“Praza Pública”, para que Galicia respire


Praza pública

"Impulsamos Praza Pública porque a Galicia non lle cómpre o silencio”

 

Crise da prensa e deleiba dos medios na nosa lingua. En dous anos desapareceron da rede e dos quioscos a maioría das cabeceiras informativas en galego; desde A Nosa Terra a Galicia Hoxe, Vieiros e A Peneira. Agora comezan abrollar novas iniciativas: Sermos Galiza, a edición dixital de Tempos Novos ou Praza Pública, proxectos para afianzar un espazo de comunicación no idioma do país. Irimia conversou con tres dos promotores de Praza Pública: Filipe Diez, Marcos Pérez Pena e Manuel M. Barreiro.

Sodes capaces de definir Praza Pública en 140 carácteres?

Marcos Pérez (MP): Xornal dixital en galego.

Filipe Diez (FD): Dos lectores. Independente, plural, crítico.

Manuel M. Barreiro (MB): Para o cambio e o avance do autogoberno e dar voz á sociedade civil.

Proba conseguida… Desde cando estades traballando no lanzamento de Praza Pública?

MP: Desde hai case que un ano… Intensamente nos últimos seis meses, en colaboración co equipo de A Navalla Suíza, con que traballamos o deseño e o desenvolvemento do xestor de edición.

Para cando estará Praza na Rede?

MB: A finais de xaneiro. Agora estamos intensificando as presentacións públicas, facendo a captación de fondos para financiar Praza, pechando o equipo de xornalistas e a rede de colaboradores.

MP: Tamén estamos en contacto con medios locais e comarcais, con Tempos Novos e con Radiofusión, para sumar forzas e poder aumentar a audiencia e influencia dos medios en lingua galega, compartir información e xestionar de modo conxunto paquetes publicitarios.

Praza, un nome que remite ao movemento 15-M, non si?

MP: Si, polo que simbolizou como a ocupación do espazo público por parte dos cidadáns e cidadás, pero tamén porque a praza representa o lugar de encontro, o marco da conversa cívica, do dialogo e recoñecemento entre a xente do común.

FD: A Praza fronte ao Pazo, os cidadáns protagonistas fronte aos poderes xordos, ensimesmados.

MB: A praza ten unha axenda informativa propia; os gobernos e os mercados outra. Queremos ser un medio que lle dea poder a quen non o ten, que atenda as novas realidades que agroman en Galicia, na súa cultura, na solidariedade, nas iniciativas económicas innovadoras, na procura de novas linguaxes, dereitos e liberdades…

Un medio de información política?

FD: Inicialmente imos concentrarnos en sete grandes temas: política galega e estatal; información do que pasa no mundo; cultura; economía; deportes; ciencia, tecnoloxía e sociedade; e os movementos sociais, medio ambiente e economía solidaria.

MP: Queremos ter un tratamento dos temas en profundidade, reportaxes de calado. Queremos informar cunha ollada ao medio prazo, dar conta do que emerxe na sociedade galega, das tendencias que marcan, ou poden marcar, a evolución de Galicia no económico e social, no institucional, no cultural.

MB: E opinión libre, sen ataduras. E tamén blogues aniñados en Praza para a reflexión, o comentario e a información temática, mantidos por unha ampla rede de colaboradores expertos ou amadores.

FD: E unha canle, de autoedición informativa, unha Praza Aberta para que entidades sociais, colectivos informais e persoas poidan publicar contidos que consideran relevantes. E intensa interrelación coas redes sociais e unha aposta decidida pola participación dos lectores no comentario e complemento da información.

Un proxecto ambicioso…

MP: Ambicioso e posible. Queremos que a solidez de Praza repouse no seu proxecto xornalístico e no compromiso dos seus lectores e lectoras. A forza de Praza é a da súa comunidade de lectores. Os donos de Praza son os lectores. Cidadáns e xornalistas precisámonos mutuamente. Non hai boa información sen ese diálogo. Coidar desa conversa é fundamental para ser un medio de utilidade para o país. A Galicia non lle cómpre o silencio.

Ambicioso no xornalístico e tamén custoso.

MB: A información é cara. Págana as empresas a través da publicidade. Ou págana os lectores. A xente pregúntase porque non hai medios en galegos. En parte, a pregunta respóndese dicindo canto custan. Estimamos que o custe dunha redacción con cinco profesionais máis os gastos de infraestrutura e equipamento de Praza ascenderán anualmente a uns 175.000 euros.

Como o ides financiar?

FD: Coas achegas dos lectores. Nunha sorte de crowdfunding editorial, de financiamento por parte da comunidade de lectores. Hai que pasar do estado de necesidade, ao estado de compromiso. Con pequenas doazóns, microinsercións publicitarias, adiantando o equivalente dunha subscrición anual a un medio convencional… Os espertos chámanlle a economía da simpatía. Efectivamente, quen simpatice coa idea da importancia de ter un xornal en galego, con pouco que achegue pode contribuír ao nacemento de Praza e ao seu sostemento.

MP: Despois sumaranse os ingresos por publicidade, a esponsorización de seccións ou de reportaxes por parte de empresas. E as subvencións públicas. Non imos confiar a sustentabilidade de Praza nas axudas públicas, pero non deixaremos de pedilas. A experiencia e os fracasos dos medios galegos din que hai que construír comunidade antes. Se hai comunidade lectores poderemos estar no mercado dos medios, ofrecendo un produto de calidade.

MB: A nosa empresa primeira é construír esa comunidade de lectores.

FD: Por iso decidimos que Praza non tivese o seu soporte nunha sociedade mercantil senón nunha fundación sen ánimo de lucro da que formarán parte aquelas persoas que fagan achegas de capital ao proxecto.

MP: E non só achegas de capital… Tamén coñecementos ou elaborar informacións. Ou difundir Praza nas redes sociais e Internet. Toda forma de colaboración co proxecto de Praza “capitalízase” e outorga dereito a participar na Fundación de Praza Pública. E outros dereitos.

Como cales?

FD: Á parte do dereito a tomar decisións, os praceiros vanse beneficiar de produtos culturais que se crearán. Queremos editar mensualmente un libro sobre temas de actualidade que se achegará aos doadores, facer un resumo impreso do mellor do mes e publicar un anuario. Tamén estamos tecendo unha rede de establecemento comerciais colaboradores nos que os lectores e as persoas que apoien financeiramente a Praza poderán obter descontos.

Moitas grazas, e contade xa co apoio de Irimia

Para saber máis de Praza, podedes consultar http://prazapublica.com.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Actualidade, Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s