o tema do voluntariado en Cáritas de Arousa?

Hai uns 270 voluntarios. Estamos moi  contentos co voluntariado. A razón de ser de Cáritas é o voluntariado. Temos xente maior pero está entrando xente máis nova. Hai voluntarios puntuais (para Nadal, campañas…) iso é moi  bo para eles e tamén para nós. Agora ben, sempre pedimos voluntarios porque a nosa forza son os voluntarios. A orixe dos nosos voluntarios é a parroquia porque a base desta Cáritas son as diferentes parroquias da bisbarra.

Con que dificultades vos atopades agora?

Pois  o gran número de usuarios e a diminución de axudas institucionais. Porén, aumentaron de xeito impresionante as axudas, as doazóns en especie e os donativos. Iso é de resaltar. As institucións dan menos, pero seguen dando. En torno do 40% dos orzamentos de Cáritas de Arousa veñen de institucións.

Tes algunha experiencia persoal que queiras contar?

Hai experiencias duras e agradables. Eu “namoreime” dunha familia arxelina que o fillo naceu aquí. Estaban na casa de San Cibrán e alí tamén estaba un señor moi enfermo que ao final morreu. Tiñas que ver con que cariño a muller coidaba a este señor. Logo todos os que se reinsertaron. Non todos os que desexariamos. Recordo con tristura unha parella que parecía rehabilitada e ao final volveron caer e non quixeron volver. Agora están separados e nunha situación moi mala. Iso dá moita pena porque botas por terra un traballo de tres anos.

Queres dicir algo aos lectores de Irimia?

Que me alegrei moito de ter estado na Romaxe e que quero voltar porque o pasei moi ben, igual que a xente que foi por primeira vez. De igual maneira que pasou iso comigo e as romaxes, pasa igual con Cáritas. Que se acheguen a coñecer e que o veñan ver. O que non se coñece non se ama.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Uncategorized coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s