A verdadeira reforma da educación


Lois Ferradás. Pedagogo

A educación acostuma estar presente no centro do debate social e nos medios de comunicación: se o nivel educativo dos mozos sobe ou baixa, se os libros de texto deben ser gratuítos para todos, se a dos nenos pequenos é educación ou conciliación, se é mellor ir á universidade ou facer un ciclo de formación profesional, …

Reformar o fracaso

Hoxe imos tratar un tema de certa actualidade na discusión sobre a educación: a anunciada reforma na duración da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e do Bacharelato.

O Ministro de Educación na súa comparecencia no Congreso dos Deputados dá uns datos que deben preocupar a calquera. Fracaso escolar: hai un 26% de mozos que nin sequera chega a concluír a escolarización obrigatoria e conseguir a titulación básica. Abandono escolar temperán: un 28% dos rapaces e rapazas que obteñen o título de secundaria non prosegue estudos (cando a media europea é de 14,4%).

Fronte a isto o primeiro que propón o ministro é un cambio de mentalidade: “Hai, di o ministro, que abandonar a cultura do acomodo e da mediocridade. É indispensable que a escola volva promover valores como o esforzo, o mérito, a satisfacción polo traballo ben feito, a autoesixencia, a responsabilidade e o respecto pola figura do profesor”. Aínda con necesarios matices, podemos estar de acordo nisto.

A continuación, despois de prometer unha reforma da Formación Profesional (FP) para facela máis atractiva, a medida estrela, a máis importante para remediar os males do sistema será reducir a ESO de 4 a 3 anos e aumentar o Bacharelato de 2 a 3 anos.

Sen fracasar na reforma

Na actualidade case ninguén dubida de que o noso sistema educativo precisa unha posta ao día que facilite a redución do abandono e mellore as taxas de éxito en todas as etapas. Falando do Bacharelato, a diferenza entre o nivel medio dos nosos escolares cando terminan a ESO e o que se lles esixe para acceder á educación universitaria é dificilmente superable en tan só dous anos. Por isto, unha ampliación do Bacharelato parecería razoable e, de camiño, achegaríanos un pouco máis a Europa onde a maior parte dos sistemas educativos xa conta cunha etapa equivalente de tres anos. Pero debe estudarse ben a forma de facela para que os prexuízos non sexan maiores que os beneficios que se buscan. É dicir, non se trata de facer máis do mesmo (aprendizaxes memorísticas superficiais de case todo), senón aprendizaxes de comprensión en profundidade dun limitado número de materias).

Respecto da supresión do 4º curso da ESO para substituílo por un curso do Bacharelato ou por un curso preparatorio da FP, como propón o ministro, sería máis realista unha reforma do último curso da ESO, sen modificar a estrutura da etapa, como xa propuxera o ministro Gabilondo. Isto permitiría facer practicamente o mesmo e evitaría o problema de situar dentro do período obrigatorio o 1º curso do Bacharelato e da FP, o que provocará incomodidades aos alumnos que teñan que cambiar de centro por un só ano (os de todos os colexios nos que non hai Bacharelato) e aos profesores que deberán ter nas súas aulas a alumnos que non teñen intención de continuar os seus estudos máis alá da etapa obrigatoria. Outra cuestión que está no aire e se esta medida levará consigo un maior gasto na ensinanza privada-concertada, ampliando os concertos ao bacharelato, en detrimento do apoio económico ao ensino nos centros públicos.

Porque a clave do éxito é anticiparse ao fracaso

Con todo, convén recordar o que sabemos desde hai moito tempo: o fracaso e o abandono non se remedian nos últimos anos da ESO. É neses anos nos que se manifesta xa cristalizado e con toda a súa contundencia. Este fenómeno ten a súa raíz nos primeiros fracasos na Educación Primaria; é alí onde se deben aplicar os remedios (como se fai nos países que queremos imitar); é coa axuda personalizada ao alumnado que empeza a ter problemas, por exemplo, na resolución de problemas de matemáticas ou na comprensión lectora ou na expresión oral ou escrita, … como se debe abordar esta situación. Quen chegue aos anos da adolescencia con escasas habilidades intelectuais e coa autoestima destruída moi dificilmente poderá recuperarse.

En calquera caso, convén non esquecer que necesitamos solucións que proporcionen un maior de grao de éxito a un maior número de alumnos; isto é o que fai ás políticas máis equitativas e ás sociedades máis integradas e cohesionadas.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Actualidade coas etiquetas , , , , , , , . Ligazón permanente.

2 Responses to A verdadeira reforma da educación

  1. Pingback: A reforma educativa | Aí falaches!

  2. engrobasal di:

    Non poido estar máis de acordo con esta reflexión. Creo que os políticos deberían pedir opinión aos profesionais antes de soltar por esas bocas o que soltan, tal vez así iría mellor a educación.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s