Un mito barato: “a dereita si sabe gobernar”


Falamos do sentido peor da palabra mito. Non do gran relato simbólico que serve para explicar historias e identidades, para dar sentido á vida e ao misterio. Senón do mito como feito que se presenta deformado ou esaxerado polo pensamento máxico que as masas necesitan, algo ao que se lle atribúen calidades das que carece. 

Cando esta revista chegue ás vosas mans estaremos nos últimos días da campaña electoral. De seguro que moitas e moitos de vós xa teredes decidido o voso voto, mais as enquisas falaban que máis dun terzo da poboación non sabía a orientación do seu sufraxio ao inicio da campaña. Cousas da crise.

En plena “era da información”, cada vez parece máis difícil estarmos ben informados. No chan da desinformación tecnolóxica, medran os mitos. E non estamos a falar de heroes lendarios que nos vaian sacar da crise, senón desas ideas que se aceptan coma seguras,  porque “en algo hai que crer”.

Un mito electoral: a dereita sabe xestionar mellor a economía. Pero a realidade é teimuda. Curiosamente, en moitos lugares onde os conservadores levan anos e anos controlando o poder case sen oposición de esquerda, temos claros exemplos do todo o contrario: a Deputación de Ourense  (o mellor exemplo de xestión caciquil e dispendio clientelar do diñeiro público), a Comunidade Autónoma de Valencia (coa CAM –Caixa de Aforros do Mediterráneo- por expoñente), o Concello de Madrid (o máis endebedado de España), ou a súa Comunidade, cos servizos máis privatizados. E no contexto internacional temos aos italianos, con Berlusconi improvisando guateques cunha débeda pública disparada e aos gregos metidos onde están, despois de que o goberno conservador de Karamanlis falsificase a contabilidade pública.

O concepto austeridade é unha evolución “feijoana” deste mito inicial, que, a forza de ser repetida, tende a crerse coma real. Austeridade en todo?  ou recorte nos servizos públicos que axudan a igualar e cohesionar a sociedade e, en consecuencia, unha deriva perigosa cara a unha sociedade cada vez máis clasista e segregante?

Hai quen defende que a baixada dos impostos serve para estimular a economía. Este mito é a premisa básica do programa económico de todo bo neoliberal . É a bandeira do proxecto de goberno do PP. Tivo tanta aceptación que mesmo o presidente Zapatero afirmou, en tempos de gloria económica, que “baixar os impostos tamén era de esquerdas”. Roosevelt, que iniciou a saída á crise do 29, fixo todo o contrario. O modelo nórdico, cunha carga impositiva superior ao 50%, testemuña tamén o contrario. Thatcher e Reagan, paradigmas da redución fiscal e da privatización dos servizos públicos a principios dos 80, son a boa proba desta falacia.

Houbo un tempo no que as explicacións míticas trataron de dar saída ás preguntas sen resposta. Mais disto non falan estes mitos, que ocultan moi ben as mentiras do noso sistema económico. Como ben sinala a sabedoría popular: “mexan por nós e din que chove”. Un bo lema, quizais, para o 20-N. En calquera caso, decidamos o que decidamos, saia o que saia, teñamos presente que nunca chove tanto que non escampe.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Editorial. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s