José Antonio Martínez

Evaristo Villar. Sacerdote, director da revista Éxodo, membro do Foro de Curas de Madrid, da Asociación de Teólogas y Teólogos Juan XXIII e voceiro de Redes Cristiás. Este antigo claretiano, encardinado agora no Vicariato de Pedro Casaldáliga, forma parte da comunidade de Santo Tomás de Aquino de Madrid. Amigo e colaborador de Xulio Lois, veu a Santiago a falar das súas vivencias conxuntas e a profundar na experiencia vital do teólogo galego.
Ves a Santiago a falarnos de Xulio Lois, co que compartiches unha longa traxectoria. Que nos poderías dicir del?
Podería falarvos de moitas cousas. Mais se o tivese que resumir nunha soa frase, diría que Xulio pasou pola vida facendo o ben. Nel vin a imaxe máis limpa do cristián, unha persoa comprometida, cariñosa, comprensiva, que non tiña ningunha dobrez. Era a verdadeira imaxe do samaritano bo, o rostro humano de Cristo.
Vese o gran afecto persoal por unha persoa coa que compartiches moitos traballos.
Con Xulio tiven unha grande empatía dende o primeiro momento. Coincidimos en moitos eidos dende principios dos anos 80. Estivemos xuntos na posta en marcha dos dez primeiros Congresos de Teoloxía, na creación do Centro “Evangelio y Liberación”, da que xurdiría a revista Éxodo, na organización das comunidades de base de Madrid, na creación da revista Utopía en 1991. Tamén compartimos os inicios de Redes Cristiás, esta aposta por crear alternativas propositivas dentro da nosa Igrexa, así como na creación do Foro de curas de Madrid.
As comunidades cristiás populares: un futuro comunitario para a Igrexa
Que achega hoxe a obra e a experiencia de Xulio Lois ás comunidades cristiás de base?
É un referente para as comunidades cristiás populares e para os movementos cristiáns de base. Aínda diría máis, todo cristián con apertura de miras non pode prescindir del. Así como no mundo fica como referente Monseñor Romero, que non é referente pola súa doutrina, senón tamén por morrer como morreu, sendo testemuña, coma Ignacio Ellacuría, as CCB temos a sorte de contar con xente que tiveron un valor ético e unha espiritualidade cristiá que foi exemplar en todo. Aquí estaría Xulio Lois, un referente ético, doutrinal e humano.
Cal é o futuro das comunidades cristiás de base? Que lle poden ofrecer á Igrexa?
As comunidades, como o propio Ellacuría dicía, xurdiron polo Espírito que sopra no pobo. Persoas sensibilizadas ao sopro do Espírito, que se reunían e formaban comunidades. Así estaban a realizar o soño de Xesús: comunidades humanas onde vivirmos a solidariedade, a colaboración, a compaixón, … A súa existencia é unha chamada á Igrexa: lembra que a Igrexa, mentres non chegue a ser comunidade, non é nada.
Mais hai quen cuestiona a pervivencia e o futuro destas comunidades?
Cómpre empezarmos por facer comunidade, por pequenas que sexamos. Escóitase, moitas veces, iso de que os membros das comunidades de base son maiores, que non teñen futuro; mais o exemplo xa está aí. Xa superamos esa época onde os cristiáns angustiábanse por non ver sucesores. Hoxe asumimos que o Espírito xa dará sucesores, posiblemente con outras formas, mais de seguro co espírito de comuñón.
Que poden ofertar as comunidades cristiás á sociedade?
Cando xurdiu o Movemento do 15M, no que todos estamos dentro, dun xeito ou doutro, algúns, dentro das comunidades cristiás, dicían que non tiñamos nada que aprender deles, que o que estaban a facer, o modo de se organizar, as asembleas, xa o levabamos nós facendo moitos anos. Coido que hai que ser máis modestos, porque cada época ten unhas connotacións distintas. Mais non existe dúbida de que as comunidades cristiás populares teñen moito que achegar á nosa sociedade: primeiro, unha loita pola defensa dos dereitos humanos, unha defensa da xustiza até o límite, como se ve na existencia de mártires. Por outra banda, o sentido de coordinación, de unión, quer dicir, a ruptura do individualismo que prima no actual modelo neoliberal consumista. A comunidade o primeiro que fai é pór en común moitas cousas, mesmo o propio diñeiro, co que isto nos custa. Compartir o tempo, a amizade, a entrega. A propia organización dos actos da campaña contra a celebración da Xornada Mundial da Xuventude en Madrid este verán, mostra a capacidade de colaboración con outros movementos sociais. Tivemos unha boa relación con organizacións laicas e mesmo ateas, rompendo moitos dos prexuízos cos que nos ven. Produciuse un rico diálogo onde vimos que hai moitos aspectos que nos unen, aínda que existan puntos que nos separen; posiblemente aspectos que uns consideran desprezables, mais que para outros teñen moita importancia. Malia as diferenzas, nada nos impide ir xuntos nunha mesma manifestación.
