CARTA DE ADVENTO – NADAL 2011


Xabier Blanco.

Estimada Ruth:

Sei que che escribo en mal momento. Hai días amosábasme a túa canseira, desilusión, tristura e desesperanza. Motivos non che faltan: o prognóstico médico sobre a persoa que mais queres éche ben preocupante, a lentitude na causa do albergue de inclusión social ao que lle dedicas tantas enerxías entre outras cousas porque coñeces ás persoas que o precisan con tanta urxencia resulta insultante e desesperante, a sensación de que a nosa democracia sendo xeitosa aínda che ten moito de formal tamén te deixa indignada….

Supoño tamén que a todo iso únese a constatación das propias contradicións que nos habitan, a distancia entre o que dicimos e o que vivimos…Tes 21 anos e eu vou camiño dos 48, pero ben te entendo porque tamén eu bebín xa en moitas ocasións o licor amargo das desilusións e desesperanzas. Abóndame con me lembrar adolescente, por forma de ser ben consciente, naqueles apaixonantes anos 70: os fermosos soños da democracia real, da igrexa universal do Vaticano II, da igrexa galega do concilio galego…e moitas veces ter a sensación de que todo se foi… “ao carallo”. E xa non che digo nada de cómo van pesando tamén as propias incoherencias, os propios medos e contradicións… 

E, con todo, mentiríache se non che dixera que, cando vivo con intensidade este tempo litúrxico do Advento e do Nadal volve visitarme a “meniña esperanza”. Lendo cada mañá os fermosos textos de Isaías “Destruírá o Señor nesta montaña o veo que tapa a todos os Pobos, a cuberta que cobre a todas as nacións. O meu Señor destruirá a morte para sempre, enxugará as bágoas de todas as caras, afastará de todo o país a vergonza do seu Pobo. Ollade, este é o noso Deus, esperamos nel: el hanos salvar. Gozaremos e alegrarémonos coa súa salvación” reencóntrome con aquel mociño que fun e que “ulisqueaba” polos mitins políticos daquela época, que remataban coas “bandeiras ao vento” cantando cos versos de Celso Emilio: “Erguerémo-la espranza sobre ista terra escura coma quen ergue un facho unha noite sin lúa…Tripulantes insomnes, na libertá creemos. Viva, viva, dicimos aos que están no desterro e soñan cun abrente de bandeiras ao vento. Adictos da saudade que levades a luz polos vieiros. ¡Saúde a todos,compañeiros!”

E cada mañá regresa a esperanza máis fonda cando me vou centrando no fundamental que celebramos no Nadal: que a Bondade, a Tenrura, a Solidariedade deixaron de ser fermosas e utópicas verbas e que se fixeron carne, fixéronse humanas na Humanidade do noso Irmán maior, Xesús de Nazaré, aquel de quen o noso poeta escribiu aqueles versos que tantas veces me escoitaches pronunciar con fonda emoción: “unha vez houbo un home, que nunca dixo meu. Petou nas portas do Mundo, chamou no meu corazón. Falaba con palabras que semellaban pombas…” . E que rematan dicindo algo que para min segue a ser a convicción máis certa: “Un bálsamo de amor tiña aquil home, para ista miña dor sen nome”.

Si, Ruth, iso é o que eu sigo a celebrar gozosamente cada Nadal: a inmensa ledicia de saber que houbo alguén que coa súa maneira de vivir, de acoller, de denunciar, de amar, de andar pola vida segue a encher a miña existencia de sentido e de esperanza porque se hai xente así de humana daquela aínda paga a pena seguir crendo na Humanidade. Cando miro para o que El fixo e dixo só teño palabras de gratitude e copiando as verbas do noso amigo Manolo Regal doulle grazasmil a Xesús: “Polas palabras de ánimo coas que lle devolveches a esperanza a moita xente, a min tamén. Pola fe e a confianza firme en Deus Pai-Nai que sempre tiveches. Por te arrimares con tanta paixón e tanto amor á xente máis débil e marxinada. Polo considerado que fuches sempre coas mulleres nunha sociedade tan machista como a que che tocou vivir. Porque sempre te dedicaches a servir á xente, e nunca a señorear e a aproveitarte dela. Polo aguante que tiveches nas horas de sufrimento e de abandono. Porque nunca contestaches con mal e con violencia ao mal e á violencia que che facían. Por todas as persoas que hoxe loitan coma ti, para que o Mundo sexa máis xusto e feliz. Polo Deus que nos ensinaches, doído, misericordioso e loitador pola dignidade de toda a xente. Por seguires vivo entre nós, alentándonos cara á liberdade e á felicidade fonda e verdadeira”.

Si, para min o Nadal é  agradecer o nacemento de Xesús e sentirme convocado por El a pasar polo Mundo beneficiando á xente; coidando, nunca ferindo. Creo que só mirando para El outro Mundo irá sendo posible. Non sei, Ruth, se tes forzas nestes momentos para unirte a min nesta acción de grazas, pero do que estou seguro é de que Él se une a ti nos teus profundos desexos de Bondade e de Xustiza en Vigo, en Galicia e no Mundo enteiro.

Bo Nadal.

Xabier Blanco.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Actualidade, As festas do ano. Ligazón permanente.

One Response to CARTA DE ADVENTO – NADAL 2011

  1. Un crente galego di:

    O primeiro achegar todo o meu apoio a Ruth a quen chamarei en canto me sexa posible, xa que a través desta carta descubro que a situación que coñecia empeorou…

    O segundo agradecerche Xabi estas verbas e dicirche que comparto contigo esa maneira de ver a sociedade e a relixión e sobre todo o papel que a relixión debería ter na Galiza actual.

    Contigo Xabi aprendin a ver a vida doutro modo, a ver en definitiva unha alternativa na relixión coma forma de vivir…e ver que alguén cambiou algo…

    Máis adelante espero poder compartir unha conversa contigo xa que as últimas dende o meu punto de vista non foron agradables aínda que si algo fructiferas para a miña reflexión.

    Para terminar dicir que eu estou moi seguro de que Él, o noso irman maior estará con Ru (como a soiamos chamar moitas e moitos de nos para todo o que ela precise)

    Animo RU!!!

    Grazas polas túas verbas de apoio e de reflexión, Xabi

    Un saudo e BO NADAL!!!

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s