O peixe que cansou de vivir na auga


O XAPON DESPOIS DE FUKUSHIMA (I)

Iago Brenlla

Benqueridos amigos da terra. Como todos sabedes hai xa 8 meses un tsunami (o terremoto aínda sendo o segundo máis potente da historia non causou grandes estragos) arrasou o nordeste da costa xaponesa causando tamén unha das maiores desgrazas nucleares, senón a maior acontecida até o momento. Para entendermos a situación de agora temos sempre que mirar cara atrás e recoñecer onde comezou todo.

Eramos santos e diaños, eramos invencibles

Foi co cambio que viviu Xapón despois da guerra desde onde podemos entender como unha illa sen apenas recursos puido retorcerse en si mesma e erguer unha nación que se converteu na segunda potencia mundial en apenas 30 anos. Un novo sistema foi implantado, o modelo xaponés foi pouco a pouco suplantado polo americano e o consumo converteuse no único xeito para chegar ao éxito. Todos querían máis, todos queremos máis e se miramos retrospectivamente podemos entender e mesmo escusar o porqué do uso masivo de enerxía nuclear nun país cunha actividade sísmica tan activa e cunha poboación tan alta nunhas illas tan pequenas.

 Non había outro xeito para acadar o status do “american way of life”. Foi así que as normas mais básicas sobre a seguridade nuclear foron pasadas por alto. Só darvos un exemplo próximo a min: en Quioto temos ben perto dúas centrais nucleares. Ambas están a escasos vinte quilómetros do lago que dá auga potábel a unha poboación de quince millóns de habitantes. Hogano sería imposíbel, mais temos que entender por que se fixo daquela maneira, nunha época na que quizais as alternativas non existían (hai trinta ou corenta anos ninguén falaba de enerxías renovables ou ecolóxicas), a carreira nuclear converteuse na única vía para un país sen recursos propios. A nuclear representaba o 30 % da enerxía total do país.

 Xerarquía, disciplina, silencio

 O país vivía nunha ilusión defendida polo silencio da perfecta orde xerárquica que aínda existe e que todos “sufrimos”. O sistema de “mestre-discípulo”, o respecto polos veteranos lastra, quizais, a capacidade de cambio do país, mais tamén conserva as normas e diferenzas culturais que nos separan de occidente.

 Mudar a xerarquía das corporacións empresariais e do goberno xaponés é case unha tarefa imposíbel. Esta xerarquía unida ao silencio da sociedade calada polo benestar é o que propicia situacións tan caóticas como as que se viviron nos primeiros meses despois da catástrofe nuclear. Agora sabemos que desde o principio se sabía da gravidade da situación. Mais aquel respecto, aquela xerarquía, impediu a actuación do goberno e deixou todas as actuacións en mans dunha compañía privada de electricidade, TEPCO.

 Os dirixentes de compañías como TEPCO son os antigos ministros e burócratas do goberno, que antes de xubilarse e despois de deixar en mans dos seus discípulos os postos oficiais, pasan a empresas privadas para poder gozar dun retiro dourado e con beneficios económicos desorbitantes. Aqueles discípulos que quedan no goberno vense coas mans atadas pois aínda que teñan ideas absolutamente distantes dos seus mestres, o respecto e a xerarquía que aínda rexe en Xapón impídenlles negar ou contradicir a aqueles que foran os seus xefes. E así todo continua sen mudanzas e dentro do silencio.

 O espertar

 Foi só coa presión internacional, coa imposibilidade de negar algo que todos podían ver, e coa valentía do Primeiro Ministro (xa dimitido tras intentar o cambio e gañar con el a falta de apoios por parte do seu partido e de todo o sistema burocrático que controla Xapón) que todo saíu á luz.

Mais pese ao engano e pese ao desleixo dos gobernos anteriores e das compañías eléctricas, no Xapón ninguén critica nin bota a culpa aos outros; é a poboación, cada individuo, o que se sente responsábel disto, decatándomonos do erro, aínda que non haxa intención dunha real solución, “lareira como sexa, mais ao fin tela”.

Estabamos tan confiados, tan seguros na nosa burbulla que ninguén esperaba que unha onda puidese afundir todo un soño tecnolóxico, de benestar, e devolveunos, quizais, a un sistema un pouco máis xaponés, máis do pasado. Aquel sistema nipón no que o ser e a natureza formaban unha identidade fundamental entre os dous. O monxe coidaba do xardín mais non interfería na natureza porque el mesmo era natureza. A falta de comunicación foi o que complicou a vida, a modernización foi a que desfixo esta relación cando o O PEIXE CANSOU DE VIVIR NA AUGA.

 

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Internacional. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s