CONFESIÓN PÚBLICA


Eduardo, o Confesor

O 20 de novembro imos decidir quen serán os políticos que nos impoñan a penitencia polos pecados económicos que cometemos. Pero esa penitencia de pouco vale se non cumprimos (todos) cos catro anteriores requisitos da confesión, a saber:

  • Exame de conciencia: temos claras as causas da recesión económica? Sabemos onde hai que actuar? Sabemos que moitos queren aproveitar esta oportunidade para aplicar medidas que axuden a aumentar o seu poder fronte aos seus opoñentes: patronal – sindicatos, banca – estado, etc.) Sabemos que hai medidas máis doadas de aplicar que outras: é máis doado recortar a representatividade política nas cámaras reducindo o número de escanos que racionalizar o entramado administrativo no que se duplican competencias, gastos e esforzos (acaso as deputacións provinciais teñen licenza para actuar en todas as áreas públicas que lles pareza?) Na cabeza de cada cidadán hai unha idea máis ou menos clara de cales son os culpables da crise. É imposible saír dela se non analizamos por onde perde auga a nosa economía.
  • Dor dos pecados: non estamos preparados para esta fase. Desde o funcionario que se salta o seu horario de traballo ata o banqueiro que se adxudica unha indemnización millonaria malia o seu nefasto traballo, vivimos nun país que naceu cunha tendencia natural a xustificar as maiores aberracións (as propias). Sempre son dereitos que nos merecemos, e sempre hai quen as fai máis gordas. Aparte da cantidade de macarras financeiros que levaron a pique ao noso sistema bancario, hai moito tempo que levamos vivindo por riba das nosas posibilidades. En moitos sectores, o noso traballo é máis presencial ca real. Debemos revisar a produtividade de cada un. Canto lle aporto á sociedade e canto me dá ela a min? Teño ben gañado o meu soldo? Evidentemente, as perruqueiras que traballan dez horas diarias e gañan 600 euros/mes non son as culpables da crise. Porén, as propietarias das perruquerías que se pasan o día paseando e gañan o triplo si teñen algo de que reflexionar. En cada sector hai un elevado número de parasitos que viven do traballo dos demais, e dentro dos empregados públicos tamén. Poñer a traballar os parasitos que cobran non sería un mal comezo para saír da recesión.
  • Propósito de emenda: queremos cambiar? Queremos unha sociedade máis xusta? Unha sociedade na que todo o mundo teña unha oportunidade e na que a todo o mundo se lle esixa un esforzo? Somos especialistas en criar listillos, seres con grandes habilidades para moverse ben en augas revoltas que conseguen grandes beneficios co mínimo esforzo. Observámolos nos partidos políticos. Cal é o problema que teñen estas organizacións para librarse desta tropa submisa e algo incapaz, que está aferrada aos resortes de poder de cada partido? Somos conscientes de que temos algo que emendar nos nosos centros de traballo, nos nosos sindicatos, nos nosos partidos e nos nosos consellos de administración? Ou preferimos pensar que o estamos facendo moi ben, pero que hai uns paisanos que nos levaron á ruína eles soíños sen axuda ningunha?
  • Confesar todos os pecados ao confesor: sabémolos? Si. Recoñecémolos? Non sei. O esforzo de recoñecer os erros de cadaquén é baldío se fica no reproche. Outra das características deste país é que somos uns linchadores con moi mala uva. Gozamos da caída do poderoso, e esquecemos que ata hai pouco o adulabamos. Películas como Furia de F. Lang ou A xauría humana de A. Penn son dous exemplos de sociedade insá que expurga a súa frustración con outros seres humanos aos que dirixe a súa rabia. Tendo claro que todos estamos feitos do mesmo endeble material humano, a saña coa que se manifesta moita xente que vai de redentora é, cando menos, preocupante. O noso sistema penal xulga e condena sen necesidade de amplificar a penitencia en praza pública, aínda que moitas cafeterías (e medios de comunicación) vivan diso. A xustiza debe existir, as normas debemos cumprilas todos, coa sentenza acaba o conto.
  • Cumprir a penitencia: e por fin chegamos ás eleccións do 20 de novembro. Quen poñerá o tratamento? Quen será o ciruxán encargado de disecionar a parte do corpo enferma e sandar o organismo en depresión no que vivimos? A quen lle ides entregar ese poder? Quen credes que reparará mellor, … ou menos mal, para todos? E sobre todo, estades dispostos a marchar en paz e non pecar máis?
Advertisements
Esta entrada foi publicada en Política. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s