ASEMBLEA UNIVERSAL DO POBO CRISTIÁN


Un proceso que se inicia

A principios de febreiro Redes Cristiás do estado español, de cara a celebración do aniversario do Concilio Vaticano II,  iniciou un proceso de preparación dun documento de convocatoria aberta a prol da celebración dunha Asemblea Xeral do Pobo Cristián. 

Nestas páxinas brindamos o primeiro borrador desa convocatoria, que está aberta a posibles suxestións e melloras de colectivos como Irimia ou persoas particulares. Quérese facer un texto breve e que se traballe en grupos.

Pódense enviar propostas a redes-cristianas@googlegroups.com

Chamamento de Redes Cristiás ( www.redescristianas.net)

1. O cincuenta aniversario da clausura do Vaticano II está espertando en moitas comunidades cristiás un crecente interese por un acontecemento que propuxo profundar na relación da Igrexa co mundo. As dúas preguntas básicas que flotaban na aula conciliar eran: “Igrexa, que podes ofrecerlle hoxe ao mundo” e “Mundo, que lle esixes hoxe á Igrexa”?

Hoxe, cincuenta anos despois, deberiamos facernos as mesmas preguntas porque tanto o mundo coma a Igrexa cambiaron substancialmente. Ante os novos desafíos -económicos, relixiosos, políticos, culturais, científicos, etc.- aos que hoxe nos enfrontamos os cristiáns e cristiás, xunto a moitos outros, debemos elaborar novas respostas. E para este cometido debemos ter a mesma actitude honesta e creativa que entón tivo o Vaticano II e usar, igual ca daquela, unha metodoloxía capaz de facer razonablemente fiable a vinculación entre historia e transcendencia.

Redes cristiás, cuxa preocupación fundamental desde a súa orixe foi tratar de facer plausible a fe en cada circunstancia histórica, considera que este aniversario pode ser un tempo oportuno para actualizar nos nosos días o espírito da Primeira Asemblea de Xerusalén, que relatan os Feitos dos Apóstolos no seu capítulo 15. Neste sentido, propuxémonos dedicar o noso esforzo á constitución dunha base suficientemente ampla, empeñada na procura dunha nova forma de presenza cristiá no mundo de hoxe e, en consecuencia, na reforma profunda da Igrexa. Sintonizamos nesta procura coas iniciativas que se están poñendo en marcha por outros grupos católicos de base de todo o mundo, singularmente con América Latina e coa Rede Europea de Igrexa pola Liberdade da que somos parte.

2. A nosa proposta diríxese a toda persoa para a cal a aposta pola dignidade do ser humano e o sentido da transcendencia é importante na súa vida e labor; a todos e todas as que están contra a discriminación -singularmente a de xénero e a causada pola pobreza- e se esforzan por cambiar as estruturas inxustas do mundo; a quen lles doe o silencio da xerarquía ante a crise e o paro, e a súa incapacidade para renunciar aos seus privilexios; a cantas e cantos se desesperan polo deterioro ao que a falta de conciencia ecolóxica está sometendo o planeta; ás persoas que queren vivir a fe nun contexto de liberdade e respecto e non o atopan nas institucións relixiosas; a todos aqueles e aquelas que por esta razón se han ir afastando das igrexas, pero seguen entendendo como válido para o mundo de hoxe a mensaxe do evanxeo.

3. Con este espírito, propoñémonos pór en marcha unha grande Asemblea do Pobo Cristián. Non se trata dun evento cun tempo limitado e unha data precisa. O que pretendemos é máis parecido a un proceso horizontal e participativo que se pode ir axustando aos tres anos previos ao cincuenta aniversario: horizontal, porque todas as voces deben ser oídas, poñendo a súa importancia máis no que se di que en quen o di; e participativo, é dicir, asumindo a responsabilidade que cada cal temos ante os demais. Con iso cremos que as fases ata chegar á Asemblea poderían ser:

1ª  Fase 2012-2013: Constitución. O obxectivo desta fase époñérmonos en relación as persoas e colectivos, actualmente desvinculados, e constituír entre todos unha base social ampla para levar adiante os fins que nos propoñemos. Esta base non debería sentirse limitada por ningunha fronteira de país, continente ou relixión.

2ª  Fase 2013-2014: Identificación epriorización dos desafíos. Nesta segunda fase deberiamos detectar os grandes problemas de hoxe e priorizar a nosa actuación en tanto que acción cristiá.

3ª fase 2014-2015: Posibles respostas. Coincidindo co aniversario de clausura do Vaticano II, deberiamos atopar algunhas respostas que definan honestamente a nosa forma de presenza no mundo empobrecido e en crise sistémica e a articulación coherente dos medios para unha praxe alternativa. Aquí entra a reforma das institucións e das igrexas.

Os colectivos que formamos parte de Redes Cristiás facemos un chamamento ante esta tarefa urxente que nos propoñemos. Ofrecemos a nosa páxina web e a dirección electrónica para ir recollendo achegas e adhesións das persoas e colectivos que se sintan interpeladas para traballar xuntas nesta tarefa ilusionante e esperanzadora e lograr que a Asemblea Universal do Pobo Cristián sexa unha realidade en 2015.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Horizonte universal. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s