CARTA DE CORESMA: Convidados ao cambio


Xabi Blanco

Benquerido Darío:

Cada curso que pasa boto máis de menos non ter na aula xente coma ti, que mesmo na faciana se che notaban as ansias de entender, de aprender, de coñecer, de saber e por iso todo o poñías en cuestión. En ti cumpríase que deixou escrito Einstein: “Nunca consideres o estudo coma unha obriga, senón como oportunidade para viaxar polo marabilloso mundo da sabedoría”.

Tamén nas clases de Relixión todo o cuestionabas porque non te contentabas con “amarrarte” aos tópicos como gustaba de facer a maioría. Lembro como insistías en que o cristianismo usaba verbas vellas que, ou se explican ben, ou hoxe poden non dicir nada ou mesmo dicir o contrario do que na súa orixe quixeron dicir.

Pois mira por onde, escríboche estas letras no tempo de “coresma” ese camiño que nos conduce cara á “pascua” e na que somos convidados á “conversión”. Velaí de novo verbas vellas, pero que coido que poden aínda adquirir significados xeitosos.

Cada vez estou máis convencido de que só temos unha tarefa por diante sexamos quen sexamos e profesemos as crenzas que profesemos: facernos humanos, plenamente humanos. E por iso tamén creo que ten sentido que cada coresma recibamos a invitación á conversión.

Gústame a verba conversión porque, como escribiu hai moitos anos Casaldáliga, “un é moitos dentro de si, e hai algúns deses ‘eus’ sobrepostos ou adxuntos ou paralelos que non acaban de facérseme cristiáns”.

Na mensaxe de Xesús hai un convite a vivir en comuñón, e nós somos expertos diarios en romper a comuñón. Aquí en Galicia eu coido que máis expertos que ninguén: iniciativas sociais, culturais, políticas, relixiosas que nacen con vocación de unirnos en fermosas causas, e acaban xerando divisións a esgalla! Maldito “xene” egoísta!

Coido que é bo que recibamos a invitación a nos converter de tantas divisións e facer a experiencia da comuñón. En primeiro lugar, traballando a comuñón con nós mesmos/as ou, o que é o mesmo, aprendendo a tarefa diaria de querernos que a voltas nos maltratamos e ferímonos en exceso e iso deshumanízanos.

Tamén traballar a comuñón cos demais ou aprender a des-centrarse.

Aceptarse e estimarse a un mesmo éche ben importante. Pero non o é menos aceptar e estimar os demais. O ser humano é un ser social. Para iso é necesario aceptar os outros tal como son, estimalos e, en todo caso, axudalos a desenvolver as súas posibilidades, axudalos a “encherse de humanidade”.

Traballar a comuñón coa Natureza. Si, concordo co poeta francés de Lamartine cando di que “en todos os seus máis fermosos soños o ser humano nunca soubo inventar nada mellor que a natureza”. Pois se non sabemos “inventar” nada mellor, como é que nos permitimos descoidar e mesmo estragar a máis grande obra de arte coa que convivimos?

Non te canso máis, amigo Darío. Só dicirche que coido que paga a pena que vivamos este tempo coresmal como unha invitación que Deus nos fai a traballar por seguir facéndonos cada vez máis humanos entrando en comuñón con nós mesmos, cos demais e coa natureza. E nesa andaina atoparémonos co Deus do que nos falou Xesús, Aquel que unicamente quere o mellor para cada unha das súas fillas, dos seus fillos e para a súa “obra completa”: a Humanidade e a Natureza. Daquela, boa coresma!


Advertisements
Estas entrada foi publicada en As festas do ano coas etiquetas , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s