Entrevista a David Pena Díaz


Comunidade Cristiá Vanguarda Obreira. A Coruña.

David Pena Díaz é Licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña e especialista de Dereito Laboral; actualmente exerce como avogado laboralista no sindicato CIG. Co gallo da promulgación, por parte do actual goberno de España, do Decreto que contén a reforma laboral, a Comunidade de Vangarda Obreira púxose en contacto con el para que nos dese o seu punto de vista ó respecto.
A contrarreforma laboral racha cos dereitos e a dignidade dos traballadores e traballadoras?
Ben, eu comezaría dicindo que, en efecto, a reforma, este “Decretazo” co que se estrea o goberno do PP en materia laboral, afecta gravemente aos Dereitos dos traballadores e traballadoras. Nesta liña xa transitara anteriormente o Goberno do Sr. Rodríguez Zapatero e, polo que se vé, o goberno do PP segue incidindo a aprofundando nesa mesma dirección. É unha reforma absolutamente involutiva e que ademais é o fiel reflexo no ámbito laboral das políticas neoliberais que dominan a escena mundial e europea neste momento agás poucas e honrosas excepcións.

 Para que debería servir unha lexislación laboral?

As lexislacións laborais deben ter como obxectivo – ademais da regulación das propias relacións entre patróns e asalariadas/os- a protección da parte máis feble da cadea, que son as e os traballadores, neste caso vemos como isto non é así. A reforma, neste senso, facilita e abarata o despedimento, flexibiliza as causas para modificar os horarios e outras condicións de traballo, habilita ao empresario para reducir salarios, abre a porta para os Expedientes de Regulación de Emprego –os tristemente famosos EREs- expreso ou permite deixar sen efecto, en determinadas circunstancias, os convenios colectivos.

Como vemos, todo un elenco de medidas involutivas que recortan dereitos, que zumegan puro e duro neoliberalismo –ao flexibilizar, desregular e incluso prescindir do control da autoridade laboral, caso dos EREs-, coas que desde unha perspectiva do Dereito, como ferramenta para protexer aos e ás traballadoras, difilmente se pode estar de acordo.
Pensas que axudará a frear o paro?

Creo que é unha reforma que afonda no camiño de precarizar as relacións laborais e dubido moito que vaia acadar o obxectivo de combater e reducir as dramáticas cifras de paro que temos en Galiza. Nunca crin, pese ao dogma que nos invade día si e día tamén, na ecuación segundo a cal a maior recorte de dereitos –ou como din eles, máis flexibilidade e desregulación- máis emprego se xera. Hai datos que doadamente serven para desmontar esa falacia. Ollemos, por exemplo, o sector servizos, un dos máis precarizados e con maior temporalidade. Vese claramente que, malia estarmos ante un sector moi limitado en dereitos, os rateos de desemprego son alarmantes. Polo tanto, aquí temos o primeiro dato empírico que cuestiona esa afirmación de que a máis flexibilización máis xeración de emprego. Por outra banda, é sintomático que un dos líderes empresariais de Galiza esta mesma semana teña afirmado, antes os medios de comunicación, que a reforma laboral non é o elemento que xerará emprego senón que éste virá da concesión de crédito ás empresas. Polo tanto, eu son dos que cre que a reforma en si non vai ter impacto positivo na xeración de emprego e si un impacto moi negativo nos dereitos dos e das traballadoras. E para frear o paro hai outras medidas: unha, a xa apuntada por este líder empresarial, que flúa o crédito ás empresas e outra aumentar o gasto público para crear postos de traballo. Como vemos, xusto o contrario do que se está a facer no momento actual.
Dá un poder unilateral ao empresario; en que campos concretos?
En efecto, esta reforma dá carta de natureza legal ao unilateralismo empresarial, quen -ao abeiro dese caixón de xastre<span chamado causas económicas– vai ter un poder case absoluto para moitas cousas. Que campos concretos son eses nos que o empresario vai poder actuar unilateralmente? Pois por exemplo en materia de horario de traballo, xa que coa reforma a empresa vai poder distribuír de xeito irregular ao longo do ano o 5% da xornada de traballo. Paréceme tamén que eliminar a autorización administrativa previa para articular un ERE dá un poder case absoluto ao empresario/a en segundo que casos pero, sobre todo, se hai algo no que ao empresario/a se lle abren as portas para actuar unilateralmente ese é o punto da reforma referido á negociación colectiva, que permite ao empresario non aplicar o convenio colectivo en materias tan importantes como xornada de traballo e horario –como xa dixen antes-, contía salarial e remuneración mensual ou en materia de mobilidade funcional. E isto, sempre alegando esas para min tan temidas causas económicasque fan como o touciño, que di en tódalas olas,mais que sempre acaban afectándonos aos e ás traballadoras.

