VIXENCIA E ACTUALIDADE DO PROFETISMO (III)


Xoán R. Herranz

Nota da redacción: a 2ª luzada desta serie, publicada no nº 843 da revista, atribuíuselle erroneamente a Tereixa Ledo.

3ª Luzada: Os profetas, persoeiros silentes e orantes diante dun Deus que os autentificaba e enviaba, foron un fenómeno exclusivo de Israel ou ben houbo outros que tiveron oídos para oír, apertura e signos premonitorios, intuición e discernimento?

 Marzo de 1967: arqueólogos holandeses que traballaban no Tell Dair ‘Alla, deron cos anacos dunha parede cuberta de xeso na que había unha inscrición do século VIII, case contemporánea a Amós. Nela podíase ler: “Advertencias do libro de Bala’am, fillo de Be’or, o home que ve os deuses”. Leamos Núm 22-24 e veremos a ese Bala’am enredado na historia de Israel. Voltemos máis atrás, aos arquivos da cidade de Mari (anos 1775 a.C.): un gobernador remite cartas ao rei con mensaxes que lle notifican a vontade dun deus sobre a marcha da política, os erros do goberno, as previsións de futuro. Quen as envían non son sacerdotes senón homes e mulleres do pobo que tiveron unha visión ou recibiron un oráculo. En Mesopotamia, Asarhaddon (s. VII) recibe avisos da deusa Ishtar que formulan frases como “non temas”, “por longos días e eternos anos teño establecido firmemente o teu trono”, “eu son o teu escudo favorable”; compárense esas palabras con Is 7,4; 9,6; Xn 15,1.

Atráennos esas mensaxes precisamente por iso: por seren de persoas que afirman ter sentido o que a nós nos parece que non se pode sentir. A súa orixe é moitas veces escura, do ámbito de tradicións que para nós son algo periclitado (o “santo entusiasmo”, o “ir facendo o profeta”, o “adiviñar” ata onde andan unhas burricas perdidas); pero subxúgamos nelas a conciencia de ter resposta a unha procura vital, unha demanda de palabra e de presenza sustentadora. O profetismo de Israel prosegue, polo tanto, unha liña que nace na historia xeral das relixións do antigo oriente e que vai ascendendo deica un cumio. Os devanceiros eran certamente politeístas, por máis que falen sempre dun só Deus. Pero, é iso o esencial? Non o é máis ben a constatación común de estar recibindo mensaxes de Alguén que -mesmo nas ameazas e promesas- nos está a falar sempre e de moitas maneiras (Hb 1.1), tocante á vida cotiá, a política, ou a urxente convivencia fraterna.

Por esta inserción na historia, os profetas de Israel non fican desvalorizados senón revalorizados. Constatan sinxelamente que o Deus único que falaba a Israel, comezara a falar xa desde moi lonxe. Abondan as testemuñas: Xr 27,9 recoñece a existencia de profetas nos reinos veciños; Amós 9,7 recrimina a Israel por crerse único: “ Non fixen acaso subir a Israel do país de Exipto como aos Filisteos de Caftor e aos arameos de Quir?”; e o Tritoisaías alédase ao proclamar o gran banquete de todos os pobos, a aceptación dos estranxeiros, o triunfo dos pobres.

Que nos din os uns e os outros? E, que poderían ter en común cos profetas de hoxe? A ver: falamos de personaxes movidos por unha inspiración interior (ás veces a contragusto), de persoeiros públicos, aínda a costa do seu benestar; de seres moitas veces en perigo (acusados de vendepatrias, socavadores de institucións, carne de exilio, cárcere e foxa común). Son tamén pioneiros, carismáticos rompedores de barreiras, das culturais, das sociais e mesmo das relixiosas; son “indignados”. Pero, por riba de todo, son persoas que ven novidosamente unha realidade distinta da superficial, ven no profundo “o que está a facer o sustentador do ser da historia”. Arraigados no pasado, lectores do presente, voltos cara ao porvir, a súa función é discernir os signos e axudar aos demais a discernilos; e a profetizar tamén eles, se cadra.

Como cristiáns, toda mensaxe profética a vemos a través do filtro xesuánico. Veña por onde veña, ten para nós o estilo dunha peculiar “mística revertida”: só podemos recoñecer un profeta ao repartir o pan. O noso referente profético é un Emmanuel; un Deus con rostro, situado, débil; -os leprosos e as prostitutas poden profetizar no seu nome-. Provócanos a actuar con humildade e a tender despois a palabra, non como unha espada combativa e impositora senón coma unha man, que diga: estamos dispostos a colaborar convosco, profetas de fóra, non desde unha submisión ideolóxica plana, senón, desde a gozosa comuñón nos obxectivos. Temos coñecido e coñecemos profetas destes no noso entorno. Por sorte! Rexémonos, mal que ben, por un slogan ben profético, que imos escoitar da boca de Miqueas: “Ténseche declarado, home, o que o Señor quere de ti: tan só practicar a xustiza, amar a fidelidade, e camiñar humildemente co teu Deus” (6,9).

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s