Doutrinas e doutriniñas


Daniel López                    

As socialdemocracias, xunto coa democracia cristiá e a esquerda sindicalista, montaron na Europa de post-guerra un invento que deu paz, prosperidade, estabilidade e felicidade -en doses razoables, digamos- ás clases populares europeas. Ese invento foi o Estado do Benestar, que na constitución española chámase, aínda mellor, Estado Social.

Mirando un telexornal, estes días atrás, atraganteime co pan de Lugo –boísimo por certo- que merco no meu barrio de Compostela –cousas da globalización- cando, así, de súpeto, escoito que nun congreso do partido popular van debater se seguen mantendo, na súa declaración de identidade, a denominación “de inspiración humanista cristiá”. Unha vez desatoado o esófago, pasaron á seguinte noticia que ía sobre a reforma laboral, claro, o despido baratísimo, a desregulación da protección legal aos máis febles e esas cousas, todo no altar europeo do déficit cero.

Cando se fala de cousas como o humanismo cristián, cada quen entende o que entende, porque os nosos filtros mentais teñen moito máis que ver coas nosas experiencias ou co que nos contaron pero non vivimos, que coa realidade do que se di ou deixa de dicir. Para algúns, tal fórmula, humanismo cristián, é reacción ultradereitista pura e dura, Opus Dei vestido de ovella e nenos abusados. Ben, hoxe non escribo para ese sector.

Cando certa xente de certos partidos e de certos sanedríns católicos ao longo da máis recente historia celtibérica fala desas fórmulas, só pensan basicamente na cuestión do fuquifuqui, da “degradación dos costumes” e do revoltallo do querquellequer.  Esqueceron que moito máis interesante para este momento histórico que a suposta “doutrina sexual católica” sería recuperar a “doutrina social da Igrexa”.

Non fai  falla remontarse a un repaso esexético dos escritos sobre un tal Xesús e a posición vital que adoptou fronte aos pobres, desvalidos e excluídos (aínda que viría moi ben). Abondaría simplemente se alguén, nun exercicio de coherencia, comproba que relación ten todo o que está pasando en Europa con principios como a dignidade de toda persoa humana, o papel do Estado como garante da xustiza distributiva, a primacía do ben común, o destino universal dos bens e a solidariedade. Así, para empezar. E despois que pensen se se poñen a etiqueta ou non. 

Advertisements
Estas entrada foi publicada en O Trasno coas etiquetas , , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s