Traballemos


O XAPON DESPOIS DE FUKUSHIMA (III)                                      Iago Brenlla1  
1Iago Rodríguez Brenlla, coruñés, leva preto de dez anos vivindo no Xapón. Durante 2006 e 2007 mantivo o blog “un galego no sol nacente”

O silencio rompérase e a sociedade puido enxergar, así, polo miúdo, que errara. A xente decatouse da perigosidade da enerxia nuclear e, sobre todo, dos efectos de non poder gozar do benestar que tiveran hai escasos dous meses. A xente preocupouse, case máis pola falta de enerxía que polo risco de contaminación.  

O invisíbel

O medo ao invisíbel non é tan terríbel como o medo que temos ás cousas que se ven e se senten aquí e agora, quizais sexa isto o peor da enerxía nuclear, que non nos alarma xa que non a sentimos como unha ameaza. O verdadeiro pánico nesta sociedade era a falta de enerxía, era a posibilidade de perder o noso estatus de benestar.

A clase política pediu un novo esforzo e a sociedade respostou coa forza da xente, como se podería esperar da sociedade máis educada e preparada do mundo. Compañías privadas e públicas deseñaron plans de aforro que en menos dun mes deron como resultado unha baixada de consumo de enerxía dun 17% na área de Toquio.  A sociedade xaponesa cambiou na medida en que as persoas, unha por unha, decidiron cambiar coa sinxeleza máis efectiva; quitar a garabata, usar as escaleiras en lugar do ascensor, apagar as escaleiras mecánicas dos grandes almacéns, baixar a temperatura do ar acondicionado en todos os edificios, provocar apagóns controlados a determinadas horas e en barrios diferentes, promover aínda máis o uso da bicicleta, facer que as fábricas de automoción, as máis importantes, cambiaran os horarios laborais pedindo a todos os seus empregados que traballasen sábados e domingos e instándolles a descansar  noutros días aleatorios, etc. Todos estes esforzos individuais crean o benestar do colectivo e fan que as mudanzas nos fagan sentir como se, en realidade, nada cambiara. E iso é o que se sinte, houbo cambios, mais o sistema e o consumo non caeron, permitíndolle á sociedade vivir nese estado de benestar do que ninguén se quere baixar.

Todos somos un

E velaquí  entra a positividade, o pragmatismo e o civismo da sociedade xaponesa, algo que por suposto xa había antes da traxedia mais que se callar acrecentouse coa emoción das imaxes do tsunami e coas mensaxes epatadoras lanzadas polos medios de comunicación para que o sistema non se derrubara e fora o sector privado o que cargara co maior peso da recuperación sentimental e tamén económica. Resulta curioso ollar como no pais máis consumista do mundo e con todos os servizos privatizados, o cooperativismo e a humanidade son actividades do día a día que levantarán o país de novo e permitirán a súa reconstrución total. A saúde da sociedade obsérvase cando alguén limpa o lixo que hai diante da súa casa sen esperar a que veña un empregado a que o faga, …a rúa é tamén a miña casa, eu vivo alí, teño que respectala. Síntese o traballo ben feito cando a xente espera con paciencia para recibir unha botella de auga sen protestar, pois os que están ao meu carón son iguais ca min (todos somos un).

Son estes detalles, agora moito máis frecuentes e moito máis importantes, os que crearon e crearán o cambio. O humanismo das persoas contra a deshumanización do sistema e, nesa loita, no noso reducido microcosmos, no noso traballo, na nosa casa, na rúa, é esa actitude -e non tanto a política-, o que transcende. As experiencias humanas transfórmanse nas expresións humanas, persoais e culturais, nunha obra de arte transcendental, nunha forma estática que expresa o transcendente, nunha hierofanía.

Aquelas ondas levaron consigo moitas vidas e soños mais trouxeron tamén novas ideas e ensinanzas e confirmaron que todo, todo!, se amaña co noso traballo e a nosa forza. Todo acaba como empeza.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Internacional. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s