Se os traballadores e traballadoras fican cada vez máis illados, sen apoio colectivo (convenios) nin sindical, como se reflicte esta desprotección no Decreto?

Todo o Decreto en si é un monumento á desprotección dos traballadores. Este punto que toquei anteriormente, o da negociación colectiva, é no que se reflicte de xeito máis evidente esa desprotección: facilitar a adaptación dos salarios e doutras condicións laborais á produtividadee á competitividade empresarial levándose por diante o convenio colectivo de aplicación paréceme unha agresión sen precedentes á clase traballadora e un punto de non retorno que nos pode facer retroceder un par de séculos no ámbito dos dereitos dos asalariados.

Para ti, cales son as tres cousas máis sangrantes deste decreto?

O abaratamento do despedimento é o particular Pórtico da Gloria dese monumento á desprotección do que falaba antes. O despedimento xa era libre, mais cando menos había que pagar por el. Agora xeralízase a indemnización do despedimento improcedente a 33 días por ano cun tope de 24 mensualidades, cando ata agora era de 45 días cun tope de 42 mensualidades.

Tamén a perda de valor do Convenio Colectivo como marco de referencia intocable e, se queredes, sagrado e a facilidade total para os despedimentos colectivos, para os EREs. Isto lévame a facer a seguinte reflexión: se o Decreto aprobado polo goberno persegue combater o paro, por que se facilita e abarata o despedimento? Que cada cal tire as súas conclusións…

Pero, por que estes cambios? Cales son as causas deste decreto e do estrangulamento xeral das maiorías que estamos a sufrir?

Eu creo que este Decreto non é outra cousa que a ideoloxía neoliberal aplicada á regulación do mundo do traballo. O dogma neoliberal está instalado na nosa sociedade, nos centros de decisión política e económica e o campo das relacións laborais non é alleo a isto. Se estamos vendo que os mercados financeiros –conformados polas grandes burguesías financeiras, polo tanto, por persoas, familias e grupos de poder con nomes e apelidos- rexen a política dos Estados da Unión Europea, as propias institucións comunitarias, se vemos que os gobernantes responden non ante os seus pobos, non ante os parlamentos democraticamente escollidos, senón ante tales mercados, entón podemos comezar a comprender cal é a orixe deste decretazo e a ideoloxía que hai detrás del.

Que reaccións estás a ver tanto na xente como nas organizacións sindicais?

De grande enfado, de grande preocupación e, sobre todo, de grande toma de conciencia. A xente estase a decatar de que a vaga neoliberal do PP vai moi en serio, que os recortes no gasto público, e nomeadamente no gasto público social, lles poden afectar moi gravemente no seu día a día e no seu benestar. Se esa percepción xa comezaba a ser moi acusada esta reforma creo que pode xa abrir os ollos da sociedade no seu conxunto.

En canto ás centrais sindicais, é sintomático que a CIG xa teña convocado formalmente unha folga xeral para finais de marzo, acompañado, xusto no momento no que estamos realizando esta entrevista, con asembleas abertas á sociedade para debater sobre a reforma laboral, as súas alternativas e a necesaria folga.

A reacción, en xeral, que estou atopando é moi positiva nun aspecto: ninguén se sente derrotado e todo o mundo ten claro que estamos ante unha reforma inxusta que hai que botar abaixo.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s