Rompeu a burbulla


Iago Brenlla1

 1Iago Rodríguez Brenlla, coruñés, leva preto de dez anos vivindo no Xapón. Durante 2006 e 2007 mantivo o blog “un galego no sol nacente” (http://galegonosolnaciente.blogspot.com/).

 O XAPON DESPOIS DE FUKUSHIMA (II)

 Traxedias que semellan afastadas poden influír nas nosas vidas para sempre, mesmo en lugares tan arredados como Galiza e especialmente nesta época onde a velocidade das novas vai máis rápido que os acontecementos.

 Alarmas, novas, caos

E digo “novas” porque a súa subxectividade contradí o uso do termo “información” pois xa todos sabedes como se confunde o que é co que se di, causando o caos na poboación. Véxase o caso da matanza en Noruega, no que os medios falaban, nun primeiro momento, da autoría dun grupo ultraislámico; ou máis próximo aínda na distancia, o atentado do 11M en Madrid e finalmente no caso do tsunami, que semellaba que arrasara todo Xapón creando unha nube radioactiva inmensa, cando realmente dita traxedia so afectou o nordeste da illa.

 A situación despois da crise nuclear era bastante caótica. Todos os días os telexornais xogaban á desinformación, peneirando a realidade, viviamos felizmente enganados mais se cadra era esa a única vía posible. Ás veces criticamos os de arriba por non dicir a verdade pero nunha situación tan difícil como esta, negar o evidente foi quizais a única vía posíbel.

 Sería imposíbel imaxinar a evacuación total da metrópole de Toquio, cun PIB maior ca toda España e unha poboación de case 30 millóns de persoas. Así que se fixo daquela maneira, ocultando, negando, tentando tranquilizar a unha poboación tan culpábel do desastre como os políticos que os dirixen.

 O silencio

 Chegou o silencio, ese silencio endogámico do Xapón, que permite que todo siga adiante; esa paciencia, a da xente comendo a rabia e a dor que levan dentro para poder continuar a vida, esforzándose, sabedores de que a primeira pedra é a máis pesada e que o cambio comeza por un mesmo (canto temos que aprender na Europa sobre civismo e responsabilidade, sempre botando balóns para fóra e protestando sen cambiármonos nada a nós mesmos).

 “Abramos os ollos, esforcémonos, vexamos a realidade con obxectividade. A realidade son eu”. Esa é a impresión que teño do Xapón, antes e despois da catástrofe. E non podo deixarme levar outra vez ao “mea culpa” ao pensar na situación de España, tanta indignación mais ningunha mudanza no día a día, esperando a que os de arriba, o sistema, amañe con todo.

 O espertar

 Antes de que aquelas ondas afundiran e romperan a burbulla na que se vivía aquí en Xapón, todo semellaba ser perfecto, perfectamente controlábel. Chegou aquela onda que superou todas e cantas barreiras humanas existían, arrasando co egocentrismo e o antropocentrismo da sociedade “occidental”, derrubando os muros que separaban o home da natureza, causando destrución mais devolvendo algo de humanismo e ecoloxía á sociedade.

 Esa onda ensinounos que o sistema non era perfecto, que tiña erros, que non era todo como soñabamos (está a acontecer agora o mesmo en Europa?). Cando o tsunami fixo que a sociedade se decatase da perigosidade da enerxía nuclear, cando non se respectaron as normas máis básicas da sostibilidade, empezou a loita do pobo polo cambio.

 E rompeu por un intre o silencio. Comezouse a criticar o sistema, a prensa atacaba e puña en dúbida informacións; pequenos colectivos saíron á rúa intentando matar o silencio. Foi nese momento, case dous meses despois da traxedia, cando a sociedade xaponesa abriu os ollos e decatouse do seu erro. Non hai nada máis san para a humanidade que errar e rectificar, e non falo a nivel social, senón a nivel persoal. Cantas diferenzas coa vella Europa: a xente a berrar sen escoitarnos a nós mesmos, “miras o que bebo e non a sede que teño”.


 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Internacional. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s