ADQ


Daniel López

Hai tempo na nosa conciencia o lixo non era un problema, que a lavadora vella encaixaba ben no medio da carballeira –mesmo lle daba un toque de escultura moderna-; xa non digamos no medio do eucaliptal –que triste un eucaliptal sen o seu microvertedoiro!, coas latas de aceite de vivas colores, a alegre xoguetería plástica, a batería de coche asomando timidamente entre as ortigas e a neveira aberta con aquela caída de 35º con respecto ao invisible horizonte (os eucaliptos cegan o horizonte, polo que o dos 35º é a ollo). Outro tanto se pensaba do mar, tamaño vertedoiro natural!, tentador el, tan aborrecidamente azul, coa súa capacidade de rexeneración infinita.

Es posible que tu navegador no permita visualizar esta imagen. Despois veu a tumultuosa creación de Sogama e o inmenso déficit dun debate serio sobre estes temas. Porque entre os tres “R” (Reducir, Reutilizar, Reciclar) optouse polo ADQ (aumentar, disimular, queimar). E seguimos con esa enorme actitude avestruz, que namora a políticos e seduce ao pobo e aos supermercados.

Sogama ( a alternativa de reciclado residual e queima masiva) está desbordada. E, por desgraza, sábese tamén que a esperanzadora alternativa que lanzara o consorcio das Mariñas (Nostián, producción de compost) está en risco de colapso, porque o compost que se produce non dá os mínimos de calidade e non pode ser utilizado.

Así que, como Sogama non funciona, acaban de decidir aumentala cara ao Irixo, que así é como se resolven os problemas, facéndoos máis grandes.

O lixo encarna o que somos como sociedade, como sistema produtivo: unha loucura insostible, na que as responsabilidades sempre se dilúen, e no que vivimos cada día máis convencidos de que non hai nunca solución para nada.

E sen embargo non parece complicado: Todo vai a algures, tamén as pilas (educación desde os colexios). Reducir ou prohibir envases non biodegradables (normativas, inspección). Separar o lixo (obrigatorio baixo sanción). Tratar o lixo que separamos na casa (velaí a cuestión desmoralizante: para que vou separar se vexo que os da recollida volven mesturalo todo???). Hai que reciclar todo o que se poida e facelo con rigor e calidade (administración). Hai que reducir ao mínimo a queima (tratamento).

Romanticismo? Non. Problema económico. Responsabilidade individual e institucional. Producimos 1,16 quilos de lixo por persoa e día. Só recuperamos o 10% dos residuos (non vale contar a lavadora que adorna o eucaliptal), fronte ao 15% estatal ou o 24% europeo. E iso cústanos 62,4 millóns cada ano. É realmente tal difícil?

Advertisements
Esta entrada foi publicada en O Trasno. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s