Os exvotos de cera


Clodio González Pérez

https://i0.wp.com/upload.wikimedia.org/wikipedia/commons/2/27/Exvotos_o_corpino_jpereira.jpg
A finais de agosto pasei por diante da capela de San Roque de Ponteareas e chamoume a atención os exvotos de cera que ateigan o altar. Trátase dunha construción situada nun lugar de moito tránsito antano, cando esta ponte era o único paso que había sobre o río Tea, só protexida por unha reixa, para que os devotos vexan o santo e boten unhas moedas.

O mesmo se pode ver en calquera das moitas ermidas dedicadas, principalmente, a San Bieito, San Amaro e Santa Lucía, pois, malia que algúns párrocos aconsellen que en vez da cera se deixe o valor en esmola, as persoas maiores resístense a trocar o exvoto polos cartos. Non por custaren menos, senón polo valor simbólico e tanxible que posúen as figuras daquelas partes do corpo danadas que se implora a súa curación.

Exvotos

Gravado antigo de Santo Antón abade, con exvotos pendurados do teito.

Os exipcios, os mesopotámicos ou os iberos, entre outros, ofrecían exvotos ás súas deidades, pero, sen dúbida, os máis abundantes deben ser os de terracota do santuario etrusco de Calvi (Córcega), agora esparexidos por medio mundo, pois ata hai algúns no Museo de Pontevedra: corpos, cabezas, brazos, pernas, animais…

O cristianismo non rexeitou esta tradición, e xa no século VI Gregorio de Tours fala dos exvotos de madeira. Pódense entregar antes da curación ou despois como agradecemento. Tampouco faltan os desconfiados, coma o infante Don Manuel, irmán de Afonso X o Sabio, moi afeccionado á cetrería, que un día, segundo a cantiga de Santa María número 366, perdeu un falcón e prometeulle levar unha figura de cera á Virxe do Porto de Sevilla, se aparecía.

Os únicos antigos que se conservan son os de barro e metais, pero antes tamén os había de madeira, aínda que en Galicia os máis abundantes sempre deberon ser os de cera, moi valorada dende a antigüidade por ser case o único produto para alumar. O mesmo que agora, antes tampouco faltaban os de metais preciosos, prata e ouro, como se poden ver nalgúns santuarios, semellante a medallas.

A forma depende das circunstancias da época e das doenzas máis comúns. Antes predominaban os corpos enteiros, pernas, brazos e cabezas, pola contra, nos últimos anos vense moitos peitos de muller, que as devotas ofrecen á santa ou ao santo para acadar a cura do cancro que lle roe as entrañas ou as libre de tan terrible mal.

San_Roque_-_Ponteareas

Exvotos de cera (San Roque de Ponteareas) (2011).

Estes exvotos son baratos, pero non así cando son moi grandes, ata do tamaño da persoa ofrecida, como se pode ver algún no santuario do Corpiño. Máis custosos eran os cadros, as tabulae votivae dos romanos, que se conservan interesantes exemplares na Escravitude, A Pastoriza, Vilaselán, Os Milagres…). Logo están as maquetas de embarcacións que prometen os mariñeiros nos intres de perigo (Vilaselán, Teixido, Muxía, Tui…) e, por último, as fotografías.
Tendo en conta o ritmo vertixinoso con que se desenvolve agora a vida, os exvotos non han de tardar moito tempo en desaparecer. A partir do intre en que os artesáns cereiros deixen de fundir estas sinxelas e fráxiles figuras, aos poucos anos só quedará delas a lembranza de que existiron antano e as que se atopen recollidas en museos.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Para saber, andar ou ler. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s