Hai algunha lección que aprender do 20N?


Con só 500.000 votos máis que hai catro anos, o PP aumentou 32 escanos no Congreso e poderá gobernar con maioría absoluta. É curioso que o último goberno de Zapatero contara mesmo con 400.000 votos máis có PP no 20-N, pero só con 169 escanos, polo que tivo que gobernar sen maioría absoluta esta última lexislatura.

As cifras dos resultados ao Congreso son equívocas. Pero a lei é así. Mentres que Esquerda Unida ten 1.680.000 votos, conta con tan só 11 escanos. CIU, con pouco máis de un millón, ten 16 escanos e Amaiur, con 333.000 votos, ten 7 escanos. E a UPD, que con máis de un millón de votos só ten 5 escanos e debería quedar sen grupo propio por non chegar ao 5% dos votos nas circunscricións nas que se presenta. Por máis que se empeñen as forzas estatais iso debe ser así, porque eses votos, menores en cantidade, concéntranse nos territorios nos que as opcións periféricas se presentan. E o voto é por circunscricións. Como custa asumir a diversidade territorial!

O PSOE perdeu máis de catro millóns de votos. A maioría dos seus votantes non cambiaron de partido, simplemente non foron votar. A esquerda castiga coa abstención os seus partidos. O BNG sábeo perfectamente; segue en caída libre e perde agora case 30.000 votos. Converxencia XXI apúntase ao carro dos partidos galeguistas que nacen con entusiasmo pero sen votos (1.436). Os números, en democracia, importan. Representan persoas que depositan as súas esperanzas nun partido político. Perder a confianza do teu electorado é o gran drama.

Son moitas as imaxes que se amorean despois destas eleccións. 333.000 vascos e navarros que non votaran nas pasadas eleccións apoian á esquerda abertzale, e ningún a costa do PNV que, malia ter máis votos, perde un escano. As vindeiras eleccións vascas serán estresantes para os partidos estatais.

O laboratorio de recortes de Cataluña patrocinado por CIU recibe os parabéns do seu electorado (e algo máis), cando se presumía un duro castigo polos axustes no seu sistema sanitario. Todo o contrario. O PP tomará boa nota. Perigo!

O gasto público é un anatema. Cada vez son máis os cidadáns que se indignan con el. Bendicen aos que escamotean os servizos públicos. A austeridade é a nova ideoloxía de consenso. Certamente que a esquerda coqueteou demasiadas veces co mesmo populismo que creara a dereita, pero o castigo é feroz. Diríase que a xente non quere políticos que gasten neles. A mensaxe liberal foi calando: o aforro é bo; o gasto malo. E non se diferencia entre o gasto innecesario e aquel que, en época de crise, debe estimular a economía e asegurar a igualdade. Así, a espiral da depresión vainos consumindo, todo sexa polas disciplina que impón o centro de Europa aos países periféricos. A socialdemocracia perdeu a batalla… de momento.

Galicia e o BNG seguirá tendo dous dos congresistas máis traballadores en Madrid: Jorquera e Olaia. O BNG di que tivo un magnífico resultado (de novo). Menos de 200.000 votos. A que aspira o nacionalismo neste país? Acaso hai que aplaudir cada vez que se perden votos porque se pensa que, ante a vaga imparable da dereita, a cousa podería ser peor? É o nacionalismo de esquerda incapaz de xerar ilusión e esperanza nos galegos? A reflexión é inaprazable. O BNG desencanta igual que o PSOE. Os seus votantes simplemente fican na casa; á espera de que?

Non se recorda un Congreso tan plural, malia a maioría absoluta do PP. Trece forzas políticas que trasladan ás cortes a variedade de opinións que ten a sociedade española. Centralistas, periféricos, comunistas, socialistas, liberais e conservadores, algún(ha) neo-fascista?

Xestionar a diversidade. Gobernar para todos os “pobos de España” -e non só para “tódolos españoles”: estará un PP medrado e nutrido de pensamento FAES en condicións de gobernar este Estado Composto, diverso e plural en sensibilidades, identidades e linguas? A celebración dos incondicionais do PP deixounos un sabor de inquietante ardor pola “gran nación española”, á costa, obviamente, das identidades nacionais periféricas. Un desacougante, “agora tócanos a nós”, xustamente no congreso dos deputados máis plural e cun fráxil proceso de pacificación en Euskadi en marcha. Foi unha explosión de neo-nacionalismo español, algo que, en formas e maneiras, lembraba irremediablemente aos entusiastas neocatecumenais na “jolgoriosa” JMJ, aos trunfos -escasos- do Real Madrid, ou á instrumentalización política das vitorias da selección española (imposible non recordar aquel: “Arriba España!”).

Tanta énfase na unidade e na españolidade única asustan. Asustan tanto como a omisión absoluta de calquera referencia á diversidade dos pobos de España. Non deberían esquecer os triunfadores que o que máis une é o respecto e o gozo da diferenza, que a uniformidade imposta trae rancor, e o rancor case sempre acaba en divorcio. E que, precisamente, unha das ideas máis atractivas de España é tanta variedade nun territorio tan pequeno. Que non a afoguen logo os papistas, nin os aguirristas, nin os madridistas, marcándolle o rumbo a un Rajoy dubidoso, sentado baixo a sombra dunha soberbia, descomunal gaivota popular.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s