Conversa con Lupe Ces


Tareixa Ledo Regal 

Os pasados 23, 24 e 25 de setembro, a cidade de Ferrol vivía o seu primeiro Foro Social. Falamos cunha integrante da Comisión  organizadora, Lupe Ces, para entender como foi o proceso dun espazo que se revelou de moito éxito, segundo aseguran as persoas participantes e, como tamén informaron algúns medios de comunicación na súa edición local. 

En Galiza celebrouse un primeiro Foro Social Galego no ano 2008. É agora, tres anos máis tarde, cando se celebra un Foro de ámbito local…

O proceso do Foro Social Galego e o do Foro Social de Ferrolterra teñen moito que ver. Un grupo de organizacións que viñamos participando no Consello do FSG, levabamos intentando desde xuño de 2010, que o II Foro Social Galego se celebrase en Ferrol. Esta idea queda definitivamente desbotada polo Consello no mes de xuño do 2011. Decidiuse entón, nunha reunión celebrada ese mesmo mes, onde se realizou unha convocatoria ampla a todo o movemento social da comarca, reformular esta proposta para convertela no primeiro Foro Social de Ferrolterra. Mantendo as mesmas datas que se tiñan formulado ao Consello. Contabamos só con dous meses e medio, tempo de verán… Pero tiñamos o máis necesario, a necesidade de realizar este Foro.

Que impulsou logo a estas organizacións a seguir adiante?

Unha Comisión comezara a traballar na organización da loxística do Foro, cando se agardaba que este fose de ámbito galego. A dinámica do traballo en conxunto, ao redor deste obxectivo, creou sinerxias que converteron en necesidade, a creación dese espazo de encontro que son os Foros Sociais. A Marcha Mundial das Mulleres, Asociación Fuco Buxán, Colectivo Ártabra 21, STEG, Foro Galego de Migración, Radio Filispim, AAVV de Esteiro, Comité Cidadá de Emerxencia e Mesas de Converxencia e Acción, xunto a persoas a nivel individual, conformaron finalmente a Comisión Organizadora.

Os eixes temáticos elixidos, e os relatores e relatoras que participaron, souberon dar resposta ás expectativas que precedían á celebración do Foro?

O modelo organizativo con que nos dotamos, converteu os debates, non como unha prolongación ou segundas partes das exposicións, senón como un espazo organizado para que tivera lugar un discurso que non podía suceder noutro lugar. Os vídeos das intervencións, que xa se encontran aloxados no blogue forosocialdeferrolterra.blogspot.com, dan testemuña do que alí aconteceu. Pero, logo das exposicións, celebrábanse as asembleas, que cumpriron o obxectivo de ser un espazo de encontro, de aprendizaxe para o recoñecemento e a escoita. Aí a influencia do 15M foi decisiva. Non podiamos deixar de reformular o espazo de participación política que son os foros, sen ter en conta todo o que tiñamos aprendido desde a irrupción do movemento das prazas. De aí a relevancia das asembleas. Aínda que non fosen asembleas de decisión, si o foron de debate e confluencias.

Ten pasado que moitas iniciativas, organizadas con esforzo e ilusión, non tiveron a afluencia e apoio deste Foro de Ferrolterra. Onde están as coordenadas para que un evento político ou social teña éxito?

A clave deuna Jordi Calvo, que interveu o primeiro día. Ten moita experiencia, entre outras, como organizador do Foro Social de Catalunya. Admirado diante dun salón de actos cheo de xente a primeira hora da mañá, dixo simplemente “se realmente queremos cambiar este sistema no que vivimos non hai que desalentar, temos que organizar moitas cousas, que algunha sairá ben”. A experiencia tamén nos indica que calquera iniciativa transformadora, política ou social, que se fai con dinámicas unitarias, consegue máis facilmente os seus obxectivos. Hai que dicir, no entanto, que sendo un éxito, o Foro Social de Ferrolterra non conseguiu sumar todo o corpo organizativo e social que na comarca se mobiliza por un cambio social. Algúns sectores do nacionalismo ou do anarquismo non participaron, cando si o tiñan feito no Foro Social Galego. Unha parte do movemento sindical e do ecoloxismo, tampouco se sentiu atraído. Esta foi unha das autocríticas que a Comisión organizadora realizou na reunión de avaliación de principios deste mes de outubro. O que si conseguiu o FSFT, foi a participación dun sector de xente nova que se mobiliza ao redor do 15M.

Para rematar esta entrevista gustaríanos que sintetizases para que ten servido este Foro Social de Ferrolterra.

Hai obxectivos que se foron enunciando ao longo da conversa; outros pasarán máis desapercibidos, como conseguir organizalo con moi poucos recursos económicos e en pouco tempo. O Foro posibilitou un lugar de encontro para o movemento social e político de Ferrolterra. Tomamos consciencia do moito que temos que aprender unhas e uns, dos outros e das outras. Temos construído discursos coherentes, acertados e útiles, desde o feminismo, o sindicalismo, o ecoloxismo… e mesmo temos distintos proxectos políticos de referencia, que neste momento perseguen un obxectivo común: defendernos dun capitalismo voraz que nos arrebata dereitos, e conseguir unha sociedade mais xusta e democrática. Cómpre entón, tecer con todos eses fíos, a tea da resistencia e a transformación.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s