Está a condicionar moito a imaxe que a sociedade ten da Igrexa institución a imaxe das comunidades cristiás de base?
Cando comezas a traballar conxuntamente con organizacións que discrepan e mesmo atacan á Igrexa institucional, pasado un certo tempo podes escoitarlles dicir que o que nós estamos a facer a eles si que os convence, aínda que se opoñan á Igrexa. É necesario rachar esta imaxe monolítica da Igrexa: a Igrexa somos moitos, acolle a moitas opcións. E dentro dela estamos nós, mais tentando propor outro modelo de Igrexa.
Xulio Lois teólogo, Xulio Lois membro dunha comunidade de base. Houbo un tempo onde teoloxía e comunidades de base parecían dous mundos ben diferenciados. Na actualidade, ten sentido unha teoloxía que non responda ás preguntas das comunidades cristiás?
Tiven a sorte de compartir con Xulio Lois, dende un primeiro momento, a organización dos congresos de teoloxía, da creación da Asociación de Teólogas e Teólogos Juan XXIII. E ambos os dous pertenciamos a comunidades de base, cada unha cun estilo diferente. A miña, a comunidade de Santo Tomás de Aquino de Madrid vai cumprir agora trinta anos dende a súa creación, e estamos a preparar un libro que conta a súa historia. Nós eramos teólogos dende esas comunidades. A nosa loita á hora de organizar os congresos de teoloxía pretendía que estes foran organizados polas comunidades de base, non pola propia Asociación de Teólogos. Mais iso non foi posible.
Os retos da teoloxía do futuro deberían ser os retos das comunidades cristiás do futuro?
Creo que a inmensa maioría dos teólogos españois actuais están conectados coa sensibilidade da xente. Isto non significa que vivan en comunidade. Así como Xulio Lois era un teólogo referente e estaba a vivir nunha comunidade, hai outros que non o están, máis o seu traballo teolóxico é un referente para o vivir das comunidades.
Leendo este artigo venme a memoria a boa lembranza que deixou na parroquia de Gresande (Lalín) aquel párroco que exerceu alí durante os anos de ferro da guerra e postguerra civil, chamado Don Marcial, natural da parroquia de do Salto na Terra de Camba (Rodeiro). Pola defensa e axuda dos parroquianos que fixo, que immediatamente que sabía os citaban no cuartel saía disparado e teimaba ata que os trahía consigo para Gresande. Alcumábano os paisanos como “el ladrón de Andalucía, que a los ricos robaba y a los pobres socorría”, por anécdotas como que mandaba a un veciño de confianza pedir varios ferrados de trigo a casa de un rico para levar a casa de un pobre, etc. O señor Francisco da Cima, canteiro, que estivo preso cinco anos en San Simón, do que se preocupou de informar sempre ben, arranxou o campanario da igrexa (caera por un raio) sen cobrar nada, e cando morreu D. Marcial andivo pola parroquia aviasando á xente para contratar un autobús para irlle o enterro. Tal señor fora un dos dirixentes que reclutaron xente para ir a Pontevedra defender a República.
Os vellos todos falaban e falan ben del… (incluídos os que non pisaban a igrexa, tanto por pouco relixiosos como por paganos recalcitrantes) en contraposición co substituto (un tal España), que seica era todo o contrario, en todos os aspectos.
Unha pena que a Igrexa non apreveite siquera esta clase de escasos personaxes cheos de humanidade e valentía. A ver se vos averiguades algo.
Tan distintos de outros (este si o coñecín entre finais dos corenta e comezo dos cincuenta, inda que eu era un cativiño) como un tal D. José, párroco de Campobecerros (Castrelo do Val).