Conversa con Tereixa Otero Dacosta


Maite Cabanas

Por unha escola galega, pública, democrática e coeducativa

Ademais de profesora de Ciencias Sociais, Tereixa Otero Dacosta é delegada sindical do sindicato do ensino STEG. Desenvolve unha militancia diferente e alternativa neste e noutros eidos, como a Marcha Mundial das Mulleres de Galiza na que participa activamente e á que representou neste mes pasado en Filipinas.

Coñecedora de primeira man da situación pola que está a pasar a escola pública e dos discursos empregados para xustificar a súa deterioración, cando non a súa desaparición, as súas palabras denotan gusto fondo polo traballo e implicación comprometida… Sen dúbida, unha muller chea de vitalidade que aposta con firmeza polo que cre.

No estado español implantouse a LOXSE a partir dos anos 90. Que melloras introduciu este cambio e que deixou no camiño?

É unha pregunta complexa. As melloras que destacaría da LOGSE son o “aprender a aprender”, a atención á diversidade, a transversalidade nos contidos e vertebrar todo o ensino tendo en conta a FP.

Deixou no camiño unha aposta decidida polo que defendía: ao non haber centros suficientes concertouse con centros de ensino privado que non abandonaron certas premisas como a segregación por sexo. Tampouco se contou con profesorado formado nesta pedagoxía, todo se facía “por obriga”, e as expectativas eran inalcanzables, polo que se estendeu o desánimo.

Parece que antes de falar de crise económica, xa se podía falar de crise no ensino ou de que a educación estaba en crise…

A nosa situación non é comparable á de ningún estado de Europa Occidental. Non me gusta usar o concepto de crise, porque parece que antes todo estaba ben, cando o certo é que levamos anos demandando o cumprimento dos dereitos humanos en todo o mundo, igualdade real para as mulleres e sentido común no uso dos recursos, por exemplo.

Xesús R. Jares, no seu libro Pedagogía de la convivencia, fala de que se a convivencia é inherente a todo proceso educativo, non se pode dicir que sexa un ámbito exclusivo del. Construír sociedades convivenciais compete ao conxunto da sociedade; non se pode delegar exclusivamente esta responsabilidade no sistema educativo, aínda que a teña e sexa moi grande.

Como é a situación actual da educación, nun momento no que parte da “solución” á crise económica parece que pasa por reducir investimentos en educación?

O sistema educativo está a soportar un acoso constante por parte do actual modelo económico que entende a “eficacia” en termos economicistas e non como mellora na calidade de vida das persoas e no coidado do planeta. Segundo estes criterios os investimentos no ensino teñen que ser recortados para medrar o gasto en armamento, en investimento nas empresas privadas e no rescate á banca, sen ter en conta o que pensamos as persoas. Estou convencida de que, se nos deixasen opinar, máis do 98% prefeririamos aumentar o gasto na sanidade ou no ensino en lugar de recortalo. Para o STEG estas políticas non fan máis que “parchear” un modelo insostible e caduco, que precisa de cambios estruturais fortes, para os cales, a escola é un espazo estratéxico de preparación, socialización e convivencia da totalidade da cidadanía.

Que obxectivos persegue o STEG?

O noso lema recolle os nosos obxectivos: “Por unha escola pública, democratica, laica e coeducativa”. Estes obxectivos atravesan todo o noso traballo: as demandas á Administración, a organización do STEG e as alianzas con outras organizacións en diferentes plataformas. Somos unha organización asemblearia, na que destacaría como positivo o consenso como xeito de achegamento de posturas diferentes, a responsabilidade e participación das persoas en todos os procesos para evitar que a representatividade se converta nun xeito individual de facer e ver as cousas, e a convivencia na heteroxeneidade e na heterodoxia.

O curso pasado rematou cunha gran manifestación do profesorado en Compostela, este curso iniciouse con dous días de folga en setembro, que está a pasar?

A escola galega arrastra problemas agudizados con medidas populistas e pouco efectivas para fortalecer unha escola galega pública de calidade. O Decreto de “Plurilingüismo” invisibiliza a nosa realidade como país, reduce as horas de ensino na nosa lingua e non garante a aprendizaxe en galego a quen o desexa. A día de hoxe, os Equipos de Dinamización e Normalización Lingüística non sabemos con canto diñeiro contamos para este curso. Outro problema son os centros das zonas rurais con pouco alumnado, que son declarados “insostibles” e péchanse, acentuando o desequilibrio territorial entre costa e interior, zonas urbanas e rurais. Non debemos esquecer tampouco o menosprezo da Administración polo papel das ANPAS ao non achegar solucións ao regulamento e orzamento dos comedores escolares. Ademais, existen zonas educativas que non teñen suficientes prazas para garantir a escolarización de todo o alumnado en escolas públicas. Os ciclos formativos de nova creación non contan co equipamento preciso e os vellos teñen maquinaria obsoleta e locais que non cumpren a normativa de seguridade laboral. E para rematar, destacar que o número de profesorado en activo non fai máis que reducirse mentres que a ratio por aula non fai máis que medrar.

Ante este panorama a administración galega ridiculiza o traballo do profesorado e as nosas mobilizacións: destaca o noso descontento ante o aumento das horas lectivas e non fala da nosa negativa a cambiar as nosas funcións, a facer de gardiáns de patio, a dar materias fóra da nosa especialidade… Vemos que non podemos atender á diversidade polo aumento da ratio nas aulas, e un longo etcétera….

Que futuro aparece no horizonte? Por onde conviría traballar?

No STEG traballamos para facer do ensino un dereito universal, independentemente do lugar ou da familia na que unha persoa nace. Por outra banda esta concepción do ensino é unha estratexia de futuro: non podemos falar de cidadanía se non cremos na formación integral das persoas. Para iso é imprescindible a atención á diversidade, entendéndoa non como un problema senón como unha realidade coa que temos que vivir. Tamén pensamos que a escola ten que pór en valor e asumir un novo modelo, integrador, solidario e respectuoso coas persoas e co planeta. A escola foi e é para moitas de nós, o outro mundo posible que sempre soñamos e así queremos que siga a ser.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s