Parados, axustes e dereito á atención sanitaria


Ramón Veras Castro. Médico de familia

A Xunta de Feijoo deixa sen asistencia sanitaria a miles de persoas en Galiza

Os máis vulnerables, persoas sen recursos e parados de longa duración, sen prestacións de desemprego, quedaron sen asistencia sanitaria e farmacéutica ordinaria porque a Consellaría de Sanidade decidiu desactivar as súas tarxetas sanitarias. Sen aviso previo. E obrigándoos a asinar un compromiso de pago polo uso da asistencia sanitaria mentres non realizasen todos os trámites para regularizaren a súa situación. Feijoo e Farjas negaron máis de tres veces estes feitos ata que as declaracións públicas múltiples dos afectados e a presión política obrigáronos a recoñecer a situación e corrixila.

Un dereito proclamado

A asistencia sanitaria é gratuíta e universal en España, na teoría, e tamén din así algunhas leis, pero a realidade vivida por moitas persoas e coñecida publicamente nestas últimas semanas desmente esta afirmación. O SERGAS desactivou, sen aviso previo, as tarxetas sanitarias dos parados sen prestación de desemprego e remitiu aos centros de saúde un protocolo de actuación indicando os trámites que deberían realizar tanto estas persoas en paro como as consideradas persoas sen recursos, para poder acceder á asistencia sanitaria. Mentres se realizasen os trámites, que podían durar meses, estas persoas terían dereito a asistencia sanitaria de urxencias previo compromiso de pago co Sergas.

Na normativa estatal, no artigo 1 na Lei Xeral de Sanidade do 1986, di que teñen o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria “todos os españois e estranxeiros que teñan establecida a súa residencia no territorio español”. A partir do 1 de xaneiro de 1999 o financiamento da asistencia sanitaria faise na súa totalidade por medio dos impostos, directos e indirectos, sen contribucións das cotas sociais pagadas, como era ata ese momento, por traballadores e empresarios. É desde esa data cando xa non pode haber dúbidas de que todos os cidadáns residentes neste Estado teñen dereito, en situación de igualdade efectiva, tal como di a Constitución, á asistencia sanitaria en todo o territorio. A pesar disto, a realidade é que segue sendo o INSS quen ten o rexistro estatal de persoas con dereito a asistencia sanitaria e hai un grupo de persoas excluídas: profesionais liberais que reciben asistencia de Mutuas (avogados e arquitectos), e parados sen prestación de desemprego que conten cunha renda superior ao Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples, situado en 2011 en 532 ao mes (por debaixo desta cantidade pódense acoller ao grupo de Persoas Sen Recursos).

Garantías de atención no territorio galego

En Galiza a referencia normativa é a Lei Galega de Saúde 8/2008, que universaliza o dereito a atención sanitaria sen discriminacións de ningún tipo:

No seu artigo 4 garante “o dereito á protección da saúde e á atención sanitaria con cargo a fondos públicos” a “todas as persoas que residan nos concellos desta comunidade autónoma. Aos transeúntes no territorio da comunidade garantiránselles na forma e nas condicións que estableza a lexislación vixente, o dereito comunitario e europeo e mais os convenios nacionais ou internacionais que resulten aplicables…”

Igualmente, garánteselles a protección da saúde e a atención sanitaria con cargo a fondos públicos ás persoas menores e ás mulleres xestantes en calquera caso, así como ás persoas en situación de urxencia e emerxencia.

A norma é clarísima, tan clara que a propia Xunta usa a Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2012 para introducir un cambio e esixir agora 183 días de empadroamento para poder recibir asistencia sanitaria. A pesar da vixencia da Lei, a Xunta desactivou, sen aviso previo, as tarxetas sanitarias e as persoas afectadas coñeceron a súa situación, de que non tiñan dereito a asistencia, cando foron retirar na farmacia o fármaco prescrito previamente ou cando pediron cita para o seu médico de cabeceira.

As reaccións e a rectificación

Ante as primeiras críticas de CIG, que deu a alarma, e o BNG, os primeiros en facer a crítica política, a Consellaría respondeu negando a situación e tachando a estas organizacións de mentireiras. Só cando unha das persoas afectadas contou o seu caso e se fixeron eco os medios de comunicacións estatais, tiveron que recuar. Nese momento tanto Feijoo como Farjas empezaron por botarlle a culpa ao INSS e, finalmente, ante a resposta do propio INSS, falaron de descoordinación. En ningún momento pediron desculpas e non se coñece ata o momento ningunha dimisión.

Que sucedía antes de que o Sergas inventase este protocolo?

Ás persoas sen cobertura sanitaria, no momento de solicitaren cita no centro de saúde, comunicábaselles o problema, eran informados dos trámites necesarios para normalizaren a situación e mantiñan a asistencia sanitaria ordinaria mentres normalizaban a situación.

Despois destes incumprimentos e despropósitos, e de todas as críticas recibidas pola Xunta, cal é a situación neste momento?. A Xunta rectifica e:

Para os cidadáns con tarxeta sanitaria galega que sufriron a “desactivación” da mesma, a Consellaría de Sanidade garántelles toda a asistencia sanitaria no ámbito galego, a través da asignación dun novo código denominado “Residencia en Galicia”. Estas persoas non teñen garantida a asistencia sanitaria no resto do Estado.
Cidadáns que solicitan a tarxeta por primeira vez terán asistencia sanitaria cando presenten toda a documentación, mentres tanto serán atendidos só de urxencias e non se lles financiarán os medicamentos. Fáiselles alta rápida no momento en que teñen a documentación e gozarán de todos os dereitos (non precisan esperar a recibir a nova tarxeta).
A partir do 1 de xaneiro de 2012, a Xunta cambia a Lei 8/2008, e esixe 183 días de empadroamento nun concello galego para acreditar a Residencia e ter dereito a asistencia sanitaria. Con este cambio poden quedar sen cobertura sanitaria durante 6 meses os estranxeiros que se empadroen aquí e tamén aqueles emigrantes galegos que retornan e os galegos que foron traballar a Canarias,…, e volven de novo. Moita xente. E volve ser unha decisión política da Xunta a que coloca a moitas persoas sen atención. Este cambio lexislativo pode entrar en contradición e vulnerar a Lei de Saúde Pública estatal, segundo indica o Consello Económico e Social.
Tamén a partir do 1 de xaneiro de 2012, pola Lei 33/2011 de saúde pública (estatal), segundo a disposición adicional sexta “esténdese o dereito ao acceso á asistencia sanitaria pública a todos os españois residentes en territorio nacional, aos que non se lles puidese ser recoñecido en aplicación doutras normas do ordenamento xurídico”. Esta norma debe resolver o problema de asistencia en todo o Estado e que ninguén quede sen cobertura sanitaria aínda que cambie de comunidade autónoma.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Actualidade, Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s