Marchou don Isaac, Galicia continúa


Marchou don Isaac, Galicia continúa.

Marchou don Isaac, Galicia continúa.

Con Isaac Díaz Pardo acaba de finar un personaxe enorme da recente historia de Galicia, un modelo civil e aberto de “galego practicante”, de creador teimudo e pródigo en iniciativas tan orixinais como imprescindibles. Na súa persoa deuse unha produtividade fóra do común, pois el era quen de pintar e debuxar cun nivel artístico excelente; era ensaísta e conferenciante incansable; era quen de facer crónica xornalística e animación cultural; e ademais, creou empresas, editoriais e museos.

Formou parte dunha xeración que tivo que volver construír Galicia, que acometeu, con tesón, paciencia, estratexia e moita militancia, outro rexurdimento. Foron eles e elas os que recolleron o testemuño da preguerra e, no seu caso, por vía ben directa, do seu propio pai. Díaz Pardo fixo ese camiño cunha xenialidade única, pero próximo e asociado a persoeiros da talla de Luís Seoane ou Lorenzo Varela.

Con todo ese quefacer de sabio renacentista posto ao servizo deste país, Díaz Pardo encarna o mellor dunha xeración que cría que Galicia era viable, a pesar das aparencias, da dura realidade histórica, dun empeño institucional en declararnos o noroeste do imperio español.

A súa figura, representa, así, un patrimonio nada desprezable para un país dubitativo e “cainita” (sempre matándonos entre nosoutros por motivos de pureza). Efectivamente, el non estaba entre os que en rigor militaron no nacionalismo político e, non obstante, era representante dese gran colectivo dos bos e xenerosos que mantiveron vivo o lume e abriron novos horizontes e novas razóns para estarmos orgullosos de sermos galegos, sen termos que disimular ou mudar. Parece doado, pero non o é tanto, como se pon de manifesto ao observar a actitude vital da nosa clase política e dos nosos poderes mediáticos, neste nova etapa de deturpación e desprezo dos mellores sinais da nosa identidade colectiva.

Por iso, en contra de calquera aparencia, a actualidade de Isaac Díaz Pardo é notoria, nun momento no que Galicia necesita de novo reconstruírse valéndose dun galeguismo rigoroso, emprendedor, creativo, aberto e normalizador.

Advertisements
Estas entrada foi publicada en Actualidade, Editorial coas etiquetas . Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s