VIXENCIA E ACTUALIDADE DO PROFETISMO (I)


Xoan C. Rodríguez Herranz 

1ª Luzada

[Nota previa: – Escribe algo sobre profetismo -dixéronme-. Resposta automática: -Non se me dan as sínteses; tema incomensurable; xa foi todo dito hai ben tempo. Contrarréplica: -Seguen vixentes o profetismo e as súas relecturas porque seguen a actuar as manipulacións de Deus e estase a negar a cotío a xustiza interhumana nun mundo rexido pola idolatría da fraccionalidade individualista e ególatra. Compre unha e outra vez reeditar a chamada, fornecer coñecemento interno e practicar. -Ben, vale; pero conste que non van ser máis que tres luzadas necesariamente esquemáticas. -Pois vale]. 

Os profetas irromperon insospeitadamente nos seus mundos debelando idolatrías imperiais e ídolos caseiros, ídolos grandes e idoliños. Sicre esquematizaba nun dos seus lúcidos artigos a secuencia da imposición dos “rivais de Deus” no A.T. baixo a forma da detección dun proceso xenerativo, os profetas atacaron frontalmente: en primeiro lugar a autodivinización das grandes potencias que implicaba a) difusión de prácticas idolátricas por conveniencia política, b) a divinización do rei ou emperador, c) o culto á propia sabedoría política, d) o culto ao poderío militar, e) o culto aos feitos gloriosos dos poderes imperiais… Como segunda fonte de idolatría condenaron a divinización da riqueza: a) o luxo desmedido, base do desprezo do outro, b) o ninguneo do próximo pobre, c) o maquiavelismo comercial, d) a depredación dos pobos sometidos. O que implicaba, terceiro, outras actitudes e opcións fundamentais: a) a inxustiza directa e premeditada en orde a acadar obxectivos, b) o egoísmo cerrado á solidaridade e ao compartir, c) o agobio da cobiza sobre o seu entorno directo.

      ¿Traducimos? – Divinización do estado, divinización do mercado, divinización do pracer propio, divinización do individualismo. Resultado: vitimación: orfos, viúvas, pobres (de recursos e “de solemnidade”); xustiza torcida, dereito falseado. Sempre foi así. Ao se diluír a conciencia do Misterio abranguente, creador de fraternidade, tornan a erguer a testa os ídolos de sempre, os que nunca marcharan de todo, os “deuses á carta”: o deus mercado, o deus nación, o deus diñeiro, o deus orde, o deus benestar económico, o deus consumo, o deus seguridade, o deus eterna xuventude, o deus estética corporal; todos eles cos seus novos paraísos e calendarios litúrxicos, e necesariamente con sacrificios sanguentos e “danos colaterais”, dados por obvios.

      Os profetas dinnos: os imperios precisan de ídolos, os ídolos fabrican imperios. T. Adorno confirmaba: Auschwitz non foi “un accidente” no noso sistema senón unha consecuencia del. E Norbert Lohfink, que tanto tratou cos profetas, comentaba irónico: “o noso progreso non consisitiu en que os homes deixaramos de comernos uns aos outros, senón en que nos comeramos con coitelo, garfo e pano de mesa”.

      Hoxe sería urxente exorcizar todos os Eichmanns da nosa cultura económica, e máis os da “cultura do esquecemento”, o nihilismo cómodo e de salón que arrombou con Deus, logo co ser humano, a continuación coa pregunta de sentido. Exorcizar o “desmonte dos santos” que se dá entre a intelligentsia elitista e postmoderna: o non soportar as causas nobres, as condutas exemplares, que estorban e polo mesmo se descafeínan cun sorriso autosuficiente; o refugamento das responsabilidades sociais en moita xente nova, a banalidade do mal perpetrado arbitrariamente (Ana Arendt dixit) a supeditación á razón instrumental (Horkheimer); o non recoñecemento dos excluídos e desposuídos como froito do sistema, para denigralos como culpables fracasados.

      Se cadra, e dada a catequese mediática na que viven inmersos, non depende de moitos dos nosos contemporáneos crer en Deus, pero si certamente o non facer obxecto do seu amor aos falsos deuses, e niso podemos axudar. O profético pode ser coñecer e potenciar todas as células non nihilistas da nosa cultura tendo en conta, por outra banda, que a clave da loita profética e humana non reside en canto éxito imos ter nesa angueira senón en facer o que temos que facer. Se cadra iso é hoxe o profetismo.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Uncategorized. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s