Conversa con Socorro García Conde


Manolo G. Turnes

Socorro García CondeSocorro García Conde é a responsable do Departamento de Lingua Galega do Concello de Santiago de Compostela, sección  á que acaba de volver logo duns anos asumindo responsabilidades no goberno da corporación local. Falamos con ela sobre o seu traballo diario arredor da lingua. 

En que consiste o traballo de normalización no concello?

Os concellos ocúpanse de moitas necesidades da comunidade: o lixo, os autobuses, os servizo sociais, os parques, as rúas, a cultura, os servizos educativos complementarios, etc., e, para iso, relaciónase con empresas e asociacións. Son, polo tanto, unha administración fundamental nas nosas vidas que, de xeito transversal, pode achegarnos a lingua.

Os servizos de normalización intentamos que toda esa rede que acompaña a vida da comunidade funcione en lingua galega. Para logralo, traballamos para mellorar a competencia lingüística das persoas que realizan esas tarefas; axudámoslles a producir os seus textos en galego; lembrámoslles que existen normas sobre o idioma que deben cumprir e organizamos actividades que van dirixidas a que se amplíe o uso. Isto último é o que máis se ve porque se emite cara á comunidade: as campañas que envían mensaxes favorables ao galego ás empresas, ás asociacións ou a sectores da veciñanza, as convocatorias de subvencións, os premios, os espazos e recursos para os rapaces (xogos, campamentos, obradoiros, concursos…), etc.

É, e pode ser, un traballo moi variado. A súa intensidade e efectividade depende de moitos factores: do orzamento, do acerto no deseño das actuacións, do grao de participación dos destinatarios que se logre e do impulso político que se lles imprima. A respecto disto último temos que ter presente que no concepto “normalización nun concello” hai dous niveis diferentes: o político, que corresponde ao goberno e consiste en trazar as directrices do proceso (aprobar as normas e os plans que se deberán aplicar e os recursos para facelo) e o técnico, que é o que corresponde aos servizos de normalización e consiste en executar eses proxectos.


Recentemente saíu nos medios a polémica polo peche do servizo de normalización de Ames? Que opinión che merece? Pode ocorrer no de Santiago? Prevese un goteo polos concellos do país?

Polo momento non se pechou ese servizo e agardo que iso non ocorra porque significaría eliminar unha ferramenta moi útil para a normalización, nese caso especialmente interesante. Lembremos que existe lexislación sobre o uso da lingua aprobada polas institucións que nos representan a todos e todas ou que o Plan xeral de normalización foi aprobado no Parlamento por unanimidade de todos os partidos que o forman. Dentro dese marco teñen que moverse as administracións, tamén os concellos, e está máis que demostrado que naqueles nos que funciona un servizo de normalización se cumpre mellor con esas normas. Eu non sei que vai pasar no futuro pero espero que o camiño non sexa recuar e eliminar o que ata agora funcionou en positivo.

A Xunta deu luz verde á famosa rede de dinamización dos concellos. Funciona na práctica? Que finalidade ten? O concello de Santiago participa?

Polo de agora pouco sabemos. O Concello de Santiago acaba de solicitar a inclusión mais aínda non participamos. Eu creo que ten de bo que recoñece a necesidade urxente de coordinar e dirixir conxuntamente o proceso de normalización no territorio. Pero ten moitas eivas: non pasa de ser unha rede voluntaria, sen estrutura nin recursos. Ninguén acreditaría no voluntarismo para coordinar a política urbanística, sen esixir dos membros ningún compromiso e sen ferramentas para levar a cabo os obxectivos. Neste caso as ferramentas son os servizos de normalización que, de non depender dos concellos como ocorre agora, poderían estar repartidos por toda a xeografía creados por esa rede. O que estamos vendo é que concellos que están na rede pretenden pechar os servizos e que, á vez, desaparecen as axudas que existían, sen que apareza outra alternativa. Daquela, que se vai facer e con que instrumentos?

Se tiveses moitos cartos e liberdade absoluta de acción, que proxectos desenvolverías de inmediato desde o teu posto no concello?

Non ten sentido que os proxectos sexan unicamente técnicos, teñen que contar coa vontade política de quen dirixe a institución. Os técnicos podemos propoñer pero non debemos decidir. Os programas de normalización son efectivos se chegan aos seus destinatarios xunto con mensaxes coherentes con eles emitidas polos responsables políticos. Que efectividade tería unha campaña contra o consumo de alcol que planificase un servizo municipal, por moi ben feita que estivese, se os membros da corporación saísen na prensa dando exemplo do contrario?

Se esas condicións se dan, o primeiro sería aplicar medidas claras de galeguización da administración: o persoal e os servizos municipais deben dar exemplo de uso da lingua e, para iso, cumpriría un deseño de perfís lingüísticos aplicado aos postos de traballo, con formación e incentivos para a súa aplicación e a esixencia tamén ás empresas que o Concello contrata para realizar diversas tarefas. Partindo desa posición coherente desde a administración xeraríase unha valoración positiva da lingua que apoiaría as mensaxes normalizadoras cara á comunidade.

Verbo do lusismo, -desde un punto de vista estratéxico para a supervivencia da lingua-, semella haber dúas opinións: a dos que pensan que o reintegracionismo é moito máis ca cambiar catro pequenos detalles (como pasar de escribir ñ a nh) e que isto provocaría a desafección definitiva da xente cara á lingua ao non se recoñeceren nela e a dos que cren que a desafección xa é definitiva, e que virar cara un galego reintegracionista e a lusofonía prestixiaría de novo a lingua entre nós, sen deixar de ser galego. Ti que opinas ao respecto?

Eu creo que este debate se perverteu moito socialmente. Case sempre se esquece que a forma na que escribimos non é máis que unha convención que se constrúe. Se nos afacemos a un modelo acabamos pensando que é o “natural”, pero podería ser outro. O que ocorre é que para implantar un modelo son moitas as institucións que interveñen: a escola, os medios de comunicación, a administración, as editoras…, e, se todas van nun sentido, é moi difícil darlle a volta. Sendo prácticos, na miña opinión, non sería útil unha virada brusca, pero si é absurdo desperdiciar as oportunidades de ter ao ladiño un país que funciona normalmente na nosa lingua (ou no noso sistema lingüístico, como cada un queira). Hai literatura, programas informáticos, televisión, xornais, teatro, cinema… en galego (ben, nun modelo de galego que chaman portugués). Un “galego” que nos pode enriquecer e axudar a vivir con normalidade na nosa lingua, sempre que deixemos de darlle as costas.

As nosas beizóns polas túas claras respostas.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais coas etiquetas , , , , , . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s