Nin con vinte, nin con trinta…


Lidia e Valentina

E falando da lingua, falamos da lingua na nosa casa, e permitídenos hoxe facer algo de terapia aqui convosco. É que estoutro día unha das nosas nenas, castelán falante ela, malia que nos doia, cando chegou do colexio díxonos que a profe nova lles comentara que “las caderas tienen que ser altas para que no duelan las piernas”. Pois nun primeiro momento custounos entender o que quería transmitir, pero, tras repetir a mensaxe varias veces, comprendemos que “la cadera” viña sendo “a cadeira”, a de sentar! E viraron as tornas! A nova profe, galegofalante, emprega léxico galego, pero a rapaza acordou que xa adaptaba ela ao seu castelán ese ditongo ei do galego, sen ter nin idea, cos seus 5 anos, do concepto ditongo, evidentemente! Aplicou os seus xa abondosos coñecementos das dúas linguas que sabe (aínda que use só unha delas) e deduciu que se a carteira é cartera e o panadeiro é panadero, a cadeira debía ser cadera sen máis. Ao revés tamén se fai… elimínanse ditongos no galego para diferenciar termos que son iguais en castelán, e aplícase a regra de… se o que en castelán é corriente en galego é corrente, pois ambiente será *ambente, ou conveniente será *convinte. Mais non é así, con esas correspondencias estamos facendo hipergaleguismos. Vós recordade sempre que debemos dicir conveniente e ambiente! Ó mellor válevos aquilo que nos aprendera Pepe Chao: nin convinte nin “contrinta”, conveniente!

Estes pequenos “fallos” que se producen por estaren as linguas en contacto, nos nenos son unha demostración de como o noso cerebro está preparado para compartir coñecementos dunhas linguas para as outras (o que os estudosos chaman “competencia subxacente común”) e demostra que ao aprenderen os rapaces dúas linguas de pequenos logo teñen máis capacidade para aprenderen outras. Pero falamos de que aprendan primeiro as linguas que teñen no seu contorno, e logo as outras na categoría de linguas estranxeiras, e isto tamén o din os expertos…

Adquirir contidos noutra lingua permite familiarizarse con estruturas gramaticais que despois se poden aplicar noutros contextos, interiorizalas, o que facilitará a competencia lingüística nas dúas linguas por igual.

E os nenos mesturan linguas ata unha idade, mais logo xa diferencian perfectamente e falan a que queren ou a que o ambiente lles marca, ou o que a súa competencia lles deixa… Porque a nosa nena era monolingüe en galego ata que chegou á escola e veu de volta dicindo aquilo de… no vejo la area!

Advertisements
Esta entrada foi publicada en Falando da lingua. Ligazón permanente.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s