O RÉXIME SIRIO E O SEU POBO


Moisés Lozano Paz

A República Árabe Siria, é un país que comparte fronteiras con Turquía polo norte, Iraq polo leste, Israel e Xordania ao sur, e Líbano polo oeste. A maioría dos 19 millóns de cidadáns que compoñen este Estado, profesan o islam, sendo o sunnismo o grupo maioritario. Entre os musulmáns non sunnitas en Siria están os drusos, alawitas e chiitas. Tamén existen minorías das etnias asiria, armenia, turca e kurda xunto a miles de refuxiados palestinos. A familia Assad do actual presidente pertence á minoritaria seita alawita, unha rama do Islam chiita, que é só un doce por cento da poboación de Siria, maioritariamente sunnita

O réxime sirio

Desde o ano 1963, o Partido do Renacemento Árabe Socialista ou Baaz, goberna Siria baixo a declaración de estado de urxencia e desde 1970 o presidente de Siria pertenceu á Familia Assad. Actualmente o Presidente é Bashar al-Assad, fillo de Hafez al-Assad, quen rexeu os destinos do país desde 1970 ata a súa morte no ano 2000. A constitución de 1973 define oficialmente a Siria como un estado socialista laico recoñecendo ao Islam como relixión maioritaria.

Desde 1973 a vixente Constitución define a Siria como República Democrática, Popular e Socialista, baseada, entre outros, no socialismo árabe, os principios de igualdade ante a lei, liberdade relixiosa e propiedade privada. O Partido Baaz domina a vida política, o Presidente da República domina o parlamento, a vida da sociedade do seu pobo e maioría das potestades lexislativas e xudiciais. Recentemente nun referendo limitou un pouco os seus poderes, pero a represión non cesou nin na xornada electoral.

A rebelión do pobo sirio

A rebelión iniciouse o 26 de xaneiro de 2011, influída por outras protestas simultáneas na rexión, esixindo profundos cambios nos gobernos e que foron descritas como as de Tunisia, Exipto e Libia. Os manifestantes demandan máis liberdades e plena democracia, así como tamén un maior respecto dos dereitos humanos. De acordo con testemuños de fontes independentes, desde o comezo das manifestacións, as tropas sirias e forzas de seguridade asasinaron uns 7.000 civís e outros milleiros resultaron feridos. Tamén se atopan detidas ou desaparecidas entre 9.000 e 15.000 persoas.

Moitos edificios simbólicos do poder, como a sede do Partido Baath e os tribunais, foron incendiados polos manifestantes. O venres 18 de marzo, durante as manifestacións, varios milleiros de persoas foron detidas en Damasco, Homs, Banias e sobre todo en Daraa. As escolas e os estadios das cidades foron utilizados como centros de detención. Desde o 25 de marzo, malia á represión e as concesións do goberno, o movemento estendeuse ás principais cidades do país. Este tipo de protesta non ten precedentes desde a masacre de Hama en 1982, onde se estima que foron asasinadas entre 10.000 a 25.000 persoas, sendo presidente o pai do actual.

Os dereitos humanos en Siria son sumamente vulnerados segundo as organizacións globais. O goberno de Rusia adiantou que non pode apoiar ningún proxecto de resolución do Consello de Seguridade das Nacións Unidas sobre Siria, proposto por países árabes e occidentais, porque ten entre outros intereses unha base naval clave para parte do seu transporte marítimo. O mesmo fixo China por outras razóns do seu interese económico.

A brutalidade do Exército non acala as protestas, senón que as aviva. En Homs queda claro que o maior perigo para a poboación civil non son as “bandas terroristas” contra as que di loitar o presidente, senón o exército, que executa tamén aos seus desertores. A oposición da UE e de EEUU, así como parte dos países da Liga árabe quizais non abonde. A resistencia do pobo sirio, sen axuda exterior, esgótase. Os organismos como a ONU, co seu sistema de vetos, móstranse ineficaces. Só queda a esperanza de que o pobo sirio se sinta libre e dono dos seus dereitos como persoas dignas nun futuro próximo.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Internacional coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s