A cousa vai de caras


Daniel López

A cousa esta, que xa damos por suposta, de que un goberno reparta discrecionalmente cartos á prensa, ten varias caras. Cara de parvos é a que se lles pon aos parados e precarizadas cando, en época de recortes do gasto –tamén do gasto social, educativo e sanitario, deixémonos de andrómenas-, a Xunta, a Deputación, o Concello, ou quen cadre, mediante convenio, o que significa “a dedo”, teñen a santa cara de repartir fondos ás empresas de comunicación, sen criterios obxectivos, sen unha xustificación que teña que ver co interese público senón, en todo caso, co interese do partido que goberna cada institución.

Por iso que, en fase de fartura de mentiras e fame de igualdade, aos indignados se lles pon cara de ferreiro cando escoitan que un conselleiro de infraestruturas, con cara de cartón, reparte 340.000€ entre as empresas de comunicación por “inaprazable necesidade”. (165.000 € para o grupo Voz; 90.000€ para o grupo do Faro de Vigo, La Opinión de A Coruña, La Región e Atlántico Diario; 30.000 € para El Progreso de Lugo e outros tantos para El Correo Gallego e 25.000 para Diario de Pontevedra). Éche moita cara dura, porque todos, desde a última funcionaria ao penúltimo lector, pasando por xornalistas e opinadores, saben que esas dádivas á prensa, co diñeiro de todos e todas –dos parados e das excluídas, dos enfermos, das maltratadas e dos inmigrantes- son para que a “prensa nos trate ben”, “para vender o que facemos” e sobre todo “o que non facemos”. Por iso que os interventores e as xuíces, os parlamentarios e o electorado todo, deberían poñer cara de pau cando lles toque o tempo de controlar como gasta cada quen, así, con cariña de rosa, os recursos escasos dun Estado Social en caída libre. Por certo, que caras lavadas hainas a espallo neste mundo e cómpre ter boa conta delas todas. Porque o Consello de Contas, cando fiscalizou os gastos de 2006 do goberno bipartito detectou que a Xunta pagara 20 millóns de euros á prensa, dos que 12 millóns eran tamén “vía convenio”, así de remanguillé. E mira por onde que, en época bipartita, volve aparecer o grupo La Voz en cabeza dos receptores de cartos, e con moita diferenza. Aforro o comentario.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s