Entrevista a Suso Rodríguez, director da Revista Galega de Educación


Lupe Cendal

Suso Rodríguez

Suso Rodríguez

A Revista galega de educación cumpre 25 anos. Saíu á luz en 1986 promovida polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega e, polo tanto, comparte con este as mesmas posicións: pluralidade e aposta por un sistema educativo público, galego, renovado e democrático. Xesús Rodríguez, profesor de Ciencias da Educación da USC é o seu director.

1. A RGE comezou a editarse en 1986 e chegou ata o 2011, mais foron 25 anos con algunha interrupción, non é?

A RGE comezou a editarse no ano 1986, aínda que cómpre situar os seus antecedentes na revista As Roladas-2. A finais do ano 1999 decide paralizarse momentaneamente a edición, xa que complicacións editoriais e económicas dificultaban manter o proxecto. Asumindo todos os riscos, a propia Nova Escola Galega no ano 2005 decidiu, despois de recompoñerse o equipo de redacción e o consello editorial, reiniciar a súa publicación co número 34. Nesta nova etapa levamos editados 17 números e acabamos de publicar o número 50 da revista.

2. Nos primeiros anos tiña periodicidade trimestral e desde 2005 cuadrimestral. A que se debeu o cambio?.

É realmente complicado editar 4 números ao ano, tanto polo custo económico como polo traballo que supón. A revista sostense fundamentalmente co apoio dos subscritores, a publicidade e a compra de exemplares. En Nova Escola Galega e na revista, valoramos que 3 números ao ano poderían considerarse suficientes. A revista presenta na actualidade un incremento notable no número de páxinas, a incorporación de novas seccións e unha atención coidada da sección “Panoraula” na que se informa detidamente dos diferentes eventos e actividades, de tal xeito que o profesorado poida manterse informado con puntualidade. En todo caso, complementamos a información da revista coa información da páxina web de Nova Escola Galega, onde podemos encontrar información de eventos e actividades que acontecen. Logo de NEG

3. Nos principios da revista dise que apostades por unha reforma democrática da educación, ao servizo dunha sociedade solidaria, libre e cultural e lingüisticamente normalizada. Nestes 25 anos vistes avances nas vosas apostas? Como cualificarías a situación na actualidade?

Cómpre recoñecer avances logrados en diferentes ámbitos, tales como o acceso ao sistema de ensino, a extensión da educación secundaria obrigatoria, a extensión na educación infantil (tamén no período 0-3 anos), a crecente dotación de recursos ao servizo da educación, entre outros, pero tamén convén poñer de relevo o escaso avance ou retroceso en moitas cuestións, tales como a falta de compromiso sólido coa formación inicial e permanente do profesorado, a falta dun “pacto educativo”, o peche de escolas unitarias, a aposta pola escola privada… A batalla pola normalización debería estar agora en proceso de resolución e non en conflito aberto e case permanente.

Lamentablemente na revista temos que dedicar máis espazo e tempo do desexado a analizar e dar conta dos atrancos e dificultades que aparecen nos procesos de galeguización na escola, a clarificar que o galego e o castelán non se atopan nas mesmas circunstancias e a informar de que a maioría das medidas adoptadas polas administracións caracterízanse por unha febleza e falta de aposta clara pola defensa do galego.

Mentres, seguimos construíndo no día a día da educación como formadores e técnicos responsables, pero non o facemos nas mellores condicións.

4. En todo o período vital da revista houbo moitos cambios na lexislación educativa neste país . Unha publicación pedagóxica coma RGE que valoración fai deste feito?

Nos últimos tempos, viron a luz sucesivas leis, das que Nova Escola Galega e a Revista Galega de Educación estivemos pendentes, procurando organizar debates, encontros e elaborando documentos de interpretación e valoración.

Parece poñerse de relevo a necesidade dunha maior estabilidade normativa e a xeración dunha certa falta de confianza no sistema. No contexto galego, o desenvolvemento das leis , tivo un evidente carácter burocrático e non se albisca a apertura dun conveniente proceso para a elaboración dunha Lei de Educación propia contextualizada no marco social e cultural do noso País.

5. Estamos nun momento no que moitas persoas vemos perigar o ensino público. Como valorades desde NEG e desde a RGE a situación?.

O ensino público debería constituírse na columna vertebral, o eixe estratéxico, como o é en moitos países. Cando un conversa co profesorado, pais e nais e responsables políticos de países como Finlandia, Noruega ou Suecia, séntese que todos e todas comparten unha preocupación e aposta polo público, e o “público” enténdese como sinónimo de calidade. O grao de confianza, valoración e respecto da figura do profesorado que traballa no sistema público é moi alto e a maioría das decisións que se toman con eles en relación co horario, modelos de formación, son xeralmente moi discutidas e consensuadas cos diferentes implicados.

É curioso que nuns momentos de recensión económica como os que vivimos, algunhas das primeiras medidas se dirixan a incrementar as horas dos docentes nos centros e a reducir o soldo do profesorado do ensino público-. Como se pode transmitir a idea de que con menos profesorado vai ser posible mellorar a calidade nos nosos centros educativos? Que vai pasar por exemplo, coas actividades culturais, os desdobres de grupos nos centros, a integración e inclusión de alumnado con necesidades educativas especiais, o numero de alumnos por aula… e outros avances que se teñen gañado nos últimos tempos na escola?

Paradoxalmente o ensino privado non parece afectado e os debates e opinións parecen estar dirixidos cada vez máis a esfolar o sistema público.

6. A RGE está dirixida ao profesorado e, en xeral, aos educadores/as e técnicos/as da educación en Galicia. Notades mudanzas nos intereses dos lectores nestes 25 anos?

Hai intereses e preocupacións que se manteñen. Os lectores valoran especialmente que incluamos reflexións e análises en relación cos asuntos e preocupacións que día a día van xurdindo nos centros educativos. Neste sentido, prestamos especial atención á recolla de experiencias e proxectos realizados polo profesorado. A presenza cada vez máis de educadoras en diferentes escenarios educativos contribúe a que xurdan novos intereses e inquedanzas ás que coidamos atender. É o caso da sección da revista Educación Social e Escola na que pretendemos acoller diferentes experiencias e iniciativas realizadas polos/as educadores/as sociais. A atención ao mundo virtual e á integración das TIC nos centros supón que manteñamos unha sección permanente da RGE dedicada a estes temas.

7. A RGE é das poucas publicacións periódicas en lingua galega que aínda sobreviven. Como ves o futuro dos vindeiros 25 anos?

Non é doado facer unha previsión do que pode acontecer nos próximos 25 anos no mundo educativo. A realidade educativa e lingüística actual necesita de dirección política estratéxica e autonómica, de esforzos, de negociacións e de compromisos. Necesita, sen lugar a dúbidas, dos movementos reivindicativos que están aparecendo por todas partes. Pero tamén continuará precisando de instrumentos de comunicación, de espazos de reflexión e de contextos a través dos cales sexa posible canalizar experiencias e, por suposto, recursos para a formación. É a nosa intención que a RGE continúe estando aí presente, acompañando o día a día da acción educativa e docente de todos nós, desde as perspectivas transformadoras e de reforma. Sen dúbida, unha das cuestións coa que nos sentimos máis identificados foi sempre a proximidade e atención ás necesidades do profesorado galego a través da recollida de reflexións e de experiencias, tentando ao tempo contribuír á formulación de propostas útiles no día a día profesional.

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Entrevista ou páxinas centrais. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s