2012: Non sabemos vivir sen esperanza


Non podemos vivir sen esperanzaHabería que chamar ao Mago Merlín, porque xa non queda premio Nobel nin economista de pro que sexa quen de aclarar este embolado, para saber como vai ser o futuro que nos agarda. Se non fose polas duras consecuencias que carrexa ata semella compracente asistir á confusión e contradición dos acreditados como sabios. Porque xa non é que a economía sexa unha ciencia inexacta, é que se está volvendo unha conxectura.

Cumpriría analizar por que chegamos aquí. Unha certa alucinación colectiva levounos a confundir o edificio do ladrillo co edificio social. Non resulta posible camiñar con tan poucas patas. Non é posible rendibilizar a feira do turismo e da construción a perpetuidade. Se a iso lle sumamos a confusión económica e conceptual de grandes proxectos igual a grandes progresos, temos como resultado un produto tan espectacular como inconsistente. Esta desorientación local converxe cunha proposta da economía mundial que non ten outra meta que o lucro inmediato e que está a provocar que os desequilibrios se volvan máis profundos e violentos. Porque cada vez resulta máis difícil navegar nun océano de cartos que na súa meirande parte se reproducen a si mesmos sen que teñan que ver directamente coa produción, co traballo, coa mellora de vida da xente.

Disque os políticos foron incapaces de encarreirar o problema e aparecen agora en escena os chamados “tecnócratas” (Grecia, Italia), respaldados pola súa dilatada e exitosa experiencia nas finanzas. Exitosa? Se teñen tempo póñanse a ler devagar o curriculum dos novos presidentes deses países. Comprobarán a súa estreita colaboración con cantos organismos financeiros (FMI, Banco Central Europeo, Axencias de cualificación, Banca Privada…) lanzaron a economía a unha carreira sen sentido que ten por única finalidade facerse grande a sí mesma e ás catro fortunas que a desgobernan.

No prazo inmediato vannos tocar vacas fracas. Por un lado contención de gasto que, entre outras cousas, conlevará restar cartos dos servizos destinados aos cidadáns (educación, sanidade, servizos sociais, pensións…); pola outra, reforma laboral que faga máis baratos os despedimentos e as contratacións e que teoricamente fará que comece a desinflarse a bolsa do paro. Este sacrificio sería aceptable (e xa é moito dicir) se a dura condición de subsistencia acadase a todo fillo de mortal. Porque non é doado aceptar que o rescate dos parados corra maioritariamente de conta dos que viven axustadamente do seu traballo. Sen excluír a estes, un non para de preguntarse pola descafeinada presión fiscal sobre as grandes fortunas, polo escaso combate que se exerce sobre a fraude fiscal ou mesmo polo difícil que resulta reducir os gastos militares. Súmase a todo isto a desconfianza sobre a mensaxe abertamente contraditoria entre discurso e comportamento. Moitos dos que arestora reclaman austeridade foron noutrora (un noutrora moi recente) exemplos de incontinencia. Algo así como unha exposición sobre a economía do aforro nas instalacións da cidade da cultura. Poderíamos mesmo estar de acordo co principio aquel de relacionar o salario coa produtividade. Iso si, garantindo que o principio fose de aplicación universal. Sentaríame entón a ver desfilar cara á oficina do paro a todos cantos proclamaban a bondade das hipotecas contaminadas e dos bancos que logo deron en quebra, por citar algún pequeno exemplo.

Aínda no mellor dos escenarios e se puidésemos quitar cabeza despois dunha longa e dura travesía, por veces semella que vivimos na película dun naufraxio. Patexamos, conseguimos aboiar, collemos aire, consumimos forzas, volvemos afundir, volvemos patexar…. Temos que comezar a imaxinar e crear e construír a maneira de que a humanidade sobreviva nun mundo tan desequilibrado. Os fenómenos migratorios que conleva (a necesidade de desprazarse de grandes grupos humanos para buscar vida mellor), o gasto insoportable de recursos, (aos que non facemos fronte, presos da angueira por subsistir a curto prazo; véxase o fracaso da recente conferencia de Durban), a desmedida voracidade do capital que corre a instalarse onde as ganas de comer abaratan a produción.

A esquerda ten que repensarse. Globalmente. Non pode seguir xogando cunhas regras que inevitablemente a obrigan a tomar as menciñas contra as que predica. A economía sen alma que nos rexe non admite unha xestión social equitativa. Este é o berro de tantos e tantas que se senten decepcionados e indignados. O complicado do asunto é articulalo. Temos un ano por diante -e algo máis, malo será- para intentalo. Porque os que estamos enganchados á esperanza non podemos vivir doutra maneira. Feliz Ano Novo!